Requiem é o título dunha obra composta por Jose Carballido ao que tod@s lembramos ben desde o seu paso por Educaldea hai un par de cursos.
Queremos que tod@s poidades escoitar o seu Requiem desde Educaldea porque aínda que haxa kilómetros de por medio el segue a ser tamén educaldeán e nós estamos pendentes do seu traballo e celebramos os seus éxitos.
Bicos desde Taragoña, Jose.
Esta foi unha fin de semana de premios para diferentes colectivos e persoas de Rianxo:
- Premios da Asociación Cultural Barbantia ao grupo de teatro Airiños e ao académico da Lingua Xosé Luis Axeitos
- 2º Premio do Certame Galego de Bandas na sección segunda á Banda da Escola de Música de Rianxo.
- Premio especial á interpretación dunha peza de autoría e temática galega á Banda da Escola de Música de Rianxo.
- Entrega de dous 1º Premios de Composición a Antón Alcalde
Desde Educaldea queremos enviar os nosos parabéns a todos eles. Para nós é dobre motivo de ledicia pois son rianxeir@s e amig@s de Educaldea.
Un ano máis celebramos as eleccións para escoller debuxo e lema para o cartel do Magosto. Nesta ocasión os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º fixeron os lemas e os de 4º, 5º e 6º os debuxos.Tras seleccionar entre todos os doce lemas e doce debuxos a votar iniciamos o proceso electoral: o luns constituironse as mesas con presidente e tres vogais e o martes no recreo abríronse para que tod@s poideramos exercer o noso dereito ao voto.
A xornada desenvolveuse sen incidentes e tras o reconto dos votos emitidos (un 90% do censo, xa lles gustaría a outr@s) proclamáronse o debuxo e lema escolleitos:
Debuxo - Dani Sóñora de 6º
Lema - Marcos Otero de 3ºB
Desde Educaldea dar a noraboa a todos os educaldeáns e educaldeás polo voso esforzo deseñando debuxos e lemas e pola participación nas eleccións. Graciñas!
Agora a gozar a tope do noso magosto!!
Hoxe a última hora da mañá o presidente da ANPA do CEP Brea Segade recibiu un fax informando de que a Delegación da Consellería de Educación de A Coruña decidira nomear un orientador para o noso centro. Espérase a súa incorporación o vindeiro luns. Queda desconvocada polo tanto a concentración de protesta que se ía realizar mañá. A ANPA infórmanos de que continuará as xestións para conseguir un especialista en Audición e Linguaxe para as escolas de Asados e Taragoña.
Unha vez máis constatamos o poder que os medios e as accións públicas de protesta exercen sobre a toma de decisións por parte da Administración.
Ante a falta de Orientador/a e Especialista en Audición e Linguaxe as Anpas do noso colexio e do CEIP Ana Mª Dieguez de Asados deciden iniciar protestas co fin de presionar á Administración para solucionar este problema que arrastramos desde o comezo do curso. Na Voz de Galicia
Animámosvos a participar na concentración convocada para o recreo de mañá venres día 13.