As preguntas que facedes contestaranse cun comentario a non ser que a resposta requira un novo post |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Algúns datos sobre os acentos diacríticos |
|
Temos que lembrar que a acentuación diacrítica emprégase para distinguir palabras que se escribirían igual de non seren acentuadas.
Así podemos distinguir as palabras con distinta tonicidade vocálica (abertas e pechadas). Nestas o acento recae sempre sobre a palabra coa vogal media aberta: óso (parte do corpo) / oso (animal), pé (parte do corpo) / pe (letra)
Se a palabra non ten diferente tonicidade, é dicir, se as dúas son abertas ou se as dúas son pechadas, o acento diacrítico distingue as vogais tónicas das vogais átonas: nó (atadura) / no (contracción en + o), é (verbo ser) / e (conxunción).
Tamén serve o acento diacrítico para marcar o alongamento da vogal tónica. Acontece isto nas contraccións de dous as: á (contracción da prep. a e do artigo feminino a) / a (artigo ou prep.)
O acento diacrítico non se utiliza en todas as palabras, só se utiliza nas palabras con máis frecuencia de uso ou nas que presentan un contexto ambiguo no que a palabra pode adquirir un dobre sentido.
O caso do verbo ter é un deles. As formas (el) ten / ten (ti) poden presentarse nun contexto no que poden valer calquera das dúas formas, entón optaremos por acentuar a que ten a vogal aberta (el) tén.
Ex. Ten conta diso (ti) / Tén conta diso (el)
De todos os xeitos estes son casos moi excepcionais e que poucas veces se presentan en textos reais.
NON ESQUEZADES QUE:
O acento diacrítico mantense ao engadir os pronomes átonos e tamén a segunda forma do artigo:
Dá (verbo dar) / da (contracción de + a): Dálle as uvas da horta
Mañá dá-las notas da materia
É (verbo ser) / e (conxunción): éme imposible cantar e asubiar á vez
pór (poñer) / por (preposición): tes que póla/pólo no vertedoiro por se pinga
|
|
|
|
Abonar, Aboar, Estercar e Fertilizar |
|
Temos que ter claras as diferenzas que existen entre estes catro termos.
abonar. v.t. 1. Facer que [alguén] adquira o dereito, mediante pagamento, de poder concorrer [a algo] ou recibir [algún servizo periodicamente]. Abonouno a unha publicación semestral. // v.p. 2. Adquiri-lo dereito, mediante pagamento, de poder concorrer [a algo] ou de recibir [algún servizo periodicamente]. Abonouse a unha revista literaria. Abonouse á tempada de ópera. SIN. subscribir(se).
aboar. v.t. 1. Probar a certeza ou realidade de [algo]. Este documento aboa a súa identidade. SIN. acreditar, garantir. 2. Pagar [a cantidade correspondente] [por unha venda, un préstamo, etc.]. Aboou o segundo prazo das taxas académicas.
estercar. v.t. Botar esterco a [unha terra]. Estercaron a leira antes de a sementar.
fertilizar. v.t. Facer fértil ou máis fértil [unha cousa, particularmente a terra], por medio de fertilizantes. Fertilizan as leiras con esterco.
A diferenza entre esterco e fertilizante é que o esterco sempre está composto por materias orgánicas mentres que o fertilizante pode estalo ou non, xa que hai fertilizantes químicos.
|
|
|
|
Fin |
|
O substantivo fin pode presentar dúbidas en canto ao seu xénero xa que ten os dous dependendo do seu significado. Segundo o Gran dicionario Xerais da lingua por unha parte temos a fin: 1.Termo ou remate dalgunha cousa; final (a fin do mundo, a fin do Imperio). 2. Feito de terminar ou terminarse algunha cousa; conclusión, final, remate (este traballo non dá chegado á súa fin). 3. Morte (cando chegue a nosa fin debemos estar preparados!). o fin: 1. Obxecto ou motivo polo que se fai unha cousa, finalidade, propósito (a obra fíxose con este fin).
|
|
|
|
Utilización de AMBOS/AS |
|
AMBOS/AS é un pronome indefinido que sempre se ten que utilizar xunto co artigo os, as (tamén coa segunda forma: ámbolos, ámbalas) cando vai modificando un substantivo. Pode ir ou non xunto co numeral.
Ex. Ambas as directoras tiveron unha carreira paralela. Ambas as dúas directoras tiveron unha carreira paralela
Cando o indefinido non vai modificando un substantivo non se lle pon o artigo. Ex. Desde entón quedou entre ambos unha grande amizade.
É importante saber que este indefinido fai alusión a dous referentes polo tanto NUNCA se pode dicir *ambos os tres. |
|
|
|
APORTAR VS ACHEGAR |
|
Estas dúas formas son correctas en galego pero teñen un significado moi distinto.
APORTAR: Chegar a porto ACHEGAR: (entre outros moitos significados). Proporcionar algo novo ou distinto a unha determinada cousa.
Entón NON É CORRECTO empregar a forma aportar en frases como:
Tiven que *aportar datos para verificar a falsidade do caso. O Goberno *aportou 2 millóns de euros aos damnificados. Fixo unha *aportación de 2000 euros a unha ONG. Nos documentos que presentei tiven que *aportar unha fotocopia do meu carné.
O correcto sería:
Tiven que achegar datos para verificar a falsidade do caso. O Goberno achegou 2 millóns de euros aos damnificados. Fixo unha achega de 2000 euros a unha ONG. Nos documentos que presentei tiven que achegar unha fotocopia do meu carné. |
|
|
|
Desenrolar vs Desenvolver |
|
Definicións (segundo o Dicionario da Real Academia Galega, DRAG)
Desenrolar: 1. Estirar [algo que estaba dobrado ou encollido en forma de rolo]. Desenrolou as cartolinas para mostra-las ilustracións. // v.p. 2. Deixar de estar enrolado ou envolto [algo]. Desenrolouse o fío do carrete. SIN. desenroscar(se), desenvolver(se). 2. Borrar do rol. Desenrolaron cinco mariñeiros. ANT. enrolar
Desenvolver: 1. Quita-lo envoltorio a [unha cousa]. Desenvolver un regalo. Desempaquetar. 2. Facer que [algo] deixe de estar envolto ou enrolado, desfacer un rolo. Desenvolve-lo fío. SIN. desenrolar, desenroscar. 3. Facer que [algo] pase dun estado a outro máis perfecto, teña maior actividade, adquira maior importancia. Desenvolve-las calidades físicas. Desenvolve-la industria dun país. Desenvolve-la intelixencia. 4. Deixar [algo] de estar envolto ou enrolado, desfacerse [un rolo]. Desenvolveuse o fío do nobelo. 5. Obrar [dunha maneira determinada] [nun asunto que pode ter dificultade]. Desenvólvese ben como actor. SIN. defenderse, manexarse. 6. Ter lugar [un suceso] [dun modo ou nun lugar determinado]. O proxecto desenvólvese conforme o previsto. SIN. transcorrer. A acción da película desenvólvese en Galicia. SIN. localizarse, ocorrer, situarse, suceder. 7. Pasar [algo] dun estado a outro máis perfecto, ter maior actividade, adquirir maior importancia. As plantas nacen, desenvólvense e morren. As nacións pobres tardan en desenvolverse. OBS. Ten dous participios: desenvolvido e desenvolto
Entón tamén serve desenvolver para o significado de desenvolver software
|
|
|
|
Colocación do pronome átono |
|
Como norma xeral poñeremos o pronome átono sempre despois do verbo. Fíxeno onte. *O fixen onte (o asterisco indica que a forma está errada) Aínda así hai varios casos onde o pronome se coloca antes do verbo:
Nos enunciados das interrogativas directas sempre que haxa un pronome interrogativo. Ex: Quen cho dixo?
Nas exclamativas pasa o mesmo: Ex: Que cho dea carallo!
Cando existe unha partícula negativa tamén se antepón o pronome: Ex: Non o sei facer. Ninguén o sabe facer. Nada lle ten que facer
Cando o enunciado comeza por determinados adverbios:
Mesmo llo repetin onte Incluso cho devolvín con xuros Tamén o fago eu Só o fago por ti Unicamente lla deixei a ela Seica mas tes ti. Disque cha amañou o outro día Quizais cho diga mañá Seguramente ma viu cando entraba na casa Aínda che teño un respecto Ata llo deixei na súa mesa Xa che dixen que o fixeras amodo Sempre nos berra Deseguida cha traio Axiña che descubriu Rapidamente te boto da casa Moito lle quere a seu avó Pouco che deixou na pota Bastante te aturei hoxe Demasiado lle aturei nesta relación. Menos me deu a min! Máis lle vale! Velaquí a tes Velaí mas trae
Por regra xeral, con todo, pouco, demasiado, tanto...que, alguén, algo, ninguén, nada, calquera, propio, ambos, etc. o pronome anteponse ao verbo.
Colocación nas perífrases.
Polo xeral o pronome irá posposto ao verbo auxiliar. Antepoñerémolo nos casos que vimos antes Cando hai unha perífrase de participio a única maneira na colocación do pronome átono é a posposición·
Ex: Téñollo feito moitas veces Xa llo teño feito moitas veces
Cando temos unha perífrase de infinitivo ou de xerundio o pronome pode ir co verbo auxiliar ou co auxiliado indistintamente: Ex: (INF) Podíamo facer pouco a pouco (INF) Podía facermo pouco a pouco (XER) Foron facéndomo pouco a pouco (XER) Fóronmo facendo pouco a pouco
Cando a perífrase ten un nexo entre os dous verbos, o pronome tamén se pode antepoñer ao verbo auxiliado:
Ex: Tíñao que facer. Tiña que o facer. Tiña que facelo
Sei que para moitas persoas é moi complicado pero é importantísimo saber colocar ben o pronome. Con un pouco de interese e de esforzo é moi doado conseguilo. ÁNIMO
|
|
|
|
Gran, grande, san, santo, pos-, post- |
|
É moi doado lembrar cando se ha de poñer cada unha das opcións: Sempre que a palabra que veña a continuación comece por vogal hase poñer a forma rematada en vogal, se a palabra seguinte comeza por sonsoante tense que poñer a forma rematada en consoante: VOGAL + VOGAL CONSOANTE + CONSOANTE
Ex: É unha gran muller. Sentiu unha grande emoción Vou ir de romaría ao Santo Andrés. Hoxe celébrase o San Campio.
Con respecto a pos- ou post-
POS + CONSOANTE POST + VOGAL
Ex: Sonche xente da posguerra. Levou moi ben o postoperatorio
|
|
|
|
Cuestións de fonética |
|
ALGÚNS APUNTAMENTOS SOBRE A PRONUNCIA
Nos grupos cultos cc, cd, x [ks], ct, bc, bm, bs, bt, bv, bx, ps, pt, pn, mn, gm, etc. a consoante implosiva, de se pronunciar, ten que ser de xeito moi relaxado incluso tamén é frecuente non pronunciala directamente. Cando estes grupos están precedidos das vogais e ou o estas vogais son sempre abertas. Cocción, obcecar, omnipotente, óptica, heptágono, sectario, sector sectorial. obxecto...
Hai que evitar nos grupos cc, cd, cn, ct, dm, dn a pronuncia do primeiro elemento como interdental (pronuncia como a da z), actuar, admitir...O primeiro elemento dos grupos cultos gm e gn pronúnciase como velar sonoro (un g relaxado) ou mesmo coma un ene velar, mais nunca como aspirado. Magnesio, magma, magnate, ignorar...
PRONUNCIA DO X COMO /KS/
complexo /ks/ crucifixo /ks/ prefixo /ks/ reflexo /ks/ saxón /ks/ polo tanto tamén anglosaxón ... sufixo /ks/
PRONUNCIA DO N VELAR
Benestar /ŋ/
|
|
|
|
Problemas coa acentuación |
|
As sílabas encarnadas son as tónicas:
Acne Alvéolo Argon Atmosfera Cripton Diocese Elite Espécime Libido Medula Megálito Neon Olimpíada Parasito Senon Sinerxía Téxtil
|
|
|
|
|
|
|
|
|