Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Palabras de pedra


Queremos que a nosa lingua, a lingua de tod@s, sexa de pedra, que o resista todo a pesar dos golpes que leva e que poidamos conseguir que o galego, como no pasado, sexa a lingua que nos une; que neste presente se trate o galego como o que é: a lingua que hoxe nos fai ser como somos; e que no futuro teña do seu lado a forza da xente nova, coa súa vitalidade, fortaleza e resistencia ao paso do tempo.
A nosa língua, como as nosa mámoas, leva com nós séculos e séculos. Veu crecer a nosa xente, veu como Galiza cada día se volvía cada vez mais forte nuns tempos, e máis débil noutros… Por iso transformemos as súas debilidades en fortalezas: é posíbel entre todos e todas!
Comentarios (5) - Categoría: Actualidade - Publicado o 28-02-2013 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Gago, grazas!


Pedímoslle axuda a Manuel Gago sobre como traballar no proceso de Palabras de Pedra- Proxecto Mámoas, o proxecto para poñer en valor dous dos nosos valores máis importantes, a nosa lingua e as mámoas de Oirós, dende o punto de vista da comunicación.


Mais, antes de nada, quen é Manuel Gago?

Manuel Gago é membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blog persoal sobre gastronomía, viaxes, cultura e novas tecnoloxías é Capítulo 0: www.manuelgago.org/blog/.

Aqui está a nosa carta:

Estimado Manuel Gago:


Ola, somos os alumnos e alumnas de 4º D do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Levamos investigando varias semanas sobre as mámoas co noso profesor de ámbito lingüístico e social, Séchu Sende. Fixemos investigacións, tamén fixemos unha excursión en bicis ás mámoas de Oiros no monte do Camballón. No curuto do monte hai unha concentración de 15, si, 15 mámoas! Alí sacámoslles moitas fotos, a pena é que tiñan moita maleza é non se podían ver ben, ou nada.

Queremos seguir investigando sobre elas. Imos publicar un folleto para que toda a xente da vila as coñeza e nos axuden a mirar por elas, porque por moito que preguntamos, mesmo ao pé delas, ninguén sabe do tesouro que temos aquí .

Estivemos a ver vídeos sobre vostede e os seus proxectos arqueolóxicos, moi interesantes, e fascina saber que temos esa riqueza aquí en Galiza. Gustounos ver a axuda entre moita xente para limpar e dar a coñecer estes lugares. Gustaríanos que nos fixese algunhas recomendacións e nos dese algúns consellos. A nosa intención é que tanto no instituto como no concello, e mais alá, saiban destas mámoas tan numerosas e valiosas.

Moitas grazas


Alba Senín, Alba Areán, Alba Sande, Joaquin Blanco, Dani Guzmán, Alex González, Óscar Rey, Álvaro Amosa e Xairo Rodríguez e Latifa Fouzi



E aquí está a súa resposta:

Ola, amigos e amigas:

Moitísimas grazas por escribirme e informarme dos vosos proxectos. Tedes a sorte de vivir nun concello cheo de sitios arqueolóxicos fascinantes e estades facendo algo fantástico, descubrilos e poñelos en valor!

Os galegos temos a inmensa sorte de dispoñer dun dos patrimonios culturais máis grandes e diversos de toda Europa. Temos a sorte de que todos os nosos devanceiros deixaron alomenos algunha pegada do seu paso moi pretiño de cada un de nós.

Paréceme estupendo que esteades a recuperar a referencia das mámoas do Camballón. É moi importante porque, efectivamente, moitos maiores non as valoran e non as saben ver. "Hai que saber ver", díxome a min unha vez un vello que me ensinou mámoas nos Chans do Barbanza. Porque como non se ven, hoxendía son o tipo de ben cultural máis afectado por obras, desmontes, pistas, etc. Na miña experiencia con rapaces e rapazas coma vós, sempre detectades e localizades as mámoas no territorio antes que adultos moito máis preparados!

É xenial que esteades a facer un folleto informativo sobre elas. Eu recomendaríavos varias cousas, nas que seguro que xa pensastes vós:

a) Ademáis de describilas, explicade como eran as persoas que as fixeron. Buscade documentación ao respecto.

b) Ensinade como son as mámoas por dentro. Que moitas delas esconden no interior dólmenes, cámaras ou cistas...así a xente vailles dar máis valor.

c) pensade en subir o folleto á web. Facédeo en formato de blog, non subades unicamente o PDF ou unha versión en Issuu ou similar. Por que? Pois porque Google, que é o buscador hexemónico da Internet, non localiza ben os contidos en PDFs ou en Issuu. Mellor creade un blog e dádelle a cada mámoa unha entrada e o nome completo. Creade tamén un mapa en Google Maps, etc.

d) Considerade meter as mámoas como fichas en patrimoniogalego.net. Os meus compañeiros editores estarán encantados de axudarvos no que precisedes. Ao poñelas en patrimoniogalego.net, unides as vosas mámoas a un catálogo de 2400 fichas de bens culturais. Iso fai que as vosas mámoas sexan moito máis coñecidas.

e) Pensade en levar aos maiores alí un día de excursión. Aos vosos pais, aos amigos dos vosos país. Que saiban que é o que teñen alí. Pola miña experiencia, a xente non coñece as cousas porque ninguén llas explicou. Así as valorarán máis.

f) Cando fagades o folleto, se queredes, eu vos ofrezo difundilo a través de Capítulo Cero, o meu blog persoal, para que poidan coñecer as vosas mámoas moita xente.

E agora recoméndovos dous lugares moi chulos do voso concello, por se queredes seguir explorando.

Un deles é o Castro das Catro Cornas. Cornas é unha fermosísima palabra galega (Sechu vos poderá contar máis) que se podería entender como Recanto. Trátase dun castro que ten catro torreóns de terra, un en cada esquina. Está nas Terras de Carbia.

E este outro sitio é espectacular. O Castro e Castelo de Alcobre. Aquí se viviu un dos últimos grandes asedios dos cabaleiros da Idade Media Galega. Está moi preto de Piloño e é un gran castro sobre o que construíron a finais do século XV un castelo que durou moi pouco tempo, porque foi desmontando mercé a un pacto entre os aristócratas. Aquí cóntasevos a historia:

Castro e Castelo de Alcobre

Nada máis, moitas grazas por escribirme e un saúdo moi grande a todas e a todos! Aquí estou para o que precisedes.

...

Moitas grazas, unha forte aperta, amigo Manuel!
Categoría: Actualidade - Publicado o 28-02-2013 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Camballón, o topónimo



No dicionario da Real Academia Galega atopamos a palabra Camballón co significado de gramalleira, gancho, elevación de terreo, curva... O topónimo ou nome de lugar Camballón, monte curvo, podémolo relacionar con: Camba, Cambados, Combarro, Camanzo… As mámoas do Camballón tamén teñen forma curva, de mama, MAMULA en latín.. A raíz CAMB- ten máis de 3000 anos e ven das linguas prerromanas, celtas, que falaba a xente que vivía aquí naqueles tempos. É unha palabra que ten tanto tempo como os dolmens do Camballón. É unha palabra de pedra.
Comentarios (5) - Categoría: Actualidade - Publicado o 15-02-2013 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis