ou como transcorre a vida dun transhumante mental que aínda non se decatou do cambio de século
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


Edelmiro Silveira, a priori
 Categorías
 Máis blogs
 Arquivo
 Buscador
 Buscar blogs galegos

Modigliani en Corrubedo

Tras gozar Edelmiro dunha exposición sobre Modigliani no Museo Thyssen-Bornemisza, tívose que enfrontar ao sempiterno dilema de que rexistrar no libro de sinaturas co que nos atopamos ao remate dunha visita a un lugar selecto ou non.
Certo é que xa non se trata dun dilema real, posto que o resolveu hai tempo botando mal da sabedoría popular manifestada en forma dunha graciosa copla. Lembrou que iniciara este hábito nun museo etnográfico de Budapest, e que continuara no castelo de Sant'Angelo frustrado por non poder atopar a Scarpia. Sería Modigliani quen de inspirarse nesa doncela de Corrubedo? Pensou. Pero só pensou.
Comentarios (1) - Categoría: Datos biográficos - Publicado o 29-04-2008 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Real tanga


Paseaba Edelmiro Silveira pola blogosfera cando caeu nun texto de Reina Lupa no que falaba de máquinas expendedoras de tangas. Non xulgou desacertados boa parte dos comentarios que esta analista facía pero chamoulle fondamente a atención un detalle, provounos?
Reflexionou ao respecto concluíndo que dificilmente se pode valorar un produto se non se probou e chegou a un segundo paso: como poden ter os seus lectores/as constancia de que os probou? Sen dúbida que merecen unha proba máis aló dunha simple foto na que se estire tan lixeira lencería cuns dedos.
Dado que esta analista é unha raíña, supuxo Edelmiro que lle correspondería un reino, polo que quizais os seus súbditos estivesen interesados/as en opinar a este respecto. Sería un reino democrático? Vaia contradición. Este reino sería deste mundo? O post sobre o tanga parece bastante mundano. Quizais ás veces conveña escoitar o pobo.

Comentarios (12) - Categoría: Visións e andanzas - Publicado o 22-10-2007 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Atul de Azucena
Lendo Edelmiro un novo blog que asina Azucena Cadavide, reparou en que coñecera a ese tal Vicente Muñoz por ser compañeiro da Escola de Maxisterio dun amigo seu. Marabillouse de que xa fose quen de ter un libro publicado e quedou estupefacto ante a posibilidade de que a incauta Azucena pretenda aprender música por medio de tal individuo, un instrumentista de vento-metal! Incríbel que isto pase no país no que naceu Beethoven.
De depender a súa aproximación á música dun músico de vento-metal, que contacte con Berni, pensou, polo menos aprenderá cousas da vida.
Comentarios (1) - Categoría: Visións e andanzas - Publicado o 14-10-2007 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Beethoven era galego



Observou Edelmiro este xa célebre anuncio de Gadis non sen emoción, e escoitando a música lembrou unha frase de Billy Wilder. O cineasta, na súa habitual ironía, amosaba a súa admiración polos austríacos porque "convenceron o mundo de que Beethoven era austríaco e Hitler, alemán".
Comprobando o ben que lle quedaba a música da Novena de Beethoven a este anuncio, a Edelmiro xa non lle quedou dúbida algunha. Nin austríaco, nin alemán. Galego.
Comentarios (0) - Categoría: Visións e andanzas - Publicado o 13-10-2007 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Pum!


Cando Edelmiro coñeceu un inspector de educación nun bar de cazadores, contoullo a un amigo profesor, quen quedou estupefacto, xa que nunca tal vira en dez anos de profesión. Teríalle crido mellor que confesase ter visto marcianos ou que se lle aparecera a Virxe.
Falaba en terceira persoa: "Cando se move un coello, tíraselle. O mesmo fai este inspector cos profesores, se se moven, pum! Sempre hai algún can que mos levanta".
Pensou Edelmiro, coellos... un can... quizais unha granxa na que uns animais son máis iguais ca outros? Pero non puido resistir a tentación de rir na cara deste inspector para que este pensase que ría as súas ocorrencias.
Comentarios (0) - Categoría: Visións e andanzas - Publicado o 23-09-2007 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Saíron


Edelmiro non deixou de sorprenderse pola capacidade de innovación léxica deste célebre bombardino de Cira nun tema tan manido coma é o sexual.
Veulle á memoria o título dun ensaio de Dieste: "A vontade de estilo na fala popular". Non é que lese tal ensaio, de feito a Literatura Galega que se estudaba en terceiro de BUP non era unha materia na que se lese, arre demo; senón que se almacenaban datos dos cales uns quedaron e outros, coma diría Berni, "saíron".
Concluíu, sen ter lido o ensaio, que este delicioso monólogo manifesta contundentemente esa vontade de estilo, ogallá Dieste puidese vivir para velo!
De que tamén sen lembrou Edelmiro foi dos habitantes de Castroforte do Baralla e da súa dura pugna na que discutían sobre se había máis termos para denominar os xenitais masculinos ou femininos. Sería Berni capaz de atopar os equivalentes a grota, braña ou pozo negro nos paladíns da masculinidade?
Sen dúbida, pensou.
Comentarios (0) - Categoría: Visións e andanzas - Publicado o 23-09-2007 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Algún comezo sempre hai
O ano que se ía licenciar, Edelmiro Silveira foi consciente das preocupacións dos seus compañeiros de promoción por atopar un primeiro emprego. Dado que non lle entusiamaba o feito de atoparse nunha situación semellante, pensou (…) ben, moito non pensou, sendo francos, digamos que “intuíu” (…) mellor dito, fuchicou no subconsciente, e algo lle terían que reportar tantas horas de dedicación á lectura: decidiu converterse nun deses personaxes literarios aos que se lle descoñece ocupación algunha. Érguense sen fame e se a teñen, pois comen. Levan roupa posta e se queren cambiala, abren o armario. Ven algo que lles gusta nunha tenda, pois botan a man ao peto e pagan.

Como non se lle ocorrería idea semellante antes a alguén? Pensou. Claro, se a ninguén se lle coñecese ocupación, quen sería a porteira chismosa? e o mendigo omnisapiente? e o vello catedrático pedófilo? Quedoulle claro: mesmo no mundo da fición, a alguén lle tería que tocar traballar, beatus ille.
Loxicamente, esta non licenciatura provocou un shock na súa familia. Como ninguén pensaba que non se ía licenciar, ninguén fixo nada por evitalo.
Comentarios (0) - Categoría: Datos biográficos - Publicado o 22-08-2007 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal