Este concurso que xa leva anos facéndose. Está convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación onde podedes consultar as súas bases. É un corcurso destinado a rapaces, mozos e mozas de 14 a 19 anos. Animádeos a participar!
Con motivo da semana dos libros imos colocara en distintos lugares do centro, tamén na Biblioteca, unha serie de textos de Celso Emilio Ferreiro no seu centenario seguindo o consello que nunha fermosa declaración de amor á lectura, Agustín Fdez. Paz fixo en forma de relato breve no libro O único que que da é o amor. Aquí está o relato e a iniciativa:
Ao principio nin sequera estaba seguro de que se tratase dunha boa idea. Ocorreuseme mentres contemplaba un deses papeis con anuncios de todo tipo que a xente pega nos lugares máis frecuentados. Calquera persoa que viva nunha cidade está farta de velos, aínda que para ler o seu contido haxa que achegarse bastante a eles, porque case sempre están escritos en letra moi pequena: "Ofrécese señora por horas para coidar nenos". "Sacamos a pasear ao teu can". "Cerralleiros, 24 horas". "Licenciada dá clases particulares de Matemáticas"... É fácil distinguilos, pois, pola parte inferior, o papel sempre está cortado formando tiras onde aparece o teléfono ao que hai que chamar. Eu pensaba que ninguén lles facía caso, pero cambiei de opinión ao observar que de moitos deles desaparecían case todos os tíckets cos teléfonos ás poucas horas.
Así que entra dentro da lóxica que se me ocurrira algo parecido cando volvín a atoparme cun deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alaegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sinto neses casos: telefonear aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo. A idea veu a min con naturalidade. Aínda non era ben consciente do que quería facer, cando xa estaba diante do ordenador, copiando as primeiras liñas daquel volume de relatos que me tivera absorvido nos días anteriores. Fíxeno cunha letra de corpo vinte e un interliñado xeneroso, de ningunha maneira quería que pasase inadvertido entre os papeis:
"Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos,de pecado, mentres fai súa a carne...
Imprimín vinte follas, en papel de cor azul. Despois tiven que recortar a man as tiras da parte inferior; foi un traballo laborioso, pero pagou a apena. Nelas, en vez do número de teléfono, escribín o título do libro e o nome do seu autor. Se a alguén lle interesaba a historia que se agachaba detrás daquelas poucas liñas, alí tiña o fío que lle permitiría entrar nela e descubrir as súas marabillas. Peguei as follas por todo o barrio. Como sentía algo de vergoña, erguínme cedo e coloqueinas de mañanciña, antes de marchar para o traballo. Ao volver da oficina, o primeiro que fixen foi percorrer os lugares onde deixara os papeis. O corazón fóiseme enchendo de optimismo a medida que vía cortadas a maior parte das tiras. Era máis do que eu agardaba, o sinal inequívoco de que as miñas mensaxes estaban xa nas mans doutras persoas descoñecidas. Animado polo éxito, decidín probar de novo. Desta vez elixín as liñas iniciais dun deses libros que releo cada certo tempo, para revivir de novo a emoción tan intensa que sentín a primeira vez: "Foi o verán en que o home pisou a lúa por primeira vez... (Paul Auster,O Pazo da Lúa).
Axiña comprobei queos tíckets das miñas follas desaparecían ao pouco tempo de distribuílas. O sistema funcionaba! Seguín colocando novos textos cada tres ou catro días, pois quería deixar o tempo suficiente para que se puidese asimilar o efecto que produciría cada un. Cando cheguei á décima folla, decidín facer algo especial. Escollín un papel de maior calidade e, tras moitas dúbidas, seleccionei o comezo dun libro que me deixara marcado desde o ano, xa distante, en que o lera por primeira vez:
"Unha mañá cando Gregorio Samsa espertou despois dun sono intranquilo, atopouse sobre a súa cama convertido nun mostruoso insecto. Franz Kafka, A metamorfose).
Á mañá seguinte, cando saín a colocar os meus carteis, descubrín con abraio que alguén pegara outros semellantes. Sentín unha emoción irrefreable, maior aínda cando comprobei que aquela anónima persoa se atrevera coa poesía, dándolle así unha boa lección a todos cantos, equivocadamente, afirman que é un xénero minoritario:
Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre...
Non só arrinquei un tícket, senón que, despois de pegar tamén as miñas follas, me mantiven vixilante todo o día, para ver como era recibida a nova proposta. A recepción que tivo foi extraordinaria, pois os tíckets voaron con máis rapidez que outras veces. Sentíame exultante! Agora sabía que preto de min ha´bía unha persoa disposta a compartir a emoción que tamén ela sentía ao ler algún deses libros que nos iluminan a vida. Claro que a sorpresa maior tívena o seguinte luns. Cando me erguín para colocar as follas cun novo texto, atopeime con que as rúas enteiras aparecían repletas de papeis de cores por todas partes: nas esquinasdas paredes, nos farois, nas portas dos comercios, nos semáforos, na parada do autobús...
Un texto de Agustín Fernández Paz
(NOTA: algún dos textos literarios doutros autores intercalados foi modificado intencionadamente polos autores deste blog)
Agora que vén a primavera vén a conto lembrar que por estas datas naceu Sarmiento o primeiro autor da nosa literatura contemporánea, o que deu pé á paracición do movemento denominado Rexurdimento coa creación dun libriño que titulou: Coloquio dos 24 galegos rústicos ou das 1200 coplas.
Esta obra que non se publicaría ata despois da súa morte serviu dse modelo formal e de contidos para os autores que virían logo Pintos, Rosalía... Imos lembrar algo do que dicía á altura de 1746 nestas coplas:
Teñen os pobos a gala
na súa linguaxe falar,
fálase chinés na China,
portugués en Portugal,
catalán en Cataluña
e na Alemaña, alemán.
Soio os galegos de agora
ata vergonza lles dá
falar a melosa e doce
fala que falan os seus pais.
A tradición oral de Galicia conta desde agora cunha nova ferramenta de consulta e referencia: o Refraneiro Galego para iOS, unha aplicación para móbiles que permite consultar case 10.000 refráns diferentes desde trebellos como o iPhone, o iPod ou o iPad. Desde o pasado xoves está dispoñible na Apple Store esta anovadora aplicación, que trata de achegar o patrimonio cultural galego e a tradición oral do país ás tecnoloxías da información e as redes sociais.
A aplicación, que se vende por 0,79 euros, permite consultar en modo offline (sen necesidade de estar conectado a internet) os 9.500 refráns que forman esta colección do Refraneiro Galego, visualizándoos en modo aleatorio ou mediante a busca por palabras. Tamén é posible gardar os refráns preferidos na sección favoritos, así como compartilos pola rede vía correo electrónico, Facebook ou Twitter. O Refraneiro Galego para iOS tamén inclúe un sistema de alerta opcional que permite recibir no teléfono un refrán diferente cada día ou cada semana sen ter que abrir a aplicación.
Unha ferramenta útil, entretida e divulgativa; unha xoia da tradición oral e da sabedoría popular de Galicia. E é que? non hai refrán vello que non sexa verdadeiro!!
A aplicación do Refraneiro Galego para iPhone tamén conta cunha versión reducida na rede: www.refraneirogalego.com, unha web que publica novos refráns diariamente e onde calquera pode enviar as súas suxerencias, do mesmo xeito que no Facebook e no Twitter (@RefraneiroGZ).
O Refraneiro Galego para iOS é un proxecto persoal da xornalista coruñesa Pilar Mera, encargada de recompliar os case 10.000 refráns, deseñar a interface da aplicación e poñer en marcha a web e os perfís en facebook e twitter do Refraneiro, todo baixo o alias de Decrecemento Feliz. Canto ao código, a programación do Refraneiro está asinada por Víctor Pena e Esteban Bouza, os dous enxeñeiros informáticos que forman o selo Filloa Dev e autores de O Tempo, outra aplicación para móbiles publicada en xaneiro de 2011 e que ofrece con detalle e actualizacións frecuentes todas as predicións e informacións meteorolóxicas de Galicia.
Son moitas as actividades posibles que se realizan no entroido nas aulas,non esquezamos que Galicia ten un dos dez máis orixinais do mundo.
Na seguinte ligazón temos unha chea de recursos na rede sobre o entroido
Aquí deixamos unha mostra en vídeo:
En cuestión de pouco máis dun mes o noso P. Carballo, paúl ligado ao noso centro dende hai unha chea de anos recibiu moi merecidamente, aínda que eñ co humilde que é asegure que é un exceso, dous emotivos e cariñosos recoñecementos públicos da intelectualidade galega como son por unha banda, A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)e a prestixiosa Asociación cultural " O Facho".
A primeira realizou unha homenaxe no mes de decembro nomeando a Francisco Carballo, "bo e xeneroso", pola súa traxectoria e aporte á cultura de Galicia, xa non só como Director que foi do Semanario "A nosa Terra" senón amén pola súa contribución con estudos e ensaios sobre a Igrexa Galega ou sobre personaxes tan transcendentais para Galicia como Castelao, Alexandre Bóveda ou Martín Sarmiento.
A segunda levouse a cabo hai uns días o 28 de xaneiro tamén na cidade da Coruña.
Podedes ver unha intervención recente sobre a cuestión da lingua: