EDL Salesianos Lugo





 CATEGORÍAS
 Webs amigas
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Roberto Vidal Bolaño
Este ano o Día das Letras Galegas están adicadas a Roberto Vidal Bolaño e día a día poñeremos información sobre o autor e a festa.
Facémonos eco dun artigo de La Voz de Galicia sobre o autor homenaxeado:

Roberto Vidal Bolaño, o escritor que retratou a Galicia do século XX.
Quixo que Galicia tivese un teatro propio e manexase arugmentos propios. Definiu unha maneira de escribir para a escena e a súa decisión foi decisiva para a posta en marcha do teatro profesional galego.
Había un teatro por inventar e alguén tiña que poñerse a facelo. Foi Roberto Vidal Bolaño quen se puxo a artellar un teatro galego autosuficiente, capaz de explicarse a si mesmo mentres explicaba o país ao que pertencía. Un teatro interesado en conseguir maiorías e conectar as linguaxes que estaban por vir coas que sobreviviran aos anos da represión.
RVB foi un home práctico e un dramaturgo multitarefa. Foi precoz e serio, discutidor e irónico. Converteu unha dedicación nun oficio, pero non foi maxia nin potencia sindical: foi teimosía e habilidade. A biografía de Roberto Vidal Bolaño é curta. Naceu un 25 de xullo pouco despois da foguetería festiva de Compostela e desapareceu 52 anos despois, cunha liña vital na que couberon moitas novidades, moitas estreas e as inevitables decepcións, porque o mundo, por moi bo que sexa, nunca é tan bo como quixéramos.
Vidal Bolaño foi un home práctico. Comezou a traballar sendo un neno, estudou case en paralelo e tivo como primeira intención estudar cine. Eran os tempos nos que a escola de cine, en Madrid, era niño de xentes a contracorrente do franquismo. Pero a escola pechou xusto cando RVB estaba en disposición de ir a ela. Case ao tempo, levado pola gana de contar historias e por algúns autos escénicos que se facían polas festas de Compostela, comeza a facer teatro mentres mantén unha vida laboral paralela.
Como el mesmo conta, estudara para ter unha «perfecta categoría de contable» e, tras pasar por ocupacións varias como rapaz dos recados, chega a un banco case ao tempo no que gaña o seu primeiro premio Abrente, por Bailadela da morte ditosa. Están comezando os anos setenta, nos que, a pesar de que pode parecer outra cousa, está chegando un cambio de época.
Vidal Bolaño funda Teatro do Antroido e comeza unha tarefa de facer ponte entre un pasado sen escenarios convencionais e un futuro que está por imaxinar. Para o dramaturgo, a chave para conciliar dous espazos imaxinarios está nas manifestacións parateatrais que a cultura popular conservou: entre elas, o propio entroido. Buscaba volver a conectar ao espectador desentrenado do teatro desde as únicas expresións que podían ser familiares. Agardaba que, desde aí, houbese un territorio para conquistar nos escenarios.
O teatro de rúa, as intervencións, as ruadas e outro tipo de celebracións convértense na primeira ferramenta dun teatro que, sendo popular, se aparta do que se entendía entón con ese mesmo nome.
Era un teatro feito a medida para un tempo, para un país por construír, cun imaxinario aínda medoñento e necesitado de que alguén fose facendo, ao mesmo tempo que seducía, unha certa didáctica do mesmo feito teatral.
Teatro do Antroido, que tiña como núcleo iniciático ao propio Bolaño, a Rodrigo Roel e a Laura Ponte e no que tamén participaba Xaquín G. Marcos, tentou nesa primeirísima etapa montar espectáculos que ligasen co festivo e co popular, para ir entrando noutro tipo de teatro máis marcado polas condicións políticas e sociais da transición.
Querendo ou sen querer, RVB estaba abocado a ser o autor do grupo e esa necesidade inicial converteríase co tempo nun proceso operativo case permanente. Autor, director, actor, iluminador e o que fixera falta.

Teatro combativo
Teatro do Antroido vira cos tempos e aparece en Vidal Bolaño un teatro máis combativo en sentidos diversos. Sucede en Laudamuco, señor de ningures, onde ademais do comportamento do tirano Bolaño conta o comportamento resignado do seu servo. Galicia cambia moi rapidamente nesa mediada altura da década dos setenta e o cruce de circunstancias fai que Antroido madure como compañía e Roberto Vidal Bolaño sexa despedido do banco no que traballaba.
O dramaturgo decide dar un paso adiante e vivir do teatro. É un paso pequeno para el e grande para o país. Explicouno mil veces pola forza dos feitos sinxelos: a compañía viaxaba por unha voluntariosa rede de representacións propiciada polas asociacións culturais e veciñas, os espazos das caixas de aforros ou dos concellos. Nos máis dos casos, sen remuneración, pero cunhas ceas de enchenta para a toda a compañía. Bolaño pensou que os cartos que as asociacións investían nas ceas estaban mellor empregados en pagar á compañía: «E xa comeríamos nós polo camiño». Un home práctico.
Galicia está a punto de xirar na esquina da década. Vai pasar dun espazo en construción a un territorio urbanizado. Vai pasar das cousas que son posibles ás que simplemente son. Segundo avanza a nova década, RVB participa na posta en marcha do teatro institucional galego. O Centro Dramático Galego estréase en 1984 e o dramaturgo é o primeiro autor galego en estrear peza propia e dirixila. Agasallo de sombras pode ser lida agora como unha peza máis ou menos convencional, pero era unha lectura radical sobre a vida de Rosalía de Castro. Bolaño tocaba á «santiña» para facela máis humana. Pero o desgusto non lle viría por aí. Como explica na entrevista nas páxinas seguintes, unha polémica cun conselleiro apártao do teatro. Quedou desgustado e os desgustos de RVB sempre eran serios.
Roberto Vidal Bolaño apártase da primeira liña do teatro. Nin chama nin o chaman moito, agás cousas soltas. O retorno aos escenarios tardou arredor de oito anos. Xa eran os noventa e o lugar onde o mundo se chama Galicia mudara de xeito considerable, aínda que non sempre para mellor. Se o país era diferente, o autor non podía ser o mesmo.
O retorno de RVB á loita escénica foi progresivo. En 1991 gaña o premio Álvaro Cunqueiro, o máis importante naquela altura. Saxo tenor é unha obra sobre a Galicia que hai: arrabaldes case lumpen polos que sobrevoan os elixidos dos centro. Non teñen altura para causar traxedias, causan desgrazas.
O premio e a colaboración de Belén Quintáns serven para a posta en marcha da compañía definitiva de RVB. O nome é unha declaración de intencións: Teatro do Aquí. Bolaño foi moi leal a esa declaración e buscou un teatro que, sen deixar de ser para maiorías, ofrecese un espello no que mirarse. Sen deixar de utilizar os materiais propios, os argumentos á man, organízase a un tempo unha historia digna de ser contada e explícase algo sobre nós.

Madurez
Vidal Bolaño entra nunha etapa de madurez a pesar dalgúns desgustos coa profesión por esa obriga de ser, ademais de todo o que se enumera habitualmente, empresario teatral. Iso e que gañase premios por obras como As actas escuras, que non foron representadas tal e como se consignaba nas bases.
Aínda con esas cousas, Teatro do Aquí encadea os seus espectáculos interesándose por textos de Otero Pedrayo (O desengano do Priorio) ou por textos como Oé, oé, oé. Ben andados os noventa, case na fronteira coa outra década, RVB decide poñerse irónico para escribir tres comedias sobre o presente menos cómodo. Anxeliños, Criaturas e Animaliños son para rir mentres se observa o retrato de grupo no que estamos nós. Pero ao tempo escribe e estrea un dos principais dramas escritos na Galicia contemporánea, Rastros.
Aínda dirixe e adapta para o Centro Dramático Galego textos tan definitivos como a Rosalía coa que Otero Pedrayo pretendía escribir unha biografía escénica da escritora. Entre unhas cousas e outras foi capaz de completar o retrato dun país que, segundo a súa obra, é máis fácil de imaxinar que de habitar.
Comentarios (0) - Categoría: Festas galegas - Publicado o 11-05-2013 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
endlsalesianoslugo@gmail.com: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal