Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Conferencia de Xosé carlos Sierra.


Este vídeo é moi importante para a arqueoloxía galega! Unha aula maxistral de Xosé Carlos Sierra!

Xosé Carlos Sierra, director da excavación que tivo lugar na década dos 70 do pasado século no Camballón, Oirós, Vila de Cruces, -configurándose como a primeira excavación moderna da arqueoloxía galega-, explica para as veciñas e veciños de Oirós, na "Festa das Mámoas", a importancia do seu patrimonio megalítico.

A "Festa das Mámoas", impulsada pola AAVV de Oirós, a Asociación Novo Cruceiro, de Vila de Cruces, e mais o Clube da Lingua / Equipo de Normalización do IES Marco do Camballón, forma parte do proxecto "Palabras de Pedra" de normalización lingüística e participación sociocultural.
Comentarios (15) - Categoría: Actualidade - Publicado o 23-06-2014 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Crónica da Festa das Mámoas


Vedes toda esta xente? Pois na Festa das Mámoas que tivo lugar en Oirós, Vila de Cruces, aínda houbo máis. Esta xente que vedes aí xuntouse para saír na foto ao lado da mámoa nº 1, durante a visita que fixemos con Xosé Carlos Sierra, o arqueólogo que dirixiu a excavación do Camballón nos anos 70.

Aquí podedes ollar veciñanza de Oirós e de Vila de Cruces, profes e alumnado do IES Marco do Camballón, xente do mundo da arqueoloxía, xente curiosa, persoas colaboradoras co proxecto... Xente diversa. Porque na diversidade está o motor dos procesos socioculturais e de participación social.

Aquí está a crónica da "I Festa das Mámoas"!



Eis o pregoeiro da "Festa das Mámoas", Ramón Taboada, acompañado por Marifé, presidenta da AAVV de Oirós e mais por Carmé, profe no IES Marco do Camballón.



Don Ramón ofreceunos un pregón cheo de sabedoría e emoción, inzado dos verdadeiros valores da vida. E falou da nosa lingua como un dos piares fundamentais da nosa identidade.



Vítor García Pinheiro, en representación da A.C. Novo Cruceiro, presentou o acto de homenaxe a Nicolás Alvarellos. Ao coñecer a súa figura podemos comprender mellor por que hoxe a veciñanza de Oirós lle ten tanto aprezo e valora o seu patrimonio como parte da súa riqueza persoal e colectiva.





Na Homenaxe a Nicolás Alvarellos participaron Xosé Carlos Sierra, director do Museo Etnográfico de Ribadavia e director das excavacións do Camballón nos anos 70 do pasado século; Julio Cacheda, que traballou cando era un rapaz no que foi a primeira excavación da arqueoloxía galega moderna; e mais Niko Alvarellos, editor, que fixo un achegamento persoal e afectivo á figura de seu tio Don Nicolás, salientando a súa sensibilidade co traballo colectivo e a cultura propia.





Xente de Oirós, de Vila de Cruces, e outra xente que se achegou interesada, -especialmente profesionais da arqueoloxía, como Pablo Vázquez Liz, Iñaki Vilaseco (arqueólogo na Deputación Provincial de Pontevedra), ou Mº José Bóveda Fernández, arqueóloga no Castelo da Rocha Forte -, encheron o local social.



De azul, Alfredo Seara, que participou nas excavacións dos anos 70, e que compartiu con nós algunhas historias daquela época.



E tamén participou Vázquez Urquiaga, que tamén fixo arqueoloxía na excavación do Camballón e lembrou algunhas aventuras daqueles tempos nos que eran xente moza.



E Marcelino!



Marcelino lembrou sorrindo moito, con emoción, o dia que lle deixou unha marca, co seu pico, a unha das vasillas que apareceron nunha das mámoas.



Logo fixemos o lanzamento mundial do "Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces" e aquí tedes a Carlos Porral, antropólogo, que nos falou da importancia dos tesouros para a configuración da nosa identidade e do noso imaxinario colectivo.



E este que ten a boca aberta con palabras a saír alegremente -aínda que non se poden ver na foto- é Celso Fernández Sanmartín. Celso, que tivo a idea do "Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de cruces", fixo marabillas coas súas palabras, como sempre, contándonos historias sobre os tesouros das nosas vidas.

Agora, aquí embaixo, podedes ollar algo nunca visto: Son fotos inéditas, nunca publicadas, que trouxo Xosé Carlos Sierra para compartir con nós. Estas fotos teñen máis de trinta anos! E son o grande tesouro que Sierra e mais todas e todos nós desenterramos na "Festa das Mámoas" do 2014.



E sabedes como se fixeron estas fotos aéreas? Porque, claro, daquela non existían as ftoso do "google earth"... Pois imaxinade aqueles arqueólogo noviños a inflar un globo con helio que ascendeu cunha cámara de fotos da época que, unha vez a moitos metros de altura, se disparaba grazas a un cable activado manualmente desde abaixo... Enxeñaría punta daquela época!



Aquí está Sierra, a explicar as súas diapositivas, que nós fotografamos para poder compartir agora na rede social.

















E aquí hai algo verdadeiramente extraordinario: uns gravados que apareceron na Mámoa nº 1, que logo veremos noutra foto actual, e que teñen forma serpentiforme. Tamén apareceu outro gravado con temática solar.





















Nesta foto podemos ollar a fenda que deixou o pico de Marcelino na vasilla cando estaba a cavar no xacemento.
















Sierra, a explicarse de forma áxil e amena e, sobre todo, emocionante.



Cando subimos ollar as mámoas, achegámonos á mámoa nº 1, que garda o único dolmen que hoxe está á vista, neste campo de 17 mámoas.



Pensabades que na prehistoria non existía o churrasco? Está comprobado científicamente! Pois si, e ademais, desta vez foi de polo! Ummm...



E aquí estamos a cear... Había que recuperar forças e prepararse para a proba física do día: subir onde as mámoas a camiñar.



Algunha da xente da Asociación Novo Cruceiro! Bravo por elas e eles!



Na sobremesa chegou o grupo de divulgación da astronomía: Salva, Olga e Lois. Apesar de que o ceo estaba cuberto, achegáronse desde Compostela, por se acaso o ceo abría e podiamos observar o firmamento Non puido ser! Aqui, na foto, Salva Bará, astrofísico da Universidade de Compostela, a falar con Séchu Sende, profe do IES Marco do Camballón.



O Grupo de Investigación e Divulgación Pescudas acompañounos todo o día, colaborando de forma xenerosa e fraterna. Graciñas!



Aquí estamos camiño das mámoas, nesa subida nocturna. Foron tres quilómetros costa arriba, cos fachos nas maos e as nubes a chuviñar de vez en cando.



Logo, sobre unha das medorras, fíxose unha pequena cerimonia, unha cerimonia moi, moi, moi pequena, que rematou cun berro colectivo!













....

Aqui podedes comparar dúas fotos da mámoa nº 1. Entre unha e outra hai máis de trinta anos de diferencia!



Unha foto das que trouxo Sierra, dos anos 70 do pasado século.



Unha foto do 20 de xuño de 2014, día da 1ª Festa das Mámoas.

Comentarios (16) - Categoría: Actualidade - Publicado o 23-06-2014 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces, un traballo colectivo!



O vindeiro venres, dentro da programación da Festa das Mámoas, organizada pola Asociación de Veciños e Veciñas de Oirós e a Asociación Novo Cruceiro, coa colaboración do Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, terá lugar a presentación do Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces. Este Mapa, do que se están a imprimir 700 exemplares, é o resultado de varios meses de traballo colectivo de alumnado, profesorado e veciñas e veciños de Vila de Cruces que reúne aportacións de case 100 persoas. Neste proceso participaron o IES Marco do Camballón e os colexios Nosa Señora da Piedade, CEIP Cerdeiriñas de Piloño e mais o CEIP de Merza.

Impulsado polo "Proxecto Palabras de Pedra", do IES Marco do Camballón, o Mapa dos Tesouros naceu como unha idea de Celso Fernández Sanmartin, nunha actividade en colaboración coa Asociación Novo Cruceiro Rock no entorno das Mámoas de Oirós, que propuxo recoller lendas con tesouros no concello cruceño.




O resultado é un compendio de case 50 tesouros aparecidos en lendas das diferentes parroquias de Vila de Cruces. O Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces contén textos do escritor de Gres, Xosé Neira Vilas, do escritor Ramón Taboada, do antropólogo Xoan Carlos García Porral e do propio Celso Fernández. Así mesmo, e relacionada coa lenda inédita da espada de Brandomés, o Mapa dos Tesouros tamén publica unha lenda con espada nas augas recollida por Anisia Miranda no Vietnám.

A realización do Mapa dos Tesouros de Vila de Cruces tivo como un dos seus obxectivos a valoración da lingua galega como un motor de traballo colectivo ademais de visibilizar a riqueza do patrimonio inmaterial, vinculado ao idioma propio, que posúe a poboación do concello cruceño.
Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-06-2014 09:40
# Ligazón permanente a este artigo
O programa da Festa das Mámoas!



A Festa das Mámoas quere ser unha festa para impulsar o noso patrimonio, a nosa lingua e o valor da cooperación e as relacións humanas.

A Festa das Mámoas ten como obxectivo principal poñer en valor a necrópole megalítica de Oirós, un conxunto de máis de quince mámoas que foron obxecto da primeira excavación da arqueoloxía galega contemporánea, nos anos 70 do pásado século, e hoxe en estado de abandono.

A Festa das Mámoas quere ser un músculo para visibilizar que a nosa lingua une, cohesiona e serve como instrumento de creatividade sociocultural e socioeconómica.

A Festa das Mámoas é unha celebración festiva para reunir persoas que queren participar na revitalización do noso patrimonio material e inmaterial, co patrimonio arqueolóxico como eixo vetebrador.

A Festa das Mámoas quere ser festa alegre e fraternal!

PROGRAMA:


Local Social de Oirós

- 17.00: Pregón inaugural: Ramón Taboada

- 17.15: “Homenaxe a Nicolás Alvarellos”. Con Niko Alvarellos, editor; Xosé Carlos Sierra, director das excavacións arqueolóxicas do Camballón; Julio Cacheda, veciño de Oirós que traballou nas excavación dos anos 70, e veciños e veciñas de Oirós.

- 19.00. Presentación do Mapa dos Tesouros das Lendas de Vila de Cruces. Con Xoán Carlos García Porral, antropólogo, especialista en lendas tradicionais e tesouros, e Celso Fernández Sanmartín, contacontos e dinamizador sociocultural.

- 19.30: : “As Mámoas de Oirós”. Conferencia de Xosé Carlos Sierra e visita guiada ás mámoas.

-18.00. “Pintar e imaxinar o pasado”. Obradoiro de creación artística e prehistoria para nenas e nenos (de 4 anos en diante), a cargo da Asociación Novo Cruceiro.

21.00. Cea: “Churrasco, como na prehistoria”. (Teléfono de contacto para apuntarse antes da noite do mércores 18: 615958056)

22.00. “De Lamatumbá á Bertolina". Discoteca: A música en galego do século XXI.

23.30: Subida ao campo de mámoas con fachos prendidos e cerimonia teatralizada dun ritual prehistórico.

24.00 “O ceo sobre as Mámoas de Oirós”. Observación astronómica explicada por Salvador Bará, astrofísico da Universidade de Santiago.

Comentarios (16) - Categoría: Actualidade - Publicado o 16-06-2014 16:28
# Ligazón permanente a este artigo
Buscadores de tesouros da rede de geocaching en Oirós
.

Nas últimas semanas, diversos equipos de geocaching están a achegarse a Oirós na procura do Tesouro de Oirós - Palabras de Pedra que o Clube da Lingua escondeu para a rede internacional de geocaching. Bravo!

Para nós é moi satisfactorio que unha actividade lúdica, de contacto coa natureza, impulsada polo compromiso coa nosa lingua, estea a achegar xente ao lugar máxico do campo de mámoas do Camballón.

Despois de que Almaran e Galicia Team desen co noso tesouro, acabamos de saber que O Golpe, Juako, Asimbul e Cirian tamén visitaron Oirós para dar co tesouro e gozar do noso patrimonio.

Na foto podedes ollar alumnado do IES Marco do Camballón o día que fixemos a actividade de geocaching e agochamos o tesouro.

Adiante, xente do geocaching! Bravo!
Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 13-06-2014 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
Festa das Mámoas de Oirós / Vila de Cruces




Tachán! O Proxecto Palabras de Pedra presenta...

A Festa das Mámoas!

A Festa das Mámoas quere ser unha festa para impulsar o noso patrimonio, a nosa lingua e o valor da cooperación e as relacións humanas.

A Festa das Mámoas quere ser un músculo para visibilizar que a nosa lingua une, cohesiona e serve como instrumento de creatividade sociocultural e socioeconómica.

A Festa da Mámoas terá a súa primeira edición o 20 de xuño de 2014. O noso obxectivo é crear unha dinámica de permanencia no tempo, de carácter anual.

A Festa das Mámoas ten como obxectivo principal poñer en valor a necrópole megalítica de Oirós, un conxunto de mais de quince mámoas que foron obxecto da primeira excavación da arqueoloxía galega contemporánea, nos anos 70 do pásado século.

A Festa das Mámoas é unha celebración festiva que serve para reunir persoas que queren participar na revitalización do noso patrimonio material e inmaterial, co patrimonio arqueolóxico como eixo vetebrador.

A Festa das Mámoas ten como interese prioritario a vertebración dunha pequena rede social e confía nas relacións entre as persoas -a veciñanza de Oirós e outras persoas e colectivos interesados- para construír un proceso de creación cultural, participación social, e encontro lúdico-festivo.


E, para visibilizar as distintas sensibilidades lingüísticas, fixemos cartaces en galego con Ñ e galego con NH:



Obxectivos da "Festa das Mámoas":

- Visibilizar o patrimonio arqueolóxico de Oirós: o campo de mámoas.

- Visibilizar a nosa lingua como idioma para a festa, a ciencia e a cohesión social.

- Potenciar o coñecemento das mámoas: do seu pasado, as excavacións precedentes, e iniciar un proceso de coñecemento e posta en valor.

- Favorecer a participación da veciñanza no proceso de posta en valor da necrópole megalítica.

- Establecer pontes de unión entre diferentes colectivos locais ( (AVV de Oirós, IES Marco do Camballón, Asociación Novo Cruceiro Rock, etc) e non locais (Museo Etnográfico de Ribadavia, Facultade de Física de Universidade de Santiago, etc) para a visibilización do patrimonio de Oirós e Vila de Cruces.

- Facer da "Festa das Mámoas" un espazo para o encontro, o diálogo e a planificación dun proceso colectivo.



Proximamanete, aquí, o programa das actividades da "Festa das Mámoas"...

Comentarios (16) - Categoría: Actualidade - Publicado o 06-06-2014 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Almaran e o equipo Galicia Team de geocaching acharon o Tesouro de Oirós!


Pois si! Epaaaa!

O tesouro que o Clube da Lingua agochou na necrópole megalítica de Oirós, nunha actividade de geocaching, dentro do Proxecto Palabras de Pedra, foi atopado por Almaran e mais polo Galicia Team. O tesouro aí continúa, á disposición de quen queira seguir participando nesta busca do tesouro, agora renovada coa colaboración do Galicia Team e mais o "membro premium" de geocaching Almaran!

Aquí podedes ollar unha crónica do día en que nós tamén xogamos a buscar o tesouro de Oirós con GPS: clica aquí!

E aquí está o noso tesouro na web de geocaching internacional, coas coordenadas GPS, por se queres procuralo: Tesouro de Oirós - Palabras de Pedra

Aí continúa o noso tesouriño, a esperar por novas e novos buscadoras de novas emocións!

E aquí, o perfil de Galicia Team

Ides flipar: Almaran atopou, nesta altura, 5695 tesouros! Mimá! Almaran

O Galicia Team évos tamén un equipo de primeira, cun historial de máis de 900 tesouros achados!

Oirós é moito! Agora xa atrae buscadores e buscadoras de tesouros do século XXI! Viva as Mámoas do Camballón!

Parabéns e graciñas, compas de geocaching!
Comentarios (16) - Categoría: Actualidade - Publicado o 03-06-2014 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis