Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Salvador Bará: "Falarmos galego é a nosa forma de estar no mundo"



Por que se decidiu polo campo da física e da astronomía?

Gustei moito delas dende que era un rapaz. É difícil dicir exactamente cales son os motivos. O feito de que o meu pai sexa un científico seguramente algo axudou, porque na casa -eramos seis irmáns e irmás- sempre andabamos argallando experimentos divertidos. Cando cumprín doce anos a miña nai e máis el regaláronme un pequeno telescopio e un libro sobre as estrelas. E daquela fiquei engaiolado pola fermosura do ceo.


-Que foi o que máis lle chamou a atención no ámbito da ciencia?

Hai unha cousa que me chama moito a atención, e é que na ciencia temos un método para saber -con bastante seguridade- que cousas non son certas. Iso fai que coñecer a realidade física que nos rodea sexa un xogo moi excitante. Podemos poñer en marcha a nosa creatividade e inventar novas teorías sobre o mundo. Logo preparamos experimentos e facemos observacións para preguntarlle á natureza se esas teorías son correctas, e a natureza moitas veces nos di que estamos equivocados. Entón temos que elaborar novas ideas. Por cada pregunta que respondemos aparecen dez preguntas novas. E dese xeito, aos poucos, imos sabendo mellor cal é o noso lugar no Universo, o que somos hoxe. O que sexamos mañá dependerá de todas e todos nós.


-Cantos anos leva estudando astronomía? Que é o que lle gusta máis?

:) Comecei aos doce anos a ler cousas sobre astronomía e xa pasaron máis de corenta... O que me gusta máis? Pois a verdade é que gozo con todo o relacionado coas cousas que se poden ver no ceo.


-Que nos pode dicir sobre o seu traballo como profesor en relación ás linguas que utiliza?

Sempre dei as clases en galego. As miñas materias están relacionadas coas Novas Tecnoloxías Optoelectrónicas, coas Ciencias da Visión, cos Láseres... Nese tipo de materias máis da metade do profesorado da miña Universidade dá as aulas en galego. Nos últimos anos comecei tamén a usar o inglés de cando en vez, xa que é a lingua que usamos os científicos para comunicarnos a nivel mundial e é moi positivo que os nosos estudantes tamén saiban manexarse nela.

-Ten alguna anécdota de alguna clase arredor da lingua galega?

Lembro unha de cando presentei a miña tese de doutoramento. Era sobre Física, claro, e estaba escrita en galego, o mesmo idioma no que fixen a exposición oral. O tribunal preguntoume se me custara moito traballo traducila do castelán. Tiven que explicarlles que non a traducira, que o galego era o idioma orixinal! Pareceulles moi ben, incluso aos membros do tribunal que non eran galegos. Foi hai ben tempo, quero pensar que hoxe ninguén faría xa esa pregunta.




Tenme pasado máis dunha vez ter na clase un estudante doutro país, por exemplo de Alemaña ou de Catalunya, falándome con toda normalidade en galego mentres que unha parte dos estudantes nacidos por aquí falaban comigo (con toda normalidade?) en español. Por que coñecían a nosa lingua eses estudantes doutros paises? Polo que me contaron, antes de viren a Compostela sabían que en Galicia temos unha lingua propia e aprenderon pola súa conta algo de galego. Pareceulles a cousa máis lóxica do mundo... E a verdade é que é a cousa máis lóxica do mundo. Eu fixen o mesmo cando fun investigar a unha universidade inglesa: estudar algo de inglés.

-Dalle clase por internet a moitas persoas de lugares diferentes e que falan diferentes idiomas? Que papel ten o galego nese ámbito?

Este ano dou clase por internet -usando cámaras web- a un grupo de persoas de Galicia, Valencia, Castela, Madrid, México, Albania e Xordania. As linguas que uso son o galego e o inglés. O galego é a lingua que uso preferentemente. Ao mellor alguén se sorprende ao sabelo, pero as persoas de países de fala castelá ou catalá entenden axiña o galego e seguen as clases sen dificultade. É unha equivocación pensar que se falas en galego non te van entender.


Ao incorporarse ao curso estudantes de países con idiomas moi diferentes comecei a usar tamén o inglés. Para min é moi enriquecedor poder utilizar varios idiomas. Usar o inglés no noso ámbito é moi normal, porque como dicía antes, é a lingua que usamos para comunicarnos as científicas e científicos de todo o mundo. Ser bilingüe en galego e inglés abre as portas de Galicia e do mundo.


Dicía alguén que a clase deste ano parece as Nacións Unidas: podes escoitar galego e inglés, mais tamén castelán, catalán, árabe e albanés. En pouco tempo todos aprendemos algunhas palabras nas linguas de todos. E iso é moi fermoso. Decátaste de que o galego é un idioma máis: un idioma á altura de calquera dos que se falan no mundo. Un idioma para a ciencia (e para moito máis). Cunha importantísima característica adicional: é o idioma propio do noso país.


-Como ve a situación actual da nosa lingua? Que pode facer a xente nova en relación ao galego?

Gustaríame que falar galego fose moito máis habitual do que é hoxe.

A xente nova debe ir descubrindo por ela mesma o que pode facer. Soamente me atrevo a suxerir que teña presentes dúas cousas: que o galego é unha lingua importantísima, como o son todas, e que é un tesouro que nos toca cuidar a nós. O galego é unha das nosas mellores contribucións á riqueza da humanidade. Falarmos galego é a nosa forma de estar no mundo.
Comentarios (14) - Categoría: Actualidade - Publicado o 13-01-2014 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis