Sabio é aquel que coñece os límites da súa propia ignorancia unha frase de Sócrates, o mestre do coñecemento, ese que só sabía que non sabía nada.
Efectivamente quen foi ver o espectáculo Shakespeare para ignorantes un marabilloso texto teatral de Quico Cadaval representado por axiña reparará na importancia de preguntarse sobre o proceso da aprendizaxe. Esa reflexión levada ao terreo da lingua fainos pensar na necesidade de ver a lingua, a galega e as demais, como unha oportunidade enorme para sumar e saber exercer como seres humanos de pleno dereito ante o mundo, sen vergoña, sen complexos, sendo de verdade, leais aos nosos avós, fieis a nosa historia, tedo memoria do pasado e coa esperanza posta no futuro.
Acabamos de saber que a primeira película da saga QUE A LINGUA TE ACOMPAÑE! vai ser protagonizada por Rosalía de Castro que interpretará o papel da propia Rosalía.
Estamos impacientes xa por ver o adianto que se espera se faga público en cuestión de días.
Ábrese un prazo para elaborar un guión para a mesma que deberá estar baseado, como é lóxico, na Historia da nosa Lingua.
Hoxe comeza a celebración do 90 aniversario do Colexio San Narciso dos Padres Paúis en Marín. Os actos previstos para hoxe son unha misa solemne na igrexa de Sta. María do Porto ás 19,30, moi perto de onde estaba situado o antigo Colexio, hoxe Parque do P. Eguren (un dos Padres Paúis que pasaron polas nosas aulas de máis nome). Moito é o que ao longo destes 90 anos os Paúis deron, singularmente un labor calado e paciente de formación a xeracións e xeracións de marinenses e pontevedreses.
O outro acto que terá lugar ás 20,30 no Museo Torres terá como protagonista outro paúl realmente destacable polo seu vencello con Marín. Trátase do Elixio Rivas Quintas que vai facer entrega ao Concello do orixinal do seu voluminoso traballo sobre a Toponimia de Marín. Un acto entrañable, simbólico e de singular importancia para o patrimonio da nosa localidade xa que o propio Concello vai realizar unha dixitalización do traballo para que teñan un fácil acceso aos seus contidos investigadores e público en xeral. O traballo realizado por Elixio Rivas foi obxecto da súa tése de doutoramento. Aínda que foi publicado un extracto na revista Verba da Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela, unha gran parte permanece inédito e de aí a gran relevancia que ten este acto.
O que fora director do Colexio San Narciso, padre paúl e un home destacado no eido cultural galego acaba de deixarnos.
Xa había case un ano que fixara a súa residencia nun centro de padres paúis en retiro que dita comunidade ten en Salamanca. menos tempo no que seu estado de saúde empeorara e ao fín o día 29 falecía aos 89 anos de idade.
Destacou como téologo e historiador, pero aos que o coñecemos non podemos deixar de lembrar de el a súa capacidade de traballo, a súa xenerosidade como persoa e o seu compromiso cos seus ideais sempre tan apegados a Galicia. Precisamente unha etapa da súa vida moi produtiva intelectualmente e digna de mención na que aportou distintas obras, contribuiu á edición de importantes e destacadas obras (A igrexa galega, Alexandre Bóveda, Breve Historia de Galiza, Martín Sarmiento...)coincide coa dirección do semanario nacionalista denominado A Nosa Terra.
O seu compromiso como intelectual galeguista levárao ao cárcere uns anos antes, pouco despois de deixar a docencia que exerceu no noso centro en Marín e tamén no centro dos Paúis de Baracaldo aló polos anos 60.
Lembramos con cariño o seu interese e a súa aportación a unha pastoral diferente, as súas últimas charlas no centro con motivo das das Letras Galegas á solicitude do noso Equipo de Normalización ou máis recentemente, unha das últimas actividades públicas, a derradeira lección maxistral que lle escoitamos no acto de homenaxe que a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle rendiu en Compostela incorporándoo á lista dos Bos e Xenerosos.
Deixamos aquí unha entrevista, tamén recente realizada no ano 2013 na canle Irmandade TV:
O EDLG do San Narciso fixo o pasado día 2o de decembro unha probra, unha edición 0 do seu concurso " I é verdade, i é mentira" que aínda que mellor data para dita proba sería un 28 de decembro, xiraba ao redor das celebracións que son tradicionais de Defuntos a Reis, unha especie de concurso no que os concursantes que eran de 2ºESO A e de 2º ESO B debían discernir entre as opcións propostas polas nosas guionistas cales eran verdadeiras e cales falsas. Foi unha posta a punto para poñer de xeito máis rigoroso e con premios e todo unha primeira edición deste concurso do que axiña publicitaremos as bases e as datas que ao longo do curso realizaremos. Estade atentos.
Comeza un novo curso e imos traballar sobre o lema da verdade. Saber quen somos, sermos auténticos, orixinais e non avergoñarnos da nosa identidade, orgullosos da nosa forma de ver o mundo, da nosa cultura e da nosa lingua é descubrir a verdade... a Galicia que levamos dentro. Sabemos que a verdade tamén nos fará máis libres.
?A realidá existe
porque existe a palabra.
Si non sabes dicir longa é a noite
tampouco saberás que existe a alba.?
Celso Emilio Ferreiro
Comeza o curso 2010-2011, o noso lema "Respecto á diferenza, dereito á identidade" vainos levar durante este curso polo camiño da tolerancia á diferenza, esa que non impida a nosa afirmación orixinal no universo, que reclame o noso dereito a ser diferentes e a non estragar a nosa cultura, a nosa peculiar forma de ver o mundo.
Unhas palabras tiradas do comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
" O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de eles axiña se perderán para sempre.
A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza".
Por iso o noso traballo durante este curso cremos que debe encamiñarse na procura de preservar o espazo do galego, ese que debe ocupar Galicia no mundo.