Nos celtas existía o costume chamado "das Velas do Nadal". Esta era unha tradición que consistía en manter unha vela acesa en honor á deusa Nai Terra durante o solsticio de inverno, usando os restos da vela do ano anterior.
Debía arder durante doce horas para traer boa sorte. Coma orixe desa tradición xurdiu unha das tradicións máis antigas e de maior raigame en Galicia: o chamado "Cepo do Nadal".
Esta tradición foi moi común especialmente en Lugo y Pontevedra.
O "Cepo do Nadal" era unha cepa grande de madeira boa, de carballo xeralmente, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Nalgunhas comarcas tamén se usaba o chamado "Lume novo" (as brasas deste lume, facíanse nas lareiras das casas queimando toxo ou leña miúda, logo eran benditas o Sábado Santo no adro da igrexa. Gardábanse porque daba boa sorte á familia e acendíanse na noite de Nadal).
Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da Santa Compaña, da Estadea, de mouros, serpes, encantos, contos de rir, etc mentres os nenos xogaban. Pensábase que ás animas da familia estaban presentes esa noite arredor do lume.
Este cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun curruncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboadas de verán como no anaco de inverno que aínda quedaba por vir, collíase borralla do cepo de Nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos.
|