Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entrevista a Gamy




Gamy é un alumno do IES Marco do Camballón que cursa primeiro de bacharelato.

Fai uns anos interésase polo rap.

Canta en galego, castelán e Inglés.

En galego as súas cancións máis destacadas son Porque me sae do galego e Palabras de pedra.
Comentarios (14) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-12-2013 12:04
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Guadalupe Día González
Guadalupe é unha profesora de Lingua Castelá e exprofesora do noso centro (I.E.S. Marco do Camballón). Decidimos facerlle unha entrevista preguntándolle as seguintes cuestións relacionadas co galego.


1.Ti como profesora de Lingua Castelá, fora do teu horario laboral, en que lingua falas?

Adáptome ao falante e á situación comunicativa. Se o interlocutor se manefesta en castelán, eu fágoo do mesmo xeito. Se se dirixen a min en galego, correspondo na mesma lingua. No caso de ser eu a iniciadora da conversa, guíome inconscientemente pola situación comunicativa e alterno cunha ou outra lingua dependendo das circunstancias.

2.En todos os lugares aos que fuches impartir clase de Lingua castelá, dentro da aula que che falaban en galego ou en castelán?

Con maior ou menor dificultade, intentan adaptarse á lingua que se imparte na materia.

3.Agora que estás embarazada, que lingua lle vas enseñar ao teu fillo?

Intentarei ensinarlle todas as que poida. Sen lugar a dúbidas, a lingua galega formará parte da súa propia esencia, polo tanto, paréceme imprescindible para desenvolver de modo adecuado a súa identidade. Se es capaz de asimilar diversas estruturas lingüísticas, tamén es capaz de comprender diferentes maneiras de pensar e de ver o mundo, polo tanto, tes máis posibilidades de converterte nun ser tolerante e capaz de valorar a diversidade en tódalas súas vertentes. Se es máis tolerante, quizais sexas más xusto.

4.Moléstache que os teus alumnos/alumnas che falen en galego cando estás dando Lingua Castelá?

De ningunha maneira. Son moi flexible con respecto a iso. Sempre lles deixo claro que non quero que se sintan violentos ou forzados a expresarse nunha lingua que non entenden como súa. Non me parece que sexa unha boa táctica, que consideren unha obriga aprender algo. Cantas máis linguas dominemos mellor, pero a esa conclusión ten que chegar cada un dun xeito independente. No caso de tratarse de xente nova, penso que hai que proporcionar información, desligar a aprendizaxe de calqueira lingua de cuestións políticas,sociais ou económicas. É importante que sexa capaz de valorar o xeito de aprender como vía para enriquecerse intelectualmente e como persoa, como xeito de liberarse dos xugos que nos impón o sistema.


5.Nalgúns dos teus viaxes atopaches algún falante galego?

Atopei moitísimos, en Bélxica, Berlín, Ámsterdam, Viena, Suiza... ata en Croacia ou Pompeia. Hai galegos por todo o mundo. Un día, disfrutando das ruinas de Pompeia baixo un sol abafante, escoitei unha voz que dicía: "Aquí vai máis calor que onde crucificaron a cristo, me cajo no perexil e no carallo. Eu non vexo máis ca pedras..."

6.Tiveches algunha anécdota na túa clase relacionada co galego(o galego na actualidade- normalizaciòn lingüística)?

Fai uns meses, un alumno de segundo de Bacherelato do centro de Vigo, díxome, intentando ser amable, que lle parecía ben que se ensinase galego para que puidese conservarse nos pergamiños para as vindeiras xeracións... Xa lle dixen se saíra algunha vez da casa. Realmente díxenlle moito máis, pero dun xeito irónico e disimulando o meu cabreo. Non é máis que falta de información. Fai anos, na escola de idiomas, unha alumna coreana chegou a clase toda satisfeita, dicindo que levaba dous días apuntando nunha libretiña todo o que escoitaba polas rúas composteláns e non entendía, tal como eu lle suxerira. Sen poder aguantar máis a emoción, pediume permiso para conxugar un verbo que, segundo ela, empregábase a cotío polos viandantes da cidade: " yo carallo, tú carallas, él caralla..." Pensei que morría da risa.
Comentarios (15) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-12-2013 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
Unha experiencia magnífica


Hai varias semanas que os alumnos e alumnas de 3º e 4º de secundaria tiñamos planeado ir ás mámoas de Oirós en bicicleta, ida e volta, pero debido ao mal tempo fómola aprazando até que un día o noso profesor de lingua galega nos falou do geocaching. Moitos non saberedes o que é pero eu explicaréivolo.

O geocaching consiste en esconder un tesouro e varias pistas. Despois hai que atopalo e para isto os concursantes deberán axudarse dun GPS e as coordenadas onde se encontra o tesouro.

Unha vez que o profesor nos explicou isto, ocurríusenos unha idea xenial: practicar esta actividade nas mámoas de Oirós, así que alá fomos!

Era venres 20 de novembro pola mañá, collín a bici, xunto cos meus compañeiros e compañeiras, e fomos nela ao IES. Unha vez alí, revisamos que todo estivese en orde e zarpamos nelas cara a Oirós.

Unha vez alí, nas mámoas, practicamos o geocaching. A continuación fomos tomar uns refrescos e logo voltamos ao instituto. Certo é que as subidas nos custaron... E ás baixadas divertímonos!

Foi unha experiencia magnífica, grazas ás compañeiras e compañeiros, a Séchu e a Carmen, a profesora de matemáticas que ía no coche de apoio pero que axudou máis do que credes.


Paula Gago
Comentarios (16) - Categoría: Actualidade - Publicado o 05-12-2013 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras de Pedra, a cantar na feira!




A Charanga do Camballón ten que ensaiar máis... Esa foi a lección que aprendemos hoxe! Pasámolo ben, bailamos coa xente, e foi un dia memorábel... Mais temos que ensaiar máis...
-E logo tedes que ler as cancións polo papel? - Iso dixo unha señora.

Así que seguimos adiante!

Hoxe saímos á feira de Vila de Cruces para compartir coa xente a música popular de sempre e as novas cancións populares de hoxe; cancións no galego do país e cancións no galego internacional, ese que tamén se chama portugués. Cantamos A saia da Carolina e cantamos O pintinho amarelinho; cantamos O galo canta e cantamos Isto é tráfico, dos Tonechos.

De paso, repartimos entre a xente libriños fotocopiados con algunhas das letras da nosa charanga e mais un folleto da Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística sobre como vai afectar a LOMCE á lingua galega no ensino... Por que tanta violencia institucional contra o noso idioma?

NO IES Marco do Camballón estamos coa música na nosa lingua. Estamos co festival rock do Novo Cruceiro Rock, estamos co rap de Gamy e o movemento hip-hopeiro galego, estamos coa música das bandas do noso concello, estamos co techno, co pop, co funky, co ska en galego... E hoxe estivemos coa música popular.

O proxecto Palabras de Pedra quere pór en valor, a partir dun proceso de participación social que ten como eixo o entorno megalítico de Oirós, o noso patrimonio material e inmaterial. Hoxe a enerxía da lingua levounos a cantar con fachenda esas cancións populares que moita xente nova descoñece.

Quixemos dicirlles á xente da feira, a xente maior de quen aprendemos moitas destas cancións, que nós continuamos no camiño da lingua, seguimos a tradición e actualizámola.


Aquí podedes ler a noticia nun xornal que non fala a nosa lingua




























Comentarios (12) - Categoría: Actualidade - Publicado o 04-12-2013 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
O tesouro de Oirós xa está na rede internacional de geocaching!



Pois si!

O noso tesouro xa forma parte deses máis de dous millóns de tesouros agochados polo mundo, máis de 1000 na Galiza, pola rede de geocachers www.geocaching.com, á que o Clube da Lingua pertence.

Se queres iniciar unha aventura procurando un tesouro único, procura aqui: O tesouro de Oirós - Palabras de Pedra

Este é o texto de presentación do noso cache:

"As mámoas de Oirós asócianse desde hai centos de anos a tesouros que a tradición oral fixo chegar até os nosos días: a trabe de ouro e a trabe de alquitrán, a galiña dos pitos de ouro, o tesouro dos mouros, o peite de ouro da moura... Agora temos un tesouro do século XXI en Oirós!

No campo de Oirós hai 17 mámoas e o tesouro está dentro dumha delas, entre silvas. É moi accesíbel.

Oirós fica en Vila de Cruces. Podes chegar desde Silleda ou desde Lalín. O campo de mámoas de Oirós concentra 17 mámoas e o tesouro Palabras de Pedra sitúase neste entorno único.

Esta cache forma parte dunha actividade de posta en valor das mámoas de Oirós, dentro dun proceso de participación social para a normalización da língua galega impulsado polo Club da Lingua do Instituto de Ensino Secundario Marco do Camballón, de Vila de Cruces, Galiza."
Comentarios (12) - Categoría: Actualidade - Publicado o 04-12-2013 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis