Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Palabras de Pedra na Universidade de Ourense
Fomos a Ourense á Universidade, á Facultade de Historia. Fomos en dous coches e explicamos o noso proxecto de normalización lingüística.

Falaron Séchu, sobre sociolingüística, Víctor, como vicepresidente da Asociación Cruceiro Rock, e Tania, sobre a lenda da espada de Brandomés, pero como vedes todas e todos saímos nas fotos. ;)

Deunos tempo para sacarnos unha foto co Carrabouxo e dar un paseiño por Ourense.

As dúas espadas de Brandomés causaron sensación!

Gustounos moito a explicación do proxecto Ourensegrafías, algo moi interesante e que vos recomendamos, cheo de neuronas.

Raúl Pinheiro tamén nos recomendou estes dous proxectos, atómicos: bicomun e niquelarte
Estamos moi agradecidos á xente que organizou estas xornadas e especialmente a Beatriz Comendador, que nos apoiou e apoia tanto e que, ademais, é moi simpática!

Aquí podedes ver as fotos.































Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 27-03-2014 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
As dúas espadas de Brandomés
Alumnos e profes do Ciclo de Soldadura, coordenados polo profesor Navaza, púxeronse a traballar nun proceso que transformou a materia da que están feitas a fantasía e a imaxinación noutra cousa igualmente marabillosa. Aquí podemos ollar como transformaron a materia da que están construídas as lendas en dúas espadas verdadeiramente admirabeis!

Nestas fotos podedes ver a xente do Ciclo de Soldadura a traballar na primeira espada, unha espada cun puño con forma antropomórfica.




























A segunda espada está baseada nas espadas da Idade de Bronce que apareceron nos ríos galegos, especialmente no río Ulla. O río Ulla, ao seu paso polo lugar do Tesouro, ou talvez no chamado Pozo dos Pérez, acolle segundo a lenda da espada de Brandomés unha espada de ouro.

Esa lenda é un dos tesouros do noso imaxinario colectivo, e chegou a nós grazas ao traballo de investigación de Carina Puga que recolleu a lenda da boca de seu avó, José María Puga Fernández.

Aquí podedes ollar algunhas desas espadas orixinais da Idade do Bronce, de hai perto de 3000 anos, achadas no río Ulla e que hoxe fican no Museo de Pontevedra:



E aquí podedes ver o grupo de alunos a profes do Ciclo de Soldadura do IES Marco do Camballón posando coas dúas espadas antes de poñerlles o coiro no puño.





















E agora, se queredes ollar un deses vídeos que nunca ides esquecer, aquí podedes ver como hoxe en día se pode fabricar unha espada coa mesma tecnoloxía -tan básica- da Idade de Bronce, mediante un proceso de fundición. O vídeo é realmente máxico:





...

Temos que agradecer o asesoramento no proceso de elaboración das nosas espadas a Denís Fernández, Marcial Tenreiro e Bea Comendador, así como a David Rubín pola súa espada de Brandomés imaxinada.
Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-03-2014 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
A miña pedra!


Chámome Xoán e vivo en Vila de Cruces. Un día ía paseando por Busto, unha das parroquias de Lalín, e encontreime enriba do valado da casa da miña avoa unha pedra cunha forma moi rara. Aí está.



Podedes vela nestas fotos.



Eu cando vexo obxectos como estes collo e gárdoos en Besexos, a aldea da familia. Un día fomos ao Museo de Pontevedra e vin que por Galiza adiante se encontraron pedras bastantes parecidas á miña.




E por iso decidín preguntarlle á miña avoa e ela díxome que cando fixeron a casa a ninguén lle importaba a historia das pedras. O fundamental era facer bulto no valado.

>



En fin, gustaríame saber se esta pedra ten algún valor en relación coa antigüidade. Se alguén pode supoñer ou saber algo sobre esta pedra que se anime e escriba nos comentarios.
Comentarios (18) - Categoría: Actualidade - Publicado o 11-03-2014 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
As espadas de David Rubín


Que o saibades: que ese de aí arriba, o da foto, é David Rubín, e David Rubín é moi grande, un dos grandes entre os grandes. E que non hai moito tempo tiña catorce, quince, dezaseis anos... e estudaba nun instituto moi parecido ao noso, non moi lonxe.

Ten esa enerxía que transforma a materia sólida que tocas coa punta dos dedos nas emocións que nos enchen o alento, o peito, os ósos e os músculos: raiba, desasosego, paixón, medo, afouteza, rebeldía...

David Rubín é de Ourense e leva desde que era un mozo traballando, currando moitísimo, con sangue suor e tinta, por cumprir o soño que soñou cando era un neno: facer cómics...

E conseguiu moito máis que iso: facer grandes cómics. Deses que pasan á historia. Deses que, colega, tes que ler para coñecer experiencias que nunca pensaches chegar a vivir tendo entre as mans unha desas cousas que chamamos libros.

Cando temos quince, dezaseis, dezasete anos chegamos a ter soños que... moita xente deixa de soñar. Hai xente que abandona axiña a vontade de cumprir o seu soño, os seus soños. Mais outra xente procura facer realidade as emocións que son reais nos soños.

Vivir debería parecerse a iso, non?

A nós David Rubin fainos soñar. E os seus libros anímannos a traballar polo que desexamos, polo que perseguimos. Os personaxes de Rubín son como nós, son humanos. E, ao mesmo tempo, son como nós mesmos, nós mesmas somos e queremos ser: xente valiosa, xente marabillosa, fora do común.

Na introdución dun dos seus libros fala dun mundo onde o mítico e o humano se mesturan, onde o imposible é sinónimo do cotián e o incribel, dogma de fe.

Por iso lle pedimos a David Rubín que nos deseñase, para o Clube da Lingua, unha espada. Unha espada como a espada da Lenda de Brandomés: imposíbel e cotiá, incríbel e verosímil, humana e mítica.

Aquí está!



Que sorte tivemos! Na libraría Kómic, de Compostela, David deseñou para o Clube da Lingua esta espada. Moitas grazas, David!

Dentro do proxecto Palabras de Pedra quixemos facer un "especial" sobre as espadas de David Rubín, através dos seus libros de cadriños. Porque as espadas de David Rubín transmítennos unha enerxía capaz de partir o universo en dous, cortar zig zag! o vento dunha cicloxénese explosiva ou, delicadamente, pelar unha cereixa.

O imaxinario de David Rubin enriquece o noso imaxinario colectivo. Non sabemos se a lenda da espada de Brandomés está inspirada nunha espada real da Idade do Bronce, medieval ou napoleónica ou se se basea nunha espada soñada non se sabe cando por alguén.

Mas nós gostamos de compartir soños e hoxe temos o privilexio de ollar as espadas que David Rubín imaxinou e fixo realidade no mundo da fantasía.

E así nós seguimos a construír realidade a partir dos soños, da imaxes e das palabras.

A cultura e a creatividade fannos libres. Graciñas, David, por compartir con nós a túa fantasía e o teu traballo.


Por certo, se queredes coñecer un pouco máis a David, podedes ler esta entrevista interesantísima en praza.com de onde tiramos este anaco:

Pódese vivir disto en Galicia?

En Galicia e dende Galicia, si. Para Galicia? Non, imposible. Hai moita xente aquí que vive disto, o truco está en ir publicando as obras en varios países. Publicas en España e despois noutros sitios. E intentas publicar en galego, que non é fácil. Por desgraza, os dereitos das miñas obras están libres para o galego. Só precisa que un editor decida mercalos e producilos en Galicia. E non teño ofertas.


Ben, vamos coas espadas!

Comezamos por unhas espadas con moita historia porque aparecen nun número da mítica revista Golfiño no ano 2002!!!



David tardou menos de 24 horas en deseñar Corazón de Tormentas, nunha actividade organizada pola Casa da Xuventude de Ourense. O desafío era crear un cómic de 24 páxinas en 24 horas: escribilo, debuxalo, entintalo... O resultado, ademais de ter espadas como a de abaixo, é asombroso.





E aquí podedes ollar outras tres espadas de David para o mercado do estado español, de "Cuaderno de Tormentas", "El circo del desaliento" e
"La tetería del oso malayo"







David publicou en Italia unha versión de "Romeo & Giulietta" que, como vedes, leva espada xa na capa do libro...



Aquí abaixo vedes a Heracles, un Heroe que coñecemos en dous volumes que vos van flipar se tedes a sorte de abrir as súas páxinas. A súa espada chega a romper, aínda que a boa xente ao final sempre dá cun ferreiro amigo que constrúe outra boa arma para nos protexer dos perigos do mundo...



Aquí abaixo podedes ver unha páxina de "Las tripas del heroe", o libro no que David publicou os deseños a lápiz que antecederon aos deseños entintados e coloreados do libro primeiro sobre Heracles. Podedes comparar a mesma páxina antes e depois...






E finalmente, tachán!, Beowulf, un libro que che treme nas mans pola intensidade da violéncia, onde sentes latexar o corazón de varios monstros e que corta a túa respiración como as súas espadas cortan a carne de dragón. Abaixo, a espada de Beowulf en dous momentos desta historia inspirada no poema co que nace a literatura inglesa. Ten coidado e non te manches de sangue co deseño de abaixo.




Nos últimos 8 anos David Rubín publicou 11 libros de banda deseñada. Iso quere dicir que estamos diante dun traballador nato. Ademais, estes libros son algúns dos nosos mellores libros. David tamén dirixiu un filme de animación, O espírito do bosque. A súa obra foi traducida a várias línguas. David pasou polos máis importantes salóns de banda deseñada europeos e actualmente está a preparar o libro de banda deseñada "The Rise of Aurora West" para o mercado norteamericano.

Nós queremos compartir de vez en cando o seu camiño. Estamos con el!

Aquí podedes ollar o taboleiro do Clube da Lingua no noso instituto con... "As espadas de David Rubín"





Anmigos, amigas, a ler banda deseñada!
A ler banda deseñada galega!
E xa sabedes: todas e todos a apoiar a banda deseñada en galego!
Tes moito que gañar.

Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 05-03-2014 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis