dúbidas lingüísticas


As preguntas que facedes contestaranse cun comentario a non ser que a resposta requira un novo post


O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Pautas para recoñecer a abertura das vogais
Presentan no sistema máis común vogal tónica semiaberta
• As vogais de abertura media que portan un acento diacrítico: vén, só, póla, óso, présa,...
• Os substantivos rematados en -el ou -ol e os seus plurais: papel, papeis,tonel, toneis, caracol, caracois, farol, farois.
• Os verbos da 2ª conxugación (-er) con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, nas segundas persoas do Pres. Ind.: bebes, bebe, beben, comes, come, comen
• Os verbos da 3ª conxugación (-ir) con vogal radical -e- ou -u- que presentan alternancia vocálica, nas segundas persoas do Pres. Ind.: serves, serve, serven, foxes, foxe, foxen
• As formas verbais do tema de perfecto (pretérito, antepretérito, pretérito de subxuntivo e futuro de subxuntivo) irregular: coubeches, coubera, coubese, couber...
• Os nomes das seguintes letras: e, efe, ele, eme, ene, eñe, erre, ese, o.

Presentan vogal tónica semipechada
• Os verbos da segunda conxugación con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, na 1ª persoa do Pres. Ind., no Pres. Subx. e no Imperativo: bebo, beba, bebas. Como, coma, comas.
• As formas dos verbos da primeira conxugación nas que a vogal -e- ou -o- vai seguida de -i- ou de consoante palatal (grafías x, ch, ll, ñ ) e nos verbos rematados en -ear ou -oar:
Deite, axexa, pechas, tellan, empeña, coxean.
Loita, despexas, acocha, ollan, soñas, voas

• As formas do tema de perfecto dos verbos ser e ir: fomos, fora, fose, for.
• As formas verbais do tema de perfecto regular: collemos, collera, collese, coller.
• As formas do infinitivo: coller, collermos..., pór, pormos,...
• Os nomes das seguintes letras: be, ce, de,gue,pe, que, te, xe, ceta.
• A maior parte das palabras acabadas en -és: coruñés, vigués, montañés,...
• As palabras nas que -o- forma ditongo con -u-: touro, tesouro,...
• Os nomes acabados en: -edo (medo), -ello (cortello), -eo (feo), -eza (grandeza), -ón (corazón), -or (matador), -oso (fermoso).
• O o e o e cando están en posición postónica son sempre pechados: débeda, ávrego, conde
morto, símbolo
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2008 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Testemuña vs testemuño

testemuña

1 s f 1 Persoa que ten coñecemento dun feito por telo comprobado cos seus sentidos, e do que dá fe. 2 Persoa que viu ou sentiu algunha cousa.

Testemuño
1 s m
1 Declaración de alguén para certificar unha cousa que viu ou sentiu, para establecer ou probar un feito.
2 DER Declaración e exame dunha testemuña para provocar a convicción dos xuíces.

2 s m
1 Aquilo que é unha proba manifesta dalgunha cousa.
2 DEP Obxecto que un corredor entrega para dar fe da remuda.
Polo tanto será Carreira de remudas ou carreira de revezamentos


Ex. Co testemuño que ofreceu a testemuña o inculpado foi declarado inocente


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2008 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Problemas co xénero dalgunhas palabras

As palabras rematadas no sufixo -ume son masculinas agás mansedume e servidume

As palabras rematadas no sufixo -axe son femininas agás traxe, paxe e garaxe que son masculinas. A palabra personaxe pode ter os dous xéneros (o personaxe ou a personaxe).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2008 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Distinción entre o antepretérito de indicativo (fora) e o pretérito de subxuntivo (fose)

Existe a tendencia, tanto na lingua oral como na escrita, de utilizar as formas do antepretérito de indicativo e do pretérito de subxuntivo indistintamente. Estes tempos teñen os seus usos ben delimitados e debemos utilizalos con propiedade.
O antepretérito de indicativo reservámolo para expresar accións reais que aconteceron no pasado. O pretérito de subxuntivo expresa accións que poderían realizarse pero que non se levaron a cabo.
Xa collera o autobús e xa estaba na praia / Se collese o autobús xa estaría na praia
Almorzara antes cós meus amigos porque levaba présa / Dixéronlle que almorzase con eles aínda que levase présa.


Forma recomendada: Non se mollaría se levase paraugas.
Forma non recomendada: *Non se mollaría se levara paraugas.

Forma recomendada: Faría todas esas consultas se tivese máis tempo.
Forma non recomendada: *Faría todas esas consultas se tivera máis tempo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2008 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Acentuación de i e u en hiato
As vogais i, u tónicas levan acento gráfico cando van inmediatamente antes ou despois dunha vogal átona, para indicar que as dúas vogais pertencen a sílabas distintas e que, polo tanto, non forman ditongo. Así: acentúo, aínda, baúl, caída, Coímbra, constituíu, egoísmo, miúdo, moía, prexuízo, raíña, raíz, roía, ruído, saía, saín, saír, súa, traía, túa, xuízo, etc. Para indicar que non forman ditongo coa anterior, as vogais i, u tónicas non levan acento cando entre as dúas aparece o grafema h: prohibido.
Tampouco se acentúan graficamente, as vogais i, u tónicas se forman ditongo crecente ou decrecente coa vogal que as segue ou que as precede: bilingüismo, lingüista, puido, partiu, seguiu.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2007 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Como/Coma
Como e coma úsanse nas comparacións de igualdade. Entran en correlación con tanto(s) / tanta(s) ou tan, pero nalgúns casos estes termos poden non aparecer.


O asunto non é tan doado como parece

Es (tan) listo coma un allo

Es tan listo como o é teu pai


Coma é a variante máis frecuente e característica da comparación, pois como ten outros valores non comparativos (modais, causais, condicionais), que coma non ten.

Cinxíndose á estrutura comparativa, a distribución de ambos é só parcialmente igual á de ca/que:

  1. Úsase sempre coma ante pronomes persoais


Fixeches tanto o parvo coma min


  1. Coma é máis usual que como, e por iso se recomenda, ante as restantes frases, ante oracións amodotemporais e ante oracións con verbo modotemporal iniciadas por outro nexo (se, que, quen, cando...):


Miña nai fai filloas coma ninguén. Pois claro que está enfadado, coma todos. Tanto ten Xan coma Pericán. Pois Eladio estache coma sempre.

Tanto lle ten vir coma quedar. Está tan triste pola súa marcha coma doído por non te despedires

Fixo coma/como se non nos vise. Fai coma/como que non os ves. Facede coma/como quen que non os vedes. Todo foi coma/como cando eramos pequenos.


As mesmas posibilidades existen en construcións semellantes que non son propiamente comparativas.


É coma un touro. Está coma un buxo. Ten un cabelo coma o acibeche.


  1. Cómpre usar como ante oracións con verbo modotemporal sen outro nexo no inicio das mesmas e significado netamente comparativo:


Non era tan luxoso como parecía. O negocio non foi tan redondo como nun principio crían.


Con todo, nas distributivas, úsanse coma / como no mesmo contexto


Tanto fala seguido como/coma queda calado toda a tarde

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2006 09:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Algúns datos sobre os acentos diacríticos
Temos que lembrar que a acentuación diacrítica emprégase para distinguir palabras que se escribirían igual de non seren acentuadas.
Así podemos distinguir as palabras con distinta tonicidade vocálica (abertas e pechadas). Nestas o acento recae sempre sobre a palabra coa vogal media aberta: óso (parte do corpo) / oso (animal), (parte do corpo) / pe (letra)

Se a palabra non ten diferente tonicidade, é dicir, se as dúas son abertas ou se as dúas son pechadas, o acento diacrítico distingue as vogais tónicas das vogais átonas: (atadura) / no (contracción en + o), é (verbo ser) / e (conxunción).

Tamén serve o acento diacrítico para marcar o alongamento da vogal tónica. Acontece isto nas contraccións de dous as: á (contracción da prep. a e do artigo feminino a) / a (artigo ou prep.)

O acento diacrítico non se utiliza en todas as palabras, só se utiliza nas palabras con máis frecuencia de uso ou nas que presentan un contexto ambiguo no que a palabra pode adquirir un dobre sentido.
O caso do verbo ter é un deles. As formas (el) ten / ten (ti) poden presentarse nun contexto no que poden valer calquera das dúas formas, entón optaremos por acentuar a que ten a vogal aberta (el) tén.
Ex. Ten conta diso (ti) / Tén conta diso (el)
De todos os xeitos estes son casos moi excepcionais e que poucas veces se presentan en textos reais.

NON ESQUEZADES QUE:
O acento diacrítico mantense ao engadir os pronomes átonos e tamén a segunda forma do artigo:
(verbo dar) / da (contracción de + a): Dálle as uvas da horta
Teslle que dá-las notas da materia

É (verbo ser) / e (conxunción): éme imposible cantar e asubiar á vez

pór (poñer) / por (preposición): tes que póla/pólo no vertedoiro por se pinga
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-11-2006 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Abonar, Aboar, Estercar e Fertilizar


Temos que ter claras as diferenzas que existen entre estes catro termos.

abonar. v.t. 1. Facer que [alguén] adquira o dereito, mediante pagamento, de poder concorrer [a algo] ou recibir [algún servizo periodicamente]. Abonouno a unha publicación semestral. // v.p. 2. Adquiri-lo dereito, mediante pagamento, de poder concorrer [a algo] ou de recibir [algún servizo periodicamente]. Abonouse a unha revista literaria. Abonouse á tempada de ópera. SIN. subscribir(se).

aboar. v.t. 1. Probar a certeza ou realidade de [algo]. Este documento aboa a súa identidade. SIN. acreditar, garantir. 2. Pagar [a cantidade correspondente] [por unha venda, un préstamo, etc.]. Aboou o segundo prazo das taxas académicas.

estercar. v.t. Botar esterco a [unha terra]. Estercaron a leira antes de a sementar.

fertilizar. v.t. Facer fértil ou máis fértil [unha cousa, particularmente a terra], por medio de fertilizantes. Fertilizan as leiras con esterco.


A diferenza entre esterco e fertilizante é que o esterco sempre está composto por materias orgánicas mentres que o fertilizante pode estalo ou non, xa que hai fertilizantes químicos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-10-2006 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Fin


O substantivo fin pode presentar dúbidas en canto ao seu xénero xa que ten os dous dependendo do seu significado.
Segundo o Gran dicionario Xerais da lingua por unha parte temos
a fin: 1.Termo ou remate dalgunha cousa; final (a fin do mundo, a fin do Imperio). 2. Feito de terminar ou terminarse algunha cousa; conclusión, final, remate (este traballo non dá chegado á súa fin). 3. Morte (cando chegue a nosa fin debemos estar preparados!).
o fin: 1. Obxecto ou motivo polo que se fai unha cousa, finalidade, propósito (a obra fíxose con este fin).



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-07-2006 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Utilización de AMBOS/AS
AMBOS/AS é un pronome indefinido que sempre se ten que utilizar xunto co artigo os, as (tamén coa segunda forma: ámbolos, ámbalas) cando vai modificando un substantivo. Pode ir ou non xunto co numeral.

Ex.
Ambas as directoras tiveron unha carreira paralela.
Ambas as dúas directoras tiveron unha carreira paralela

Cando o indefinido non vai modificando un substantivo non se lle pon o artigo.
Ex.
Desde entón quedou entre ambos unha grande amizade.

É importante saber que este indefinido fai alusión a dous referentes polo tanto NUNCA se pode dicir *ambos os tres.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2006 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2]
© by Abertal