Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Manuel Gago, con nós!


Manuel Gago compartiu con nós dúas horas cheas de aventuras. Quen dixo que non se parece a Indiana Jones? Só lle falta o látego! Pois a vida de Manuel Gago é un camiño de aventuras trepidantes!

Comezou contándonos que aquí ao lado, en Alcobre, máis de mil quiñentos cabaleiros loitaron nunha importante batalla da Idade Media galega e que a fortaleza de Alcobre, que puidemos ver grazas ás novas tecnoloxías nunha panorámica aérea, é un dos máis importantes bens patrimoniais do noso concello.

Manuel Gago falou de illas misteriosas que reciben afogados e onde se enterraban os mortos en mámoas moi semellantes ás do Camballón e se celebraban churrascadas... Falou do Rei Artur, Excálibur e das espadas que os guerreiros lanzaban ao río Ulla hai moitos, moitos anos e que foron recuperadas case intactas hai moi pouquiño.



Falou sobre as guerras de invasión romana na Gallaecia e o campamento romano de lexionarios de Negreira, ese cuxos restos se poden ver facilmente desde o google earth e que ten unha extensión de máis de quince campos de fútbol.

E falou e falou e contounos unha chea de aventuras sobre focas monxe, aleacións de cobre, moedas misteriosas e as mámoas do Camballón.

Animounos s seguir coa nosa aventura e despois da charla foi visitar as mámoas a Oirós, onde ficou asombrado coa fermosura do conxunto de mámoas, como podedes ler nesta noticia da prensa .

Xa sabemos como funciona algunha prensa en relación co idioma... Fan que desapareza da historia por arte de maxia! :( Así que vamos recuperar as palabras en versión orixinal, en galego, claro, de Manuel Gago, e que misteriosamente, aparecen traducidas ao castelán no Faro de Vigo: "A verdade é que é o das mámoas de Oirós é un conxunto arqueolóxico moi interesante e estéticamente moi bonito". Manolo Gago tamén valora "o seu bo estado de conservación. É un espazo moi bonito para que os nenos aprendan o papel que xogaban na vía de tránsito, hai 6.000 anos".

Grazas, Manolo Gago!
Comentarios (6) - Categoría: Actualidade - Publicado o 20-06-2013 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis