EDL Salesianos Lugo





 CATEGORÍAS
 Webs amigas
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Roberto Vidal Bolaño, un home que escribiu aquí
RVB converteu os variados oficios do teatro nun retrato da Galicia contemporánea

Non foi compulsivo. Foi persistente. Subiuse a un escenario antes de ser maior de idade e persistiu tanto que foi capaz de converter a decisión nun oficio e transformar ese oficio nun espello para un país que nunca confía no seu futuro. Roberto Vidal Bolaño desconfiaba do presente e da súa versión esperanzada: o futuro. Desconfiaba e por iso foi tan persistente en todas as súas cousas: desde a escrita ao tabaco.

A diferenza de moitos autores, RVB non ten unha biografía intelectual marcada. Comezou a traballar antes dos catorce anos e o resto foi aprendizaxe. Quizais daí lle veña esa decisión de ser práctico, de facer o que houbese que facer. Unha actitude que, ademais de ser útil na vida, é especialmente axeitada para traballar nos escenarios. Foi un home de teatro no sentido menos metafórico do termo porque ningún dos oficios que se integran nesa cousa tan indeterminada de «facer teatro» quedou alleo aos seus cometidos.

O Día das Letras Galegas e as súas celebracións teñen tendencia á santificación. Con Vidal Bolaño está difícil. Porque era un home que desafiaba á polémica e que non medía o que dicía en función dos réditos por obter. A pesar de que no teatro todo é inmediato, todo é escaso. A pesar de que no teatro nunca deixa de haber crise, RVB foi lúcido no que viu e no que contou. Acometeu a estratexia dun teatro en permanente construción, en permanente persecución do público. Foi primeiro un autor disposto a utilizar as formas parateatrais que Galicia conservaba agachadas nas súas manifestacións e personaxes populares. Galicia creceu un día e, quizais como un adolescente que se sente maior de idade, pediu outro teatro. Bolaño entrou nos mitos dunha sociedade necesitada de horizonte para facelos humanos e asequibles. Así Rosalía como o Camiño de Santiago. Logo chegou a madurez. A do autor, a do país nunca está clara. RVB entrou nese grande ciclo de obras nas que por debaixo de cada argumento está a liña, sendo drama ou comedia, que tanto se corresponde coa contemporaneidade: o que puído ser e non foi. Así en Rastros como en Animaliños. A frustración de que os imaxinarios sempre sexan mellores que as realidades.

Foi un home teimudo. Só se deixou convencer cando a causa era xusta. Escribiu en todas as posturas posibles e non era amigo de permanecer sentado. Escribiu a pé de obra e, sen querer e sen evitalo, compuxo o retrato máis completo dunha Galicia que merecía un horizonte mellor. Escribiu aquí, no territorio e no tempo.
Comentarios (3) - Categoría: Festas galegas - Publicado o 13-05-2013 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 encantoume e#blgtk08#ste articulo
Comentario por jose (02-07-2015 20:40)
2 #blgtk08#
Comentario por (02-07-2015 20:40)
3 Tremendous. Ari #blgtk08#Gloucestershire
Comentario por Ari Gloucestershire (25-02-2016 13:21)
Deixa o teu comentario
Nome:
endlsalesianoslugo@gmail.com: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal