Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Redescobrendo o cine en galego realizado en Vila de Cruces en 1988!!


O IES Marco do Camballón redescobre o audiovisual en galego dos anos 80 producido en Vila de Cruces: o activismo sociocultural de "Cotenudo Produccións"

Nun traballo de investigación arredor do Monte das Covas, nunha actividade de recolla de información sobre as covas e subterráneos de Vila de Cruces, o Clube da Língua / Equipo de Normalización da Lingua do IES Marco do Camballón vén de redescobeir o filme “Roland Figueiredo, axente segredo”. Este filme foi realizado por un grupo de activistas culturais que nos anos 80 protagonizaron un movemento audiovisual nas Cruces, producindo varios filmes de ficción e documentarios.

Segundo o Clube da Lingua, “a redescoberta deste filme, producido en 1988, e que fora premiado no Festival de Cine Afeccionado de Vilagarcía, ten moita trascendencia para nós pola importancia que ten descubrir que no noso concello houbo un movemento audiovisual en galego, con moita participación daquela xeración de xente nova e moita creatividade.”

O filme é unha obra de fición de 50 minutos, un filme cómico de aventuras, que parte dunha descuberta de importancia arqueolóxica e continúa cunha delirante trama detectivesca arredor da identidade da propia Galiza, con sátira social incluída. A primeira parte do filme foi gravada nunha das covas do Monte das Covas e a partir de aí o filme recolle imaxes de Merza, Fontao ou a Vila de Cruces dos anos 80.

Este filme foi cedido ao IES Marco do Camballón por Rafael Martínez e Tito Pampín, integrantes de “Produccións Cotonudo”, xunto a varias obras audiovisuais de grande importancia histórica, entre as que se atopan unha retransmisión do programa teleafeccionado “TV Cruces” de 1988, un filme de terror, unha comedia, un de ficción científica ou imaxes documentais de Vila de Cruces dos anos 70.

“Descobrer que Vila de Cruces estivo na vangarda da creación audiovisual nos anos 80, nos tempos da movida e a transgresión, dos Resentidos e da primeira TVG, e facéndoo no noso idioma, énchenos de orgullo”, explican desde o Clube da Lingua.

“Fomos ver que atopabamos dentro das covas do Monte das Covas e, falando coa xente, acabamos dando cunha das manifestacións mais vangardistas do noso concello: as primeiras creacións audiovisuais colectivas, en galego, fruto do activismo cultural do momento”.

O filme, “Ronald Figueiredo, axente segredo”, de Produccións Cotonudo, será proxectado o vindeiro dia 19 no Auditorio de Vila de Cruces, aberto ao alunado, ás familias e á veciñanza do Concello.

No filme participaron Rafa Martínez, Xavier Vila, Luis Martínez, Tito Pampín, Gonzalo Rouco, Xosé Martínez, Manuel Padrón, Marisol Gómez, Santi Vázquez, Rosa Outeiral, Chapi, Pepe Senra, Lupe Pampín, Fuentes, Carlos garcía, Moncho, Mosteiro, Rodrigo Facal, Paco Penas....

Esta redescoberta é resultado da metodoloxía de participación social impulsada desde o Proxecto "Palabras de Pedra", do Clube da Lingua, que se activou hai tres cursos e que ten como base do proceso de normalización lingüística a posta en valor do patrimonio material e inmaterial e a participación cidadá, desde o IES Marco do Camballón.

Aquí podedes ollar algunhas fotos:






















Comentarios (15) - Categoría: Actualidade - Publicado o 10-12-2014 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
O Monte das Covas
O Clube da Lingua, en colaboración co Equipo de Investigación e Divulgación Arqueolóxica "Pescudas", e coa axuda de varias veciñas e veciños de Vila de Cruces, leva varias semanas botado ao monte.

Desde que o ano pasado coñecemos as lendas do Monte das Covas, que forma parte do noso "Mapa dos tesouros das lendas de Vila de Cruces", sentímonos atraídos polas covas das que tanta xente falaba: que se comunican co lugar de Covas de Carbia; que se chegan até Merza; que se están unidas baixo terra con todas as parroquias de Vila de Cruces... Tamén se falaba de tesouros e mesmo escoitamos que houbera xente que destruíra con máquinas excavadoras algunhas delas hai anos.

Así que nos botamos ao monte! Nas últimas semanas estivemos a facer traballo de campo: por un lado, abrindo caminho, fouciño en man; por outro, falando con veciñas e veciños, con moitísima curiosidade.

Aquí vos deixamos unhas fotos. Levamos catro semanas de pescudas e estamos achando cousas moi, moi, moi interesantes que axiña compartiremos con vós.

Realmente é emocionante ir descubrindo, falando coa xente, o grande valor do patrimonio do noso concello. E ir descubrindo, ao mesmo tempo, o valor do traballo cultural que desenvolveu moita xente ao longo da historia de Vila de Cruces.

Seguiremos informando... ;) Preparádevos para unha nova aventura do Clube da Lingua na que moita, moita, moita xente vai participar...

...e para unha grande sorpresa moi, moi relacionada coa nosa lingua, o audiovisual e os alegres anos da década de 1980...

As fotos: diferentes momentos das incursións no Monte das Covas. Xa vos pica a curiosidade? ;)























Comentarios (12) - Categoría: Actualidade - Publicado o 09-12-2014 23:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis