dúbidas lingüísticas


As preguntas que facedes contestaranse cun comentario a non ser que a resposta requira un novo post

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A preposición a e o complemento directo
En galego o complemento directo non leva, polo xeral, preposición a.

o público apoia os xogadores
apoia as súas teses na experiencia


Con todo, a lingua habilitou a preposición a cando o complemento directo é:

• Un nome propio.
viu a María
• Un pronome persoal.
coñéceo a el
• Un nome de parentesco con posesivo sen artigo.
criticou a seu pai
• Nomes propios non persoais, pero personalizados.
Italia alcanzou a Francia na clasificación
• Cando o suxeito e o CD van os dous antes ou despois do verbo e hai posibilidade de confusión.
apoian os médicos aos farmacéuticos? Acusou o xardineiro á veciña; ao home o neno viuno na rúa.

Comentarios (3) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 14-10-2009 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
porqué, porque e por que
Porqué é un substantivo (o porqué, é dicir, a causa, o motivo); sempre vai precedido do artigo (o) ou doutro determinante (o seu, este, outro...). Admite plural : os porqués.
Exemplo: Non explica nunca o porqué das súas decisións.

Porque é unha conxunción causal: introduce unha oración subordinada que explica a causa doutra principal.
Exemplo: Está chorando porque lle berrou seu pai (a causa de que estea chorando é que lle berrou seu pai)

Por que só se usa en oracións interrogativas, directas e indirectas. Por é preposición e que é un pronome interrogativo.
Exemplos: Por que non viñeches á festa? (Interrogativa directa)
Non sei por que se portou tan mal.(Interrogativa indirecta)

Comentarios (4) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 08-10-2008 09:28
# Ligazón permanente a este artigo
Problemas co xénero dalgunhas palabras
As palabras rematadas no sufixo -ume son masculinas agás mansedume e servidume

As palabras rematadas no sufixo -axe son femininas agás traxe, paxe e garaxe que son masculinas. A palabra personaxe pode ter os dous xéneros (o personaxe ou a personaxe).
Comentarios (2) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 25-04-2008 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Distinción entre o antepretérito de indicativo (fora) e o pretérito de subxuntivo (fose)
Existe a tendencia, tanto na lingua oral como na escrita, de utilizar as formas do antepretérito de indicativo e do pretérito de subxuntivo indistintamente. Estes tempos teñen os seus usos ben delimitados e debemos utilizalos con propiedade.
O antepretérito de indicativo reservámolo para expresar accións reais que aconteceron no pasado. O pretérito de subxuntivo expresa accións que poderían realizarse pero que non se levaron a cabo.
Xa collera o autobús e xa estaba na praia / Se collese o autobús xa estaría na praia
Almorzara antes cós meus amigos porque levaba présa / Dixéronlle que almorzase con eles aínda que levase présa.


Forma recomendada: Non se mollaría se levase paraugas.
Forma non recomendada: *Non se mollaría se levara paraugas.

Forma recomendada: Faría todas esas consultas se tivese máis tempo.
Forma non recomendada: *Faría todas esas consultas se tivera máis tempo.
Comentarios (3) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 24-04-2008 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Como/Coma
Como e coma úsanse nas comparacións de igualdade. Entran en correlación con tanto(s) / tanta(s) ou tan, pero nalgúns casos estes termos poden non aparecer.


O asunto non é tan doado como parece

Es (tan) listo coma un allo

Es tan listo como o é teu pai


Coma é a variante máis frecuente e característica da comparación, pois como ten outros valores non comparativos (modais, causais, condicionais), que coma non ten.

Cinxíndose á estrutura comparativa, a distribución de ambos é só parcialmente igual á de ca/que:

  1. Úsase sempre coma ante pronomes persoais


Fixeches tanto o parvo coma min


  1. Coma é máis usual que como, e por iso se recomenda, ante as restantes frases, ante oracións amodotemporais e ante oracións con verbo modotemporal iniciadas por outro nexo (se, que, quen, cando...):


Miña nai fai filloas coma ninguén. Pois claro que está enfadado, coma todos. Tanto ten Xan coma Pericán. Pois Eladio estache coma sempre.

Tanto lle ten vir coma quedar. Está tan triste pola súa marcha coma doído por non te despedires

Fixo coma/como se non nos vise. Fai coma/como que non os ves. Facede coma/como quen que non os vedes. Todo foi coma/como cando eramos pequenos.


As mesmas posibilidades existen en construcións semellantes que non son propiamente comparativas.


É coma un touro. Está coma un buxo. Ten un cabelo coma o acibeche.


  1. Cómpre usar como ante oracións con verbo modotemporal sen outro nexo no inicio das mesmas e significado netamente comparativo:


Non era tan luxoso como parecía. O negocio non foi tan redondo como nun principio crían.


Con todo, nas distributivas, úsanse coma / como no mesmo contexto


Tanto fala seguido como/coma queda calado toda a tarde

Comentarios (2) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 05-12-2006 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
Utilización de AMBOS/AS
AMBOS/AS é un pronome indefinido que sempre se ten que utilizar xunto co artigo os, as (tamén coa segunda forma: ámbolos, ámbalas) cando vai modificando un substantivo. Pode ir ou non xunto co numeral.

Ex.
Ambas as directoras tiveron unha carreira paralela.
Ambas as dúas directoras tiveron unha carreira paralela

Cando o indefinido non vai modificando un substantivo non se lle pon o artigo.
Ex.
Desde entón quedou entre ambos unha grande amizade.

É importante saber que este indefinido fai alusión a dous referentes polo tanto NUNCA se pode dicir *ambos os tres.
Comentarios (3) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 01-06-2006 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
Colocación do pronome átono


Como norma xeral poñeremos o pronome átono sempre despois do verbo.
Fíxeno onte.
*O fixen onte (o asterisco indica que a forma está errada)
Aínda así hai varios casos onde o pronome se coloca antes do verbo:


Nos enunciados das interrogativas directas sempre que haxa un pronome interrogativo.
Ex: Quen cho dixo?


Nas exclamativas pasa o mesmo:
Ex: Que cho dea carallo!


Cando existe unha partícula negativa tamén se antepón o pronome:
Ex: Non o sei facer. Ninguén o sabe facer. Nada lle ten que facer


Cando o enunciado comeza por determinados adverbios:

Mesmo llo repetin onte
Incluso cho devolvín con xuros
Tamén o fago eu
Só o fago por ti
Unicamente lla deixei a ela
Seica mas tes ti.
Disque cha amañou o outro día
Quizais cho diga mañá
Seguramente ma viu cando entraba na casa
Aínda che teño un respecto
Ata llo deixei na súa mesa
Xa che dixen que o fixeras amodo
Sempre nos berra
Deseguida cha traio
Axiña che descubriu
Rapidamente te boto da casa
Moito lle quere a seu avó
Pouco che deixou na pota
Bastante te aturei hoxe
Demasiado lle aturei nesta relación.
Menos me deu a min!
Máis lle vale!
Velaquí a tes
Velaí mas trae

Por regra xeral, con todo, pouco, demasiado, tanto...que, alguén, algo, ninguén, nada, calquera, propio, ambos, etc. o pronome anteponse ao verbo.


Colocación nas perífrases.

Polo xeral o pronome irá posposto ao verbo auxiliar.
Antepoñerémolo nos casos que vimos antes
Cando hai unha perífrase de participio a única maneira na colocación do pronome átono é a posposición·


Ex: Téñollo feito moitas veces
Xa llo teño feito moitas veces

Cando temos unha perífrase de infinitivo ou de xerundio o pronome pode ir co verbo auxiliar ou co auxiliado indistintamente:
Ex: (INF) Podíamo facer pouco a pouco
(INF) Podía facermo pouco a pouco
(XER) Foron facéndomo pouco a pouco
(XER) Fóronmo facendo pouco a pouco

Cando a perífrase ten un nexo entre os dous verbos, o pronome tamén se pode antepoñer ao verbo auxiliado:

Ex: Tíñao que facer.
Tiña que o facer.
Tiña que facelo


Sei que para moitas persoas é moi complicado pero é importantísimo saber colocar ben o pronome. Con un pouco de interese e de esforzo é moi doado conseguilo. ÁNIMO




Comentarios (5) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 23-04-2006 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Gran, grande, san, santo, pos-, post-


É moi doado lembrar cando se ha de poñer cada unha das opcións:
Sempre que a palabra que veña a continuación comece por vogal hase poñer a forma rematada en vogal, se a palabra seguinte comeza por sonsoante tense que poñer a forma rematada en consoante:
VOGAL + VOGAL
CONSOANTE + CONSOANTE

Ex:
É unha gran muller. Sentiu unha grande emoción
Vou ir de romaría ao Santo Andrés. Hoxe celébrase o San Campio.

Con respecto a pos- ou post-

POS + CONSOANTE
POST + VOGAL

Ex:
Sonche xente da posguerra. Levou moi ben o postoperatorio


Comentarios (3) - Categoría: Morfosintaxe - Publicado o 16-04-2006 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal