Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Palabras de Pedra: intercambio co IES de Baio
Devolvéndonos a visita, a xente do IES de Baio achegouse a Vila de Cruces e xunt@s pasamos un día ben entretido, a compartir palabras, patrimonio, música, polbo e contos. Que ben se aprende así!





Comezamos a xornada cunha palestra de Vítor García sobre as mámoas de Oirós, unha exposición amena e divertida. Vítor, isto é o teu! Trouxo unhas pezas desde a Faculdade de Historia de Santiago, pezas que lle prestaron e que puidemos tocar coas nosas propias mans.





Despois fomos facer un intercambio de agasallos: nós démoslles como presente o noso Mapa das Lendas dos Tesouros de Vila de Cruces, e eles agasalláronnos cun CD no que participa un alumno do IES de Baio que nos visitou e mais cunha figura de Castelao de cerámica de Buño.




Como vedes, a Castelao mantivémolo ben abrigado, non fose coller frío... Gracinhas, xente de Baio!



E fixemos o "Berro Seco", unha especie de aturuxo, ben, non tan agudo..., máis ben é un berro bravo, forte, forte, que se berra entre moita xente, collendo forza anicad@s e botando o brado erguendo o corpo con forza. E ben que o fixemos!






Logo fomos ver as mámoas de Oirós. E Vítor explicounos sobre o terreo algunhas cousas sobre este noso patrimonio.



Vítor a explicar, Celso a escoitar e Eva a pasar frío!



Aquí está o dolmen da mámoas número 1.



E aquí, unha foto cunha das mámoas entre os dous grupos.



Que fixemos despois... ir xantar: polbo á feira!









E na sobremesa, música e baile!





Mais a festa non acabara! Faltaba a guinda deste día de amizade e palabras: Celso Fernández Sanmartín, un dos grandes contacontos da historia, contou para nós desde o pé do autobús da xente de Baio.

Un día para lembrar, no que non só coñecemos un pouco máis sobre o noso patrimonio máis próximo senón que, ademais, nós mesmas, nós mesmos, a xente da Charanga do Camballón e a xente de Baio, levamos o noso patromonio musical ás nosas rúas!

Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 20-10-2014 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis