Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Palabras de Pedra / Mámoas do Camballón: O logo!

Manel Cráneo é un crack!
Este é o logo que nos enviou para o noso proxecto! Bravísimo!

Como podedes ver, é unha mámoa cun dolmen no seu interior, un dolmen sen pedra de arriba.

Manel Cráneo é un dos máis importantes deseñadores de banda deseñada do país e tivemos a sorte de telo con nós no instituto, a falarnos da súa obra e, entre outras cousas, da súa experiencia creativa no proxecto de arqueoloxía comunitaria A torre dos mouros, para a que escribiu e deseñou unha maxistral banda deseñada.

Graciñas! Contamos contigo, Manel!

Aquí podedes ollar a Manel Cráneo a deseñar o día que visitou o noso instituto:





Comentarios (6) - Categoría: Actualidade - Publicado o 07-05-2013 09:14
# Ligazón permanente a este artigo
Porque me sae do galego!


O Clube da Lingua lanza, como actividade para promocionar a nosa lingua, un video-clip de rap de Gamy, un rapeiro que estuda no noso instituto, no Marco do Camballón de Vila de Cruces.

No vídeo, gravado por Tomás Lijo e realizado por Natasha Lelenco, participaron alumnado e profesorado do instituto e faise unha chamada en positivo para empregarmos a nosa lingua.









Aquí tedes a letra do tema:

Porque me sae do galego...

Gamy

Sexades todos benvid@s á voz deste credo
dámosvos a palabra e quitámosvos o medo
e podédesme dicir que son como un meigo
pero eu exprésome así porque me sae do galego.

Unha forma de vivir
á que lle teño moito apego
o meu mellor emprego
encaixar poesía como bonecos de LEGO
Son ese cego que ve todo
non me fan falta os ollos
para que os vou querer
se me sobran os folios

E veña todo dios a dicirme que facer
que dicir que pensar
e cal ten que ser a miña forma de ver

eu fago isto por pracer e ninguén mo roga
vós rídesnos da nosa roupa
e nós da vosa soga

pero acouga, claro, agora son un criminal
por querer expresar a miña liberdade
e que che poida parecer mal

eu pódote facer calar con só unha expresión
chégoche ao corazón cunha canción
desde a miña nación

expulso de vós cada mensaxe gris
nada máis negro que volver atrás
ao Nunca Máis
neste país parece mellor non se queixar

a súa campaña electoral
maniféstate que as vas levar
e por que non berrar?
quitáronnos o dereito a manifestar

pero temos o corpo
así que veña a protestar
por que temos que dicir o que eles queren oír? para velos rir?

eu prefiro dicir o que penso
co risco de despois fuxir

Somos esa voz que ven desde aló na esquina
somos o wolframio que saiu desde a mina

mira ben a quen intimidas
mancástesnos moito
pero deunos tempo a curar a feridas
as cicatrices do pasado seguen estando presentes

Nos rebelamos, lo siento
, Señor Presidente,
non é por min, pregúntelle a esta xente,
cerraredes moitas bocas
pero non cerrades as mentes.

Sexades tod@s benvid@s á voz deste credo
dámosvos a palabra e quitámosvos o medo
e podédesme dicir que son como un meigo
pero eu exprésome así porque me sae do galego.


Comentarios (6) - Categoría: Actualidade - Publicado o 24-04-2013 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Un guión de "Era visto" sobre algo que a nós si nos importa... ; )



Aparecen unhas estrañas pedras nunha das series con máis audiencia da historia de TVG, Era visto, unha descuberta no lugar de Lameiro, a aldea de Moncho, Kevin e compañía... e aquí temos o guión!

Un pequeno guión sobre unha típica tradición galega relacionada coas pedras: mover os marcos!

E diredes vós: Que teñen que ver os marcos coas mámoas e o noso Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra?

Pois iso tédelo que averiguar vós lendo este pequeno texto que nos enviou o actor Federico Pérez, escrito polo equipo de guionistas da produtora Zopilote.

Tamén se reflicte na historia, con moito humor, parodia, retranca, o pouco que coñece e valora algunha xente o noso patrimonio... Canta ignorancia!

Porque a nós nos gusta valorar o patrimonio e darlles valor ás cousas ben feitas.. aquí vos deixamos este pequeno texto tan interesante, unha oportunidade para achegarse a un guión dunha serie de televisión. Tamén vos deixamos o vídeo do capítulo. É moi interesante comparar as diferencias entre as dúas versións, a escrita e a audiovisual!

Graciñas a Federico Pérez e a Zopilote.







“OS MARCOS”

1. CASA. SALÓN. DÍA

MONCHO, ELVIRA


Moncho e Elvira están falando.

MONCHO: Estiven pensando e vou construír un fin de semana na Recollida.

ELVIRA: Pero que dis? Nesa finca non che deixan construír.

A MONCHO: Teño unha finca. A Recollida, xa a coñecedes (Plano da finca) Quero construír o que tradicionalmente se coñece como un fin de semana. Que é o fin de semana? Unha das cousas que máis nos identifica como galegos.

MONCHO: REFACER Planto alí un caseto para poder pasar o fin de semana e un sitio para facer churrasco e, como quen non quere a cousa. Pouca cousa. Quen me vai impedir facer iso?

ELVIRA: Non che deixan porque non tes permiso. A Recollida non é unha finca edificable.

MONCHO: Por cinco metros de nada.

ELVIRA: Polo que sexa, non tes permiso.

B MONCHO: PESCAR OS MESES QUE ELSES DIGAN, QUE TES QUE CAZAR AS ESPECIES QUE ELES DIGAN E ATA PARA CONSTRUIR. É que van contra todo, que se non podes ser pescador furtivo, que se tes que pagar impostos, que se non podes beber se conduces. Agora isto tamén. A onde imos chegar?

2. BAR. INT. DÍA

MONCHO, LINO, PUSKAS


PUSKAS: Pois agora é o momento de intentar solucionalo, que andan renovando o catastro.

LINO: Puskas ten razón. É o momento, agora ou nunca. De quen é a finca do lado?

MONCHO: De Don Anselmo. Ten unha morea de metros. Pero non lle deixan construír por non sei que hostias de patrimonio.

LINO: Podías falar con el para que che venda eses cinco metros.

PUSKAS: Lino, ti es sueco, ou suizo, ou algo así, non? Nestes casos hai que facer o tradicional, o que sempre se fixo: mover o marco e coller os cinco metros que precisas e morra o conto.

MONCHO: Non sei, teño as miñas dubidas.

PUSKAS: Moncho, por favor. Sempre se fixo así. Un pobo que non segue as súas tradicións está condeado a desaparecer.

LINO: Puskas ten razón. Xa non é por ti. É por todos nós que tes que seguir co costume de mover os marcos. Para que non se perda ese costume de xeración en xeración.

MONCHO: Tedes razón. Agora mesmo vou mover o marco. Só son cinco metros. Don Anselmo non se decata nin de coña. (Marcha)

PUSKAS: Que orgulloso me sinto del.

LINO: Si, señor. Ver que a xente faga por manter vivas as tradicións faime sentir ben.

C MONCHO: Xa está, xa movín o marco. E xa de paso, como quen non quere a cousa, metín do meu lado unha pereira. Vai dar unhas peras bárbaras. En vez de cinco, collín oito metros. Pero cunha finca tan grande Don Anselmo nunca se vai decatar.

3. CASA. SALÓN. DÍA

MONCHO, ELVIRA


Falan sentados no sofá.

ELVIRA: E xa postos a mover o marco, puideches coller algo máis. Non só a pereira. Puideches coller algunha arbore máis.

MONCHO: Penseino, pero non quixen abusar.

ELVIRA: E así podiamos facer o fin de semana un pouco máis grande.

MONCHO: Non sei, co que temos xa nos chega. Non hai que ser avariciosos.

ELVIRA: Veña, home. As cousas levan facéndose así desde sempre en Lameiro. Róuballes un pouco de finca ao veciño e listo. Xa non sabe ninguén o que de verdade era del, ou foi collendo.

MONCHO: Para que queremos máis?

ELVIRA: Mira que iamos ter un sitio moito máis grande para facer as churrascadas.

D MONCHO: A miña Elvira sabe como gañarme, co estómago. Pois ala, ala vou a mover un pouco mais ese marco.

4.BAR. DÍA

MONCHO, LINO, PUSKAS

Moncho fala con Puskas e Lino.

MONCHO: Agora non só teño eses cinco metros que necesitaba. Tamén teño unhas cantas árbores e un sitio grande de todo para facer unhas churrascadas de medo.

PUSKAS: Ben feito. As cousas ou se fan ben, ou non se fan.

LINO: E vaste quedar aí?

MONCHO: Si. Creo que é mais que suficiente. Xa non preciso máis nada.

LINO: Ese é o exemplo do espírito galego. Que non pensa no mañá. Falta de emprendemento, iso o que nos mata.

PUSKAS: Aí está. Lino ten toda a razón. Moncho estaste comportando como un tipo moi egoista.

MONCHO: O que?

PUSKAS: Non estás pensando no teu fillo, nin nos fillos do teu fillo, nin nos fillos, dos fillos do teu fillo.

MONCHO: Non vos sigo.

LINO: Moncho, por favor. Pensa un pouco nas vindeiras xeracións. Se ambicioso, home. Así nos vai aos galegos.

E MONCHO: Cando Lino e Puskas se poñen tan filosóficos dan medo.

PUSKAS: Iso é. Colle uns metros máis. Non para ti, para a túa descendencia. Porque quedarte nun fin de semana, se podes facer un chalet como deus manda?

LINO: E un bo garaxe.

PUSKAS: Si, un bo garaxe é fundamental.

MONCHO: Pero se só temos o meu coche e o quad de Kevin.

LINO: Iso, ti non penses no día de mañá. É o día de mañá. E se queres ter un sitio para meter o chimpín como un bo galego?

MONCHO: Non teño chimpín.

PUSKAS: Que hoxe non teñas chimpín, non significa que non o vaias ter nunca.

LINO: Moncho, por favor, como amigo cho digo. Vai coller uns metros máis e faite unha casa como deus manda.

PUSKAS: Por Galicia, Moncho, por Galicia.

MINIFUNDIO. BOTÍN, DUQUESA DE ALBA MOVERON O SEU IMPERIO MOVENDO MAROS

F. MONCHO: Convencéronme. Ala fun. Non ía quedarme cun fin de semana, podendo ter un chalet como deus manda. Xa ían uns centos de metros máis. Pero Don Abselmo non se ía decatar. El ten moitas terras.

5. CASA. SALÓN. DÍA

MONCHO, ELVIRA, KEVIN

Elvira e Kevin semellan desgustados con Moncho.

ELVIRA: Que tan egoísta es, Moncho.

KEVIN: Mamá ten toda a razón. Non pensas nos demais.

MONCHO: Non tiñamos nada, e agora podemos construír un chalet, temos árbores e un sitio para facer churrascadas. Que máis queredes?

ELVIRA: Un sitio para poñer unhas rosas, que fan moi bonito.

KEVIN: E unha piscina.

MONCHO: De verdade precisamos todo iso?

ELVIRA: Claro que si. E xa postos, non estaría mal unha pista de tenis pequena.

MONCHO: Pero se nesta casa nunca xogamos ao tenis, nin fomos á piscina, nin a nada que se lle pareza?

ELVIRA: E se o día de mañá queremos?

KEVIN: Ou as xeracións vindeiras.

G MONCHO: Outros máis con ese conto.

ELVIRA: E podíamos facer outra cociña fora, para non manchar na casa. E unha casiña para invitados.

KEVIN: E unha corte para cabalos.

MONCHO: Pois non se fale máis. Alá vou a mover un pouco máis o marco.

H MONCHo: Movín o marco unha vez máis. Xa collín como para facer un campo de fútbol. Para min que isto xa é avaricia, pero todo sexa por manter as tradicións e por Galicia.

PASO DE DÍA.

6.BAR. DÍA

MONCHO, LINO, PUSKAS


Moncho fala con Lino e Puskas.

MONCHO: Estades seguros de que non me pasei?

LINO: Para nada, Moncho.

MONCHO: E o que ía ser un fin de semana, agora vaise convertir nun chalet dos grandes con garaxe para chimpín, piscina, cociña fóra, casa para invitados, pista de tenis e corte para cabalos.

PUSKAS: Os teus descendentes vancho agradecer de corazón.

MONCHO: Xa postos a coller, collín tamén unha pedra, tipo antiga, que había tapada por unhas silvas. Vai ser bárbaro para facer unhas merendas.

LINO: Moi ben, Moncho, xa vas collendo o concepto, si señor.

PUSKAS: Mañá veñen a Lameiro os do catastro medir e xa vas ter terreo de sobra para facer o que queiras. Ben feito, Moncho, estou moi orgulloso de ti.

I MONCHO: Pasaron os do catastro e agora teño mil metros e parcela coa pedra antiga e todo. Moito se fixaron na pedra, mira que son raros. A ver agora como se pon Don Anselmo cando se entere.



7.NAVE. DÍA

MONCHO, ANSELMO

Anselmo fala con Moncho.

MESA DE PEDRA TIPO ANTIGA, CATRO PES TIPO LOUSA, RUSTICA, PRECIOSA...

ANSELMO: Moncho, non sabes o feliz que estou.

MONCHO: E logo?

ANSELMO: Os de catastro estiveron medindo por Lameiro.

MONCHO: (Disimulando) Non me diga?

ANSELMO: Tiña unha finca morta de risa, non valía para nada, por culpa dunhas pedras, O FAMOSO DOLMEN DE LAMEIRO QUE NON LLE IMPORTA A NINGUÉN, dun monumento megalítico que tiña no medio. Un atraso, pero non me deixaban construír por culpa desa merda.

MONCHO: E agora pode?

ANSELMO: Si, porque un pailán, un pobre home, un burro de medo meteu as pedras nas súas terras. Agora xa non é problema meu.

MONCHO: Unhas pedras, como son?

ANSELMO: Tipo antigo, estaban tapadas por unha silva. Pero dá igual, agora o problema xa non é meu.

MONCHO: Me cago en tal!

ANSELMO: Que pasa, Moncho.

MONCHO: Nada, nada. Cousas miñas.

ANSELMO: Eu a construír un chalet de medo, coa súa piscina, a súa pista de tenis e ese pobre home a ollar as pedras. Vai comer monumentos megaliticos e eu co meu chalel. Viva o catastro!

MONCHO: (Sen ningunha emoción) Viva.

K MONCHO: Mira ti que ben, Iso pásame por facerlle caso a todos eles. Quedo sen chalet, sen fin de semana, sen nada. Home, teño unhas pedras tipo antigas. Todo por seguir as tradicións e facer as cousas como se fixeron sempre. Que desgraza a miña. PEDRAS TIPO ANTIGA, NIN SIQUERA ME DEIXAN UTILIZAR AS PEDRAS DE MESA, QUE NON SE PODEN UTILIZAR, ATRASO DE PAÍS.
Comentarios (4) - Categoría: Actualidade - Publicado o 19-04-2013 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras de pedra


Queremos que a nosa lingua, a lingua de tod@s, sexa de pedra, que o resista todo a pesar dos golpes que leva e que poidamos conseguir que o galego, como no pasado, sexa a lingua que nos une; que neste presente se trate o galego como o que é: a lingua que hoxe nos fai ser como somos; e que no futuro teña do seu lado a forza da xente nova, coa súa vitalidade, fortaleza e resistencia ao paso do tempo.
A nosa língua, como as nosa mámoas, leva com nós séculos e séculos. Veu crecer a nosa xente, veu como Galiza cada día se volvía cada vez mais forte nuns tempos, e máis débil noutros… Por iso transformemos as súas debilidades en fortalezas: é posíbel entre todos e todas!
Comentarios (5) - Categoría: Actualidade - Publicado o 28-02-2013 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Gago, grazas!


Pedímoslle axuda a Manuel Gago sobre como traballar no proceso de Palabras de Pedra- Proxecto Mámoas, o proxecto para poñer en valor dous dos nosos valores máis importantes, a nosa lingua e as mámoas de Oirós, dende o punto de vista da comunicación.


Mais, antes de nada, quen é Manuel Gago?

Manuel Gago é membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blog persoal sobre gastronomía, viaxes, cultura e novas tecnoloxías é Capítulo 0: www.manuelgago.org/blog/.

Aqui está a nosa carta:

Estimado Manuel Gago:


Ola, somos os alumnos e alumnas de 4º D do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Levamos investigando varias semanas sobre as mámoas co noso profesor de ámbito lingüístico e social, Séchu Sende. Fixemos investigacións, tamén fixemos unha excursión en bicis ás mámoas de Oiros no monte do Camballón. No curuto do monte hai unha concentración de 15, si, 15 mámoas! Alí sacámoslles moitas fotos, a pena é que tiñan moita maleza é non se podían ver ben, ou nada.

Queremos seguir investigando sobre elas. Imos publicar un folleto para que toda a xente da vila as coñeza e nos axuden a mirar por elas, porque por moito que preguntamos, mesmo ao pé delas, ninguén sabe do tesouro que temos aquí .

Estivemos a ver vídeos sobre vostede e os seus proxectos arqueolóxicos, moi interesantes, e fascina saber que temos esa riqueza aquí en Galiza. Gustounos ver a axuda entre moita xente para limpar e dar a coñecer estes lugares. Gustaríanos que nos fixese algunhas recomendacións e nos dese algúns consellos. A nosa intención é que tanto no instituto como no concello, e mais alá, saiban destas mámoas tan numerosas e valiosas.

Moitas grazas


Alba Senín, Alba Areán, Alba Sande, Joaquin Blanco, Dani Guzmán, Alex González, Óscar Rey, Álvaro Amosa e Xairo Rodríguez e Latifa Fouzi



E aquí está a súa resposta:

Ola, amigos e amigas:

Moitísimas grazas por escribirme e informarme dos vosos proxectos. Tedes a sorte de vivir nun concello cheo de sitios arqueolóxicos fascinantes e estades facendo algo fantástico, descubrilos e poñelos en valor!

Os galegos temos a inmensa sorte de dispoñer dun dos patrimonios culturais máis grandes e diversos de toda Europa. Temos a sorte de que todos os nosos devanceiros deixaron alomenos algunha pegada do seu paso moi pretiño de cada un de nós.

Paréceme estupendo que esteades a recuperar a referencia das mámoas do Camballón. É moi importante porque, efectivamente, moitos maiores non as valoran e non as saben ver. "Hai que saber ver", díxome a min unha vez un vello que me ensinou mámoas nos Chans do Barbanza. Porque como non se ven, hoxendía son o tipo de ben cultural máis afectado por obras, desmontes, pistas, etc. Na miña experiencia con rapaces e rapazas coma vós, sempre detectades e localizades as mámoas no territorio antes que adultos moito máis preparados!

É xenial que esteades a facer un folleto informativo sobre elas. Eu recomendaríavos varias cousas, nas que seguro que xa pensastes vós:

a) Ademáis de describilas, explicade como eran as persoas que as fixeron. Buscade documentación ao respecto.

b) Ensinade como son as mámoas por dentro. Que moitas delas esconden no interior dólmenes, cámaras ou cistas...así a xente vailles dar máis valor.

c) pensade en subir o folleto á web. Facédeo en formato de blog, non subades unicamente o PDF ou unha versión en Issuu ou similar. Por que? Pois porque Google, que é o buscador hexemónico da Internet, non localiza ben os contidos en PDFs ou en Issuu. Mellor creade un blog e dádelle a cada mámoa unha entrada e o nome completo. Creade tamén un mapa en Google Maps, etc.

d) Considerade meter as mámoas como fichas en patrimoniogalego.net. Os meus compañeiros editores estarán encantados de axudarvos no que precisedes. Ao poñelas en patrimoniogalego.net, unides as vosas mámoas a un catálogo de 2400 fichas de bens culturais. Iso fai que as vosas mámoas sexan moito máis coñecidas.

e) Pensade en levar aos maiores alí un día de excursión. Aos vosos pais, aos amigos dos vosos país. Que saiban que é o que teñen alí. Pola miña experiencia, a xente non coñece as cousas porque ninguén llas explicou. Así as valorarán máis.

f) Cando fagades o folleto, se queredes, eu vos ofrezo difundilo a través de Capítulo Cero, o meu blog persoal, para que poidan coñecer as vosas mámoas moita xente.

E agora recoméndovos dous lugares moi chulos do voso concello, por se queredes seguir explorando.

Un deles é o Castro das Catro Cornas. Cornas é unha fermosísima palabra galega (Sechu vos poderá contar máis) que se podería entender como Recanto. Trátase dun castro que ten catro torreóns de terra, un en cada esquina. Está nas Terras de Carbia.

E este outro sitio é espectacular. O Castro e Castelo de Alcobre. Aquí se viviu un dos últimos grandes asedios dos cabaleiros da Idade Media Galega. Está moi preto de Piloño e é un gran castro sobre o que construíron a finais do século XV un castelo que durou moi pouco tempo, porque foi desmontando mercé a un pacto entre os aristócratas. Aquí cóntasevos a historia:

Castro e Castelo de Alcobre

Nada máis, moitas grazas por escribirme e un saúdo moi grande a todas e a todos! Aquí estou para o que precisedes.

...

Moitas grazas, unha forte aperta, amigo Manuel!
Categoría: Actualidade - Publicado o 28-02-2013 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Camballón, o topónimo



No dicionario da Real Academia Galega atopamos a palabra Camballón co significado de gramalleira, gancho, elevación de terreo, curva... O topónimo ou nome de lugar Camballón, monte curvo, podémolo relacionar con: Camba, Cambados, Combarro, Camanzo… As mámoas do Camballón tamén teñen forma curva, de mama, MAMULA en latín.. A raíz CAMB- ten máis de 3000 anos e ven das linguas prerromanas, celtas, que falaba a xente que vivía aquí naqueles tempos. É unha palabra que ten tanto tempo como os dolmens do Camballón. É unha palabra de pedra.
Comentarios (5) - Categoría: Actualidade - Publicado o 15-02-2013 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Co Clube da Lingua en Radio Voz!




Ola!

Este sábado ás 12.30 emitirase unha entrevista ao Clube da Lingua do noso instituto onde falaremos do Proxecto Mámoas e das actividades do noso Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua. A entrevista gravouse a semana pasada e foi moi divertida.





O Proxecto Mámoas está a converterse nun proceso de comunicación moi interesante no que está a participar moita xente e que, desde o punto de vista sociolingüístico ten moito interés, pois desde a propia historia do nome do noso instituto, Camballón, ata a acción de sinalización do camiño ás mámoas do monte Camballón; desde as entrevistas persoais ata a edición de publicidade; desde a difusión através das novas tecnoloxías ata a recolla e procura de literatura, etc, todo o proxecto supón un espazo de creatividade social para a nosa língua.





Comentarios (4) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-01-2013 13:15
# Ligazón permanente a este artigo
Como se construía um dolmen?
Pois así!





Forza, forza, que vai rodando!




Veña, uuuuupa! Arriba e alá imos!




Dáaaadelle que xa vai!
Comentarios (5) - Categoría: Historia - Publicado o 09-01-2013 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Como chegar ás mámoas do Camballón?


Como alguén nos pediu nos comentarios á nosa excursión en bici ás mámoas do Camballón, aquí podedes ver dúas rotas para chegar desde Vila de Cruces, Pontevedra, ata Oirós, lugar onde se encontran ás quince mámoas do monte do Camballón. Clica encima da foto para vela con máis detalle.

A primeira rota sae de Vila de Cruces en dirección a Silleda e aos dous quilómetros hai que virar á esquerda, onde unha fábrica de ferro.

A segunda rota vai pola estrada de Vila de Cruces a Lalín e na Goleta virase á dereita.

As mámoas son quince, aínda que algunha está ilocalizábel... de momento.





Aquí podedes ver desde unha foto satélite unha pequena concentración de cinco mámoas moi xuntiñas. Se clicas na foto, amplíase e vense mellor as mámoas.

Comentarios (5) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-12-2012 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Vídeo sobre o dolmen de Dombate


Aquí podemos ver un vídeo sobre o dolmen de Dombate, explica onde está situado e as súas características.

Recordade que dentro das mámoas hai dolmens.
Comentarios (4) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-12-2012 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis