O 8 de febreiro tivemos a sorte de contar coa visita de Xurxo Ayán e Manuel Gago, que desde xa pasan a formar parte da nosa educaldea. Presentaban Herdeiros pola forza, mais en realidade o que nos traían era unha chea de reflexións sobre o noso patrimonio, sobre o que fomos, o que somos e o que deberíamos ser nun futuro no que vós, o noso alumnado de hoxe, seredes os protagonistas.
No concello de Rianxo contamos cun grande patrimonio material e inmaterial, é dicir, castros, mámoas, igrexas, cruceiros, mais tamén lendas, cantigas, tradicións... En educaldea loitamos cada día para que ese tesouro continúe a estar presente nas nosas vidas, tal como estaba en tempos dos nosos avós. Mais para querelo, respectalo, temos antes que coñecelo. Quizá esa foi a ensinanza mais importante que nos deixaron Xurxo e Manuel: Respectemos, coidemos o noso patrimonio, a través do gozo de coñecelo.
Podes ver un fermoso reportaxe fotográfico no blogue amigo Fotos de Rianxo. Grazas polo voso traballo.