Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Buscando un tesouro do século XXI en Oirós



Os motores da lingua e da colaboración leváronnos máis unha vez às mámoas de Oirós!

O IES Marco do Camballón organizou unha actividade de geocaching no campo de mámoas de Oirós este venres polá mañá. Dentro do Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra, un proxecto de participación social para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial e a normalización da lingua galega, o alumnado do instituto saiu do IES en bicicleta e unha vez no campo de mámoas, buscou cos dispositivos GPS dos seus teléfonos móbiles un tesouro que foi escondido previamente polo Club da Lingua - Equipo de Normalización.

A actividade inspírase no "geocaching", unha versión moderna das buscas do tesouro, afección que nos últimos anos se extendeu internacionalmente e que hoxe en dia ten escondidos máis de dous millóns de "tesouros" no planeta e mais de 1000 na Galiza. Ademais de tesouros escondidos nas rúas de Vigo ou no estadio de Riazor, desde hoxe a necrópole megalítiica do Camballón tamén garda o seu propio tesouro.

O tesouro escondido forma parte da rede internacional www.geocaching.com, rede da que forma parte o Equipo de Normalización Lingüística do IES Marco do Camballón. A información sobre a ubicación d´O tesouro de Oirós / Palabras de Pedra pódese consultar AQUI.

As mámoas de Oirós asócianse desde hai centos de anos a tesouros que a tradición oral fixo chegar até os nosos días: a trabe de ouro e a trabe de alquitrán, a galiña dos pitos de ouro, o tesouro dos mouros, o peite de ouro da moura... Algunhas destas lendas foron recollidas no libro Mámoas de Oirós, lendas possíveis, escrito por Ramón Taboada e editado polo IES Marco do Camballón.

Moitos deses tesouros forman parte do imaxinario colectivo e a actividade Buscando un tesouro do século XXI queixo lembrar a importancia que a fantasia, os mitos e as lendas tiveron, teñen e poden ter como parte da nosa propia cultura.

Realmente, os tesouros que se agochan nas actividades de geocaching non teñen valor económico. E a moderna pota do ouro é un tupperware que garda obxectos de valor simbólico e cultural.

O importante desta actividade é a propia busca, a aventura de procurar camiñando nun entorno natural que, como o de Oirós, ofrece a posibilidade de poder observar unha concentración única de máis de 15 mámoas.

Cómpre recordar que o sitio arquelóxico do Camballón foi a primeira excavación da arqueoloxía galega moderna, na década dos 70 do pasado século.

Hoxe, o Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra supón a creación dun proceso de participación social que desde o Instituto Marco do Camballón e a colaboración da veciñanza de Oirós e outros axentes sociais ten como obxectivo pór en valor este importante patrimonio.

Podes ler a noticia neste xornal que recolle moi ben a noticia pero que non o fai na nosa lingua :(




















Comentarios (11) - Categoría: Actualidade - Publicado o 29-11-2013 16:41
# Ligazón permanente a este artigo
O astrónomo Salvador Bará, con nós!








Salvador Bará traballa na Universidade de Santiago de Compostela, é unha das persoas que impulsa o programa Astronomía na Rúa para o coñecemento e a valorización do noso ceo e hoxe coñecémolo como un excelente divulgador da astronomía. Salvador Bará é un dos científicos que colaboran co Proxecto Mámoas - Palabra de Pedra e unha das persoas que está a participar deste proceso de comunicación en rede para a construción social do noso pequeno proxecto de normalización da lingua.

A súa intervención, organizada entre a Biblioteca e o Equipo de Normalización / Club da Lingua do IES Marco do Camballón, levaba o título de Mitoloxía e Astronomía e foi interesantísima.

Explicounos a relación entre o megalitismo, a orientación das mámoas de Oirós e as estrelas; falounos da construción das narracións mitolóxicas por parte de culturas de todo o planeta; contestou ás nosas preguntas sobre OVNIS ou sobre o horóscopo, que fican fóra do pensamento científico e pertencen ao terreo das crenzas; mostrounos moitísimas estrelas con tecnoloxías visuais moi atractivas e, en definitiva, animounos a ollar o ceo.

Ah, e tamén nos explicou porque Galiza debería ter dúas horas menos en relación ao horário actual e a súa situación xeográfica a respecto do meridiano de Greenwich.

Salvador Bará convidounos a participar nunha actividade de observación das estrelas, Astronomía na Rúa, que, se a climatoloxía o permite, terá lugar en xaneiro de 2014.

Ah, e sabedes que libro levou como presente para a biblioteca da súa faculdade? Vento e Chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia , escrita por Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, dous dos nosos colaboradores.

Vémonos, Salva! Moitas grazas!


...

Así recolleu o Faro de Vigo a noticia, en castelán :(
clica aqui












































Comentarios (9) - Categoría: Actualidade - Publicado o 28-11-2013 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
120 tesouros!


Un gran día, así foi!

Oito alumnas e alumnos do Club da Lingua do IES Marco do Camballón achegámonos ao Colexio Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces para presentar o libro Mámoas de Oirós. Lendas possíveis, escrito polo profesor do colexio Ramón Taboada e ilustrado por Carlota Salgado e mais explicar o Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra e convidar ao colexio a participar.

E descubrimos 120 tesouros porque no encontro participarom case 120 rapaces e rapazas e a experiencia foi moi brillante, intensa, emocionante e valiosa.

O acto foi presentado pol@s alumn@s do colexio Sergio Pampín, Erica Mato e Lucía Pampín e o alumnado do Marco do Camballón -Inma, Tamara, Marcos, Brais, Alba, Toni, Uxía e Ana- dinamizamos a nosa explicación sobre o Club da Lingua, o libro e o Proxecto Mámoas con fotografías, un vídeo-clip musical e mesmo un campionato de aturuxos no que participaron cinco alumnos do cole. Por aturuxar moi, moi, moi bem Iria Moire e Brais Ferreiro levaron un CD Camballón MIX como premio.

O final do acto foi espectacular porque nos últimos vinte minutos o exalumno do IES, estudante de Historia na USC e activista da Asociación Novo Cruceiro Rock, Vítor García respostou o aluvión de curiosidade que chegou en forma de mais de corenta preguntas do alumnado do cole.

Ao final do encontro, o Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra agasallou cun exemplar do libro aos case 120 alumnos e alumnas que participaron no acto que agora xa saben de que vai esta historia.

Por certo, tamén aproveitamos para convidar aos rapaces e rapazas a participar na recollida de lendas de tradición oral relacionadas con tesouros para realizarmos entre moita xente o "Mapa dos Tesouros" de Vila de Cruces.

Moitas grazas a todos e a todas, moitas grazas ao colexio de Vila de Cruces e, especialmente, a Ramón Taboada.







Traballando arreo!






Aquí, os alumnos, alumnas e o profe Séchu Sende.



Vítor e Séchu, co libro na man.



Un gran equipo!











Tamara presentando o Campionato de Aturuxos



Aquí podedes ver as fotos do concurso de aturuxos!



Aaaaaaiiiiiiiiiiaaaa!




Iuuuuuuuuhhuuuuuuuuuuuuuuuuua!!!




Huuuuuuiiiiiiooooooaauuuuuu!



Auuuuuuiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiaaaaaa!



Ese Brais!



Inma, explicando!





Un gran equipo: Don Ramón, Vítor e o alumnado do IES Marco do Camballón



Moitas preguntas se fixeron! Así dá gusto!
Comentarios (10) - Categoría: Actualidade - Publicado o 25-11-2013 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do Proxecto Mámoas en Oirós!


O vindeiro mércores, 27 de novembro, terá lugar en Oirós o lanzamento do libro Mámoas de Oirós. Lendas possíveis, escrito por Ramón Taboada e ilustrado por Carlota Salgado en Oirós.

Tamén faremos a presentación do Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra, impulsado polo Instituto de Ensino Secundario Marco do Camballón, desde o Club da Lingua/ Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua.


Será ás 21.00 no Local Social de Oirós!


Comentarios (9) - Categoría: Actualidade - Publicado o 22-11-2013 11:10
# Ligazón permanente a este artigo
Os deseños de Carlota Salgado para o libro "Mámoas de Oirós. Lendas possíveis"
Estes son os deseños que a artista plástica, e ex-alumna do IES Marco do Camballón, Carlota Salgado (Vila de Cruces, 1988) realizou para o libro Lendas possíveis. Mámoas de Oirós, escrito por Ramón Taboada e publicado polo Club da Lingua do noso IES dentro do proxecto Palabras de pedra.

Son boísimos!




















Carlota é graduada en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Faculdade de Belas Artes de Pontevedra, na que actualmente realiza a súa Tese doutoral dentro do departamento de Escultura.

Realizou numerosas exposicións colectivas en Pontevedra, Ourense, Vigo, Portugal e Madrid. En 2010 participa en 15 proxectos de espazo para un espazo (Pazo Torrado, Cambados, Pontevedra), e forma parte da colectiva Proxecto IMAN na Casa das Artes e na Casa da Arquitectura (Portugal).

En outubro de 2011 participa en Chámalle X, Xornadas de Performances (Pontevedra), e na mostra colectiva de Proxectos Fin de Máster (Fundación RAC, Pontevedra).

A finais dese ano forma parte do I Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), e disfruta dunha Bolsa Leonardo en Praga onde participa en diversos proxectos entre os que destaca unha mostra individual en Muddum Art Space.

En 2012, tras ser finalista en Arte 40, forma parte do elenco de artistas que expoñen no Museo del Traje de Madrid.

En 2013 é seleccionada na XI Bienal Pintor Laxeiro (Lalín, Pontevedra), e en xuño deste año participa nas exposicións colectivas Contradicións (F. Paco Lareo, Vila de Cruces) e 6 proxectos de espazo para un espacio (Pazo de Torrado, Cambados, Pontevedra), comisariada por Javier Tudela.

Un abrazo, Carlota, moita sorte no camiño e moitas grazas por colaborar con nós e formar parte do Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra.
Comentarios (9) - Categoría: Actualidade - Publicado o 20-11-2013 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Unha Charanga para a festa da tradición popular












Aquí está! A Charanga do Camballón!

A xente máis marchosa e musical do IES Marco do Camballón uniu as súas forzas para levar a nosa lingua ás cordas vocais de quen queira sumarse á Festa da Lingua.

Por que?

Porque nos gusta cantar as cancións de sempre, as que a tradición fixo populares e se transmitiron e transmiten de xeración en xeración...

Porque as palabras da nosa tradición popular son Palabras de Pedra e tamén forman parte do Proxecto Mámoas: Veñen de moi, moi lonxe e van cara adiante!

Porque nos gusta modernizar a nosa música, facendo populares as cancións de hoxe, desde Doraemon até Isto é tráfico!

Porque nos gusta cantar todo tipo de cancións da nosa lingua, unha lingua internacional, que tamén se fala no Brasil ou Portugal, e por iso cantamos O pintinho amarelinho!

Porque nos gusta que a nosa lingua se fale, se escriba, se cante, se aturuxe, se toque cos nosos instrumentos para facer Festa: a Festa da Lingua!

Aquí podedes ler dous artigos da presentación da Charanga do Camballón o día da Festa da Lingua de Outono:

En La Voz de Galicia, unha crónica respectando a nosa lingua.

No Faro de Vigo, pasando da nosa lingua.


...

As fotos son de Miguel Souto e Bernabé/Gutier
Comentarios (9) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-11-2013 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
Arqueo-astrónomos no Camballón
O 14 de novembro recibimos unha visita moi especial no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Catro científicos dos que se emocionan co seu traballo compartiron con nós o seu interese pola necrópole megalítica do Camballón e o proceso de participación comunitaria para valorizar o noso patrimonio cultural.

Temos que agradecer a Salvador Bará, astrónomo da USC e excelente divulgador, a coordinación desta aventura.



Nesta foto podedes ver a Felipe Criado Boado, do CSIC, Consejo Superior de Investigaciones Científicas. É arqueólogo e director do Incipit, especializado en arqueoloxía da paisaxe. Na foto, vestido de cores outonais.






Aquí podedes ver em primeiro plano o arqueólogo noruegués Trond Lodoen, da Universidade de Bergen, o máis alto. E mais a Vítor Garcia Pinheiro, estudante de História e ex-alumno do IES Marco do Camballón, activista da Asociación Novo Cruceiro Rock.



Aquí, cunha brúxula electrónica, César González, astrofísico, unha das persoas que máis saben no estado español sobre a relación entre megalitismo e astronomía.















Se vos fixades, nesta vista desde o Carrio, pódense ver tres conxuntos circulares, de silvas. Son tres das mámoas da necrópole.



Aqui temos unhas panorámicas da chaira de Oirós, desde o Monte Carrio. Subimos ao Carrio porque desde o punto de vista da arqueoloxía da paisaxe e da astronomía é moi interesante ter en conta que as mámoas forman parte dun territorio amplo e variado que, por exemplo, ten no horizonte o Pico Sacro.

Por outro lado, segundo César González, a orientación das máis de 15 mámoas seguramente estea relacionada cos astros. É moi posíbel, por exemplo, que a orientación das mámoas teña unha relación cultural fundamental co solsticio de inverno.



Aínda que non temos fotos, un momento moi importante da visita dos arqueo-astrónomos foi o encontro co profesorado do IES Marco do Camballón, abrindo un camiño de colaboración entre os científicos e o coletivo docente do noso centro arredor deste tema. Sobre isto e moitas máis cousas sobre as que falamos na xornada de hoxe e que irán dando os seus frutos pasiño a pasiño... seguiremos informando!

Comentarios (8) - Categoría: Patrimonio - Publicado o 18-11-2013 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
Novas fotos, moi interesantes!
Víctor García, ex-alumno do IES Marco do Camballón, e activista da Asociación Novo Cruceiro Rock, estudante de Historia, envíanos estas interesantes fotografías sobre as mámoas do Camballón.

Se clicas enriba, as fotos amplíanse.

O certo é que canto máis sabemos do xacemento, máis medra a nosa curiosidade!




Vedes eses circuliños? Pois non son marcas de aterraxe de OVNI´s sobre os prados de Oirós. Non. Son as mámoas fotografadas con tecnoloxía LIDAR, acrónimo de Light Detection and Ranging ou Laser Imaging Detection and Ranging. Flipade: un sistema de fotografia con láser que detecta as elevacións do terreo e que é moi útil en arqueoloxía, como estades vendo.



Aquí podedes ollar un esquema do Plan Xeral de Ordenación do Concello de Vila de Cruces. Os círculos en ton rosa e negro, as mámoas. Contamos 17! As 17 mámoas do Camballón.



Esta é unha foto tirada co visor SIXPAC, unha ferramenta moi interesante para procurar as mámoas ou, por que non? a túa propria casa. É fascinante ollar estas cousas desde o ceo!



Nesta foto do visor da web do Instituto de Estudos do Territorio podemos ler parte da microtoponimia que convive coas mámoas. Os nomes de lugares, centenarios, algunsmilenario, son verdadeiras palabras de pedra!




Graciñas, Víctor, por achegar-nos as fotos!

...

Por certo, Víctor é un dos responsabeis do blog de humor Canto Ghalpón!
Comentarios (8) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-11-2013 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis