Aquí están as fotos do día de Entroido en Educaldea. Este ano houbo peluches e moitos, moitos durmiñocos e durmiñocas que non botaron soneca ningunha, polo menos de mañá. Tivemos música e así o pasarrúas resultou moito máis divertido. Graciñas músicos polo voso traballo animando a marcha.
Premede na foto para ver todo o álbum.
Lembrade que o noso Entroido aínda non rematou. Este venres no recreo queimaremos ao Toribio. Xa sabedes, vide vestid@s para a ocasión: rigoroso loito.
Que guiadiñ@s somos! Mandan en nós e aínda o pasamos ben.
Aquí vos van catro días de mandados do Toribio en imaxes. Mandís, panos, zapatos desparellados, pintura na cara e nos recreos: fariña, auga, música, bailes, carreiras... FESTA!
E mañá día grande de Entroido na escola.
A passada semana, sobre os telhados da faculdade de Filologia em Compostela, havia um bando de estorninhos. No ar, faziam uma espécie de dança, na que participavam, perfeitamente sincronizados, milhares de pássaros. Tirei muitas fotografias fascinado pela magia dos movimentos que em massa faziam as aves, e agora quero comparti-las.
Ao outro dia de desfrutar deste espectáculo, li que os vizinhos de Compostela protestavam pela presença dos estorninhos, e mesmo pediam que os espantassem a tiros, pois não podiam dormir à noite com o som do seu canto. Quando eu durmo na cidade, o que me incomoda é o ruído dos carros, da gente a berrar pelas ruas, a música que sai dos locais nocturnos? Assim que se lá não querem os pássaros, eu acho que em Educaldea temos sítio suficiente para todos
En vista de que o pintado do noso centro parece que vai para longo e iso que levamos 25 anos (que logo se di) sen que se lle poña a man enriba, pasamos mans á obra.
Os rapaces e rapazas de 6º A comezaron a decorar o patio de atrás con "manchas de deseño" para darlle unha pouca vida a ese espazo que tanto usamos en Educaldea. Mirade que ben lles está a quedar!
A ver se alguén se dá por aludido e instala un estaribel deses de pintar fachadas, que boa faltiña nos fai. E se non, haberá que pensar en cubrir nós a escola de manchas... de deseño, non de humidade.
Comezamos o día conspirando coas bibliotecas escolares galegas. Biblioteca Brea Segade.
Continuamos preparando nas clases mensaxes, desexos e palabras de paz escritos sobre pombas brancas. Unha cadea de mans levounos ao Auditorio onde, curso a curso, lemos as nosas mensaxes e as fumos deitamos sobre un mapa do mundo.
Escoitamos tod@s xunt@s os nosos poemas pola paz e nesa mañá o mundo pareceunos mellor, e a paz, posíbel.
Xa pola tarde, tamén no auditorio, puidemos gozar de Azur e Asmar, unha preciosa película de Michel Ocelot que por medio dun conto máxico nos fala da falta de comunicación entre distintas culturas e pobos.