dúbidas lingüísticas


As preguntas que facedes contestaranse cun comentario a non ser que a resposta requira un novo post

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sobre a nova normativa

É moi frecuente escoitar comentarios respecto ao cambio de normativa. Que se o galego está sempre a mudar, que se antes era tal e agora é cal e que vai ser despois...
Non nos podemos permitir tal inxenuidade. Os cambios na lingua son máis frecuentes do que pensamos, o propio español estivo non hai moito cun problema sobre os plurais dos estranxeirismos ou o alemán, cun cambio normativo moito máis polémico do que foi en Galiza. Ademais o caso do galego non é tanto un cambio de normativa senón máis ben unha actualización lingüística.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2006 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
Cambios na norma


Grupos -CC- e -CT-
Nestes grupos óptase por simplificalos sempre e cando vaian despois dun u ou dun i perdendo así a primeira consoante do grupo culto: condutor, ditadura... Con todo, hai palabras que poden presentar problemas de homonimia; nestes casos conservaríase o grupo culto: adicción. Tamén hai palabras que por seren pertencentes a linguaxes especializadas conservan o grupo culto: ficción, deíctico...
Palabras rematadas no sufixo -zo, -za:
Na nova normativa amplíase o grupo de palabras que teñen a terminación patrimonial -zo, -za, das que existía unha exhaustiva documentación histórica xa desde os escritos medievais. Recupéranse as formas esenciais e tradicionais do idioma: diferenza, espazo, estanza ("estrofa"), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, querenza, sentenza, servizo e terzo.
Os demostrativos neutros: isto , iso, aquilo.
Nas normas anteriores convivían os demostrativos esto, eso, aquelo e isto, iso, aquilo, pero recomendábanse as formas con i. Na normativa actual desaparecen as primeiras nun afán simplificador que responde ao uso extensivo das formas con i, especialmente na escrita.
A formación do feminino.
A nova normativa, nun intento unificador, acomoda ao esquema tradicional de formación do feminino (án/á) aquelas palabras que o construían co sufixo -ana (catalán, catalana; afgán, afgana...). Este cambio aféctalle ás formas: alemán, barregán, capitán, afgán, catalán, bosquimán, alazán, ermitán, escribán, gardián, musulmán, rufián, sanscristán, sultán e truán. Só as formas pexorativas e aumentativas conservan a terminación -ana: bocalán, bocalana. Simplifícanse, así mesmo, as posibilidades de formación do feminino das palabras rematadas en -ón. Na nova normativa aplícase o esquema -ón/-oa (león, leoa; anfitrión, anfitrioa...), agás nos aumentativos e formas pexorativas: abusón, abusona.
Adverbios e conxuncións.
Elimínanse as conxuncións e locucións conxuntivas: anque, nembargantes, sen embargo e entonces, ademais dos adverbios alomenos e entonces. Esta supresión responde a que moitas delas son consideradas formas non autóctonas ou a que son resultado de híbridos ou creacións vulgarizantes, como, por exemplo, nembargantes (non embargante).Incorpóranse ao idioma os adverbios alén e aquén, as conxuncións até que, no entanto e porén, tamén as locucións prepositivas e as preposicións: a respecto de, alén de, após, aquén de, até, canto a. Algunhas formas que se escribían separadas únese graficamente: apenas, amodo, devagar, talvez, decontado, acotío, enseguida, deseguido, decotío, deseguida, decontino e decotío.
Cambios na acentuación.
Un dos cambios ortográficos máis salientables que se incorporan na lingua é a acentuación esdrúxula da primeira e segunda persoas do plural no pretérito imperfecto de subxuntivo. Escribirase, entón, andásemos e andásedes e non *andasemos e *andasedes. No que respecta ao acento, deixa de ser obrigatoria a súa representación gráfica nos adverbios e pronomes interrogativos e exclamativos cando introducen unha oración interrogativa ou exclamativa indirecta. Só se poñerá o acento gráfico naqueles casos en que se poidan producir ambigüidades. Por regra xeral, non se acentuarán.
Os numerais.
Deglutínanse os numerais entre vinte e trinta: vinte e un, vinte e dous, vinte e tres...


Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2006 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Recomendacións na norma


A contracción de «a» máis o artigo determinado.
A representación do encontro da preposición a co artigo determinado masculino resólvese nun aparente equilibrio de formas: tanto ao como ó (e os seus respectivos plurais: aos e ós) son correctas. Nas normas ata agora vixentes recomendábase o emprego de ó, máis fiel á fala. Na actualidade enténdese que, se ben predomina e é obrigatoria a pronuncia ó, a forma ao está documentada historicamente na escrita e moi arraigada hoxe en día. Na redacción do texto emprégase ao.
Os sufixos -ería, -aría.
Nas normas actuais dáselle preferencia a forma tradicional -aría (libraría) "excepto nalgúns galicismos", aínda que non son incorrectas as palabras rematadas en -ería (librería). Xa que logo, conviven na lingua as dúas formas, pero recupérase e dáselle prioridade ao sufixo autóctono: consellaría.
Os sufixos -ble e -bel.
Ata o momento dábaselle prevalencia á terminación -ble (posible, terrible...), aínda que -bel (posíbel, terríbel...) tamén estaba aceptada. No novo texto ambos os sufixos adquiren a mesma validez.
A segunda forma do artigo.
Considérase obrigatorio o uso da forma do artigo -lo só coa preposición por (polo, pola...) e o adverbio u (u-lo libro?). No resto dos casos a representación gráfica é facultativa. No texto das Normas só se utiliza nos casos en que é obrigado. Son, pois, opcionais na escrita: tras a casa, trala casa; comer o caldo, come-lo caldo; todos os días, tódolos días; ambas as dúas, ámbalas dúas; nós os dous, nó-los dous, etcétera.


Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2006 12:39
# Ligazón permanente a este artigo
Cambios no léxico


Palabras rematadas en -eo, -eu e -ao, -au.
Engádense chapeu, romeu e xubileu á relación de palabras en -eu. Engádense bacallau e pau á relación de palabras en -au.
Palabras rematadas en -us, -um, -o.
Engádense ímpeto e tribo á relación de palabras en -o.
Palabras rematadas en -dade, -tade.
Pasa a -dade: puberdade
Relativos.
Engádese o relativo posesivo cuxo, -a, -os, -as.
Multiplicativos.
Elimínanse as formas triple e cuádruple, ficando só triplo, -a e cuádruplo, -a.
Establécense como únicas formas correctas:
estudo (estudar, estudante...); vogal (subst.). A forma estudio tamén está aceptada pero só para se referir ao local no que se traballa ou estuda ou tamén no que se fan gravacións de radio, televisión...



Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-04-2006 00:38
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0