Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Resposta do Museo de Pontevedra


Aquí está a resposta ao noso correo electrónico sobre a punta de lanza de Brandaríz que, moi amablemente, nos enviaron do Museo de Pontevedra:

"Bo día Uxía e Inma!

Agradecemos moito as vosas palabras, tanto para tentar emendar o erro como as de agradecemento cara o equipo do Gabinete Didáctico representado ese día nas persoas de Elena e Noa. O noso agradecemento tamén para vós, por contar connosco e axudarnos a difundir o noso patrimonio, un ben de todos que é cousa de todos. Grazas.

Xa puxemos en aviso ó arqueólogo e ó director do Museo sobre a vosa advertencia, cando teñamos novas sobre o asunto poñerémonos en contacto convosco.



Recibide un saúdo cordial,
Paula Tilve Otero"
Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 19-02-2014 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Correo electrónico ao Museo de Pontevedra




Porque o Museo de Pontevedra está moi ben e nos gusta moito e porque queremos que mellore un pouquiño... escribímoslles este e-mail:

"Ola!

Chamámonos Uxía Fontán e Inma Soto e estámoslles escribindo desde o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

O motivo de que lles esteamos a escribir este e-mail é porque estamos algo decepcionadas a causa do erro xeográfico que consta na ficha sobre a punta de lanza de bronce sinalada co número 10 e Nº 9.070, referíndose a Brandariz de Silleda cando a punta de lanza foi atopada no Brandariz de Vila de Cruces.

Poden comprobar neste enlace esta información: A aventura da punta de lanza de Brandariz

Polo resto a visita ao museo foi moi interesante e estivemos moi contentos xa que foi unha excursión moi produtiva para a nosa formación. Poden ver a crónica da visita aquí: www.blogoteca.com/diverblogue

Gustaríanos que nos enviasen unha foto coa modificación da ficha, se fan o favor. Para nós é importante.

Un saúdo para todos e todas e sobre todo para Helena, a nosa guía, que o fixo moi ben."
Comentarios (16) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-02-2014 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Tipos de espadas da historia da Galiza! Por Denis Fernández Cabrera


Nos ríos galegos apareceron máis de dez espadas da Idade do Bronce pero pola historia do noso país pasaron máis tipos de espadas... Temos moita sorte! Denis Fernández Cabrera, instrutor de espada longa na associaçom «Gallaecia in Armis: Artes Marciais Históricas Europeias», escribiu para nós unha breve e divulgativa explicación sobre algúns tipos de espadas da historia da Galiza nas que se podería ter inspirado a Lenda da Espada de Brandomés. Un texto ilustrado de primeira categoría. Moitísimas grazas, Denis, por esta colaboración.

"A espada da lenda de Brandomés pode ser uma espada de qualquer tipo (europeu, lógicamente, embora poderia, aínda que mui improvávelmente, ser uma espada de desenho àrabe ou oriental dalguma forma).

Para bem e para mal temos um país com história, e há exemplos de todo tipo de espadas. Nas tumbas dos cavaleiros de Betanços, por exemplo, podem-se ver espadas de mao e (provávelmente) espadas longas.

Em séculos anteriores (o complexo de tumbas de Betanços é dos XIV - XV principalmente) podem-se ver espadas de mao sobre todo.

Ignoro se há sartegos gravados da alta idade media mas, se os há, vam amosar com quase seguridade espadas em transiçom entre a de mao e a spatha romana / germánica (seguramente espadas lobuladas similares às merovíngias europeias).

É certo que nom tenho memória de ter visto um numero significativo de espadas alto-medievais nos museus nacionais, e cabe perguntar-se porquê... Talvez forom recicladas em espadas posteriores (isto era frequênte: Roland Warzecha tem estudadas espadas do S.XVI e posterior que reciclam láminas de aço trençado, que é um estilo de forja em desusso na época e que se corresponde com armas dos S.IX, VIII e assim).

Para que vos fagades uma ideia, isto é uma spatha romana de ~S.III:




E esta uma espada de mao do S.VIII que puido, em princípio, acompanhar a muitos dos povos chamados "germanos" (nom está claro que fossem tal) nas migraçoms pola Europa:






Veredes que, em princípio, a morfologia é bastante similar. A espada posterior é mais longa (91cm face 86) e algo mais maciça (~1000g face ~750). Esa massa adicional explica-se principalmente polo guarda-mao e maça de metal. Isto fai a espada mais equilibrada (centro de gravidade a 11cm da cruz face os 18 da spatha) porque, provávelmente, era utilizada com frequência a pé, e com um agarre mais laxo, similar a este, cuma tendéncia a jogar de ponta ademais de corte e provávelmente utilizando ocasionalmente o polgar como apoio na cruz da espada:







Em princípio, seria razoável encontrar quaisquer espada similar a estas duas (ou a meio caminho entre elas) já que forom as utilizadas e difundidas polas tropas romanas e "germánicas" que se moviam polo império. Possívelmente os suevos utilizassem algo similar.

Em quanto a desenhos autóctones (e anteriores: pre-romanos), já escapam à minha àrea de conhecimento (na realidade o anterior também: devedes saber que o meu é o S.XIV), mas entendo que seriam provávelmente armas similares às populares «espadas de La Tène» (mais ao sur e ao mediterráneo da peninsula utilizariam cousas na linha das falcatas):







Em quanto à têcnica de combate, o salientável é que se trata de armas razoávelmente ligeiras (por baixo do kg) mas sem contrapessar (os cabos, guarda-maos e copos tenhem a funçom de sujeitar a espada e evitar que escape da mao, nom de equilibra-la, e por isso muitas vezes eram de madeira ou osso e nom chegarom até nós) polo que seriam utilizadas principalmente para o corte e para o que chamamos «estocada de punho» (isto é, um movimento similar à imagem mental que temos de um golpe baixo de faca: retirar o braço e de seguido espetar a ponta). Som armas adaptadas a uns oponentes que em muitos casos nom contavam com armadura nenhuma.

Porém, tede pressente que a arma dominante da época, embora a espada fosse emblemática duma caste guerreira, provávelmente foi a lança.

Já na baixa Idade Média, a espada dominante é a espada de mao até o S.XIV, básicamente uma evoluçom da imagem anterior do S.VIII que listei, com mais contra-peso e maior tendéncia a um jogo de ponta, a medida que os inimigos vam ganhando proteçom:





A partir do S.XIV começam a aparecer as armaduras de placas, o que genera o abandono do escudo e adopçom de espadas a duas maos (nom tanto pola força acrescentada que permitem, que nom é tanta, como porque facilita o controlo da ponta para buscar os pontos vulneráveis das armaduras, e porque a espada inteira é utilizada como um escudo e coma uma arma de haste também):




A espada de duas maos vai coexistir com a espada de mao durante os S.XIV - XV, mas a partir do XVI vai ser substituida em quase todos os usos civiles pola espada «roupeira», ou de vestir, progressivamente com mais e mais proteçom para a mao, e com maior ligeireza na lámina, e enfase num jogo de ponta:








Estas espadas post-medievais (barrocas) na Galiza som escassas (vaia, a mim nom me constam) já nom só em museios, mas também em tumbas ou similares. Isto é, com certeza, provocado pola decapitaçom da nobreça autóctona.

A espada tamém poderia ser um "sabre". Técnicamente isso apontaria cara a uma espada napoleonica ou posterior (ainda hoje se utilizam espadas ritualmente no ejército, quasse sempre sabres), mas muita gente chama «sable» a quaisquer cousa. :) De facto, as espadas láser da guerra das galáxias eram originalmente «sabres de luz» (embora a mecánica das mesmas seja mais similar à das espadas longas).



Eu diria que se se tratasse duma espada antiga, provávelmente seja algo na linha das que listei antes entre o Império Romano (spatha) e a espada de mao ou de duas maos do S.XIV.

Se se trata duma espada posterior, provávelmente seja algo moderno, seguramente um sabre napoleónico ou mesmo, mais provávelmente, uma espada «de desfile» quase contemporánea, de fins do XIX ou do XX (olho que aínda se utilizarom espadas nalgumas guerras europeias do XX, mas anecdóticamente). O sabre é definido como arma de uma mao, curva ou recta, com guarda-mao completo e um só fio maiormente, pensada para estocar e cortar:



Digo (especulo) que se tratará duma espada dum desses dous períodos (préromano-romano-altomedieval-baixomedieval e napoleônico-decimononico-SXX) porque, entre os dous (renascimento, barroco) tivemos pouca história militar local, que me conste, e sobretudo pouco povo armado que puidesse deixar uma espada num rio.

Nom sei se isto responde algo ou pouco ao que perguntavades. Sem mais dados da lenda, ou sem ver a espada ou algum tipo de contexto histórico, nom podo aventurar muito mais."

Denís Fernández Cabrera

Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 14-02-2014 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión ao Museo de Pontevedra


Rápida e intensa, a nosa visita ao Museo da Pontevedra. Os nosos obxectivos: coñecer mellor os obxectos arqueolóxicos relacionados coas Mámoas do Camballón e as espadas da Idade do Bronce e, tamén, aprender algo máis sobre a xente, as ideas e emocións que se poden atopar nos museos.

Tamén tiñamos curiosidade por ver se Pontevedra cheiraría a celulosa e... si.

Obxectivos cumpridos!

E agora podedes ver as fotos que trouxemos do Museo, un Museo que garda moita da historia de Galiza, desde o megalitismo até os dias de hoxe, pasando polos cadáveres da Lanzada e as cousas de Castelao.

1. Megalitismo: as mámoas de Oirós - Camballón:






A nosa guía, Helena, mostrounos cousas importantes sobre a construción das mámoas.



Iso todo apareceu en Vila de Cruces, no Camballón. É instrumental lítico tallado, (puntas de frecha, láminas, trapecios) e -que cousa bonita!- a famosa esfera de pedra pulida de Oirós, da mámoa nº 2, recollida en 1976. Fan-tás-ti-co!!!





Tamén achamos unha selección de xerras e de vasos de ancho bordo horizontal de cerámica lisa, recollidas nas excavacións arqueolóxicas que tiveron lugar no Camballón entre 1976 e 1978.


2. A Idade de Bronce:



Aquí podedes ver unha das máis antigas espadas de bronce da Galiza.



Poderia estar relacionada cunha espada da Idade do Bronce como estas a lenda da espada de Brandomés p? Ah! As lendas teñen esa capacidade para mesturar a realidade coa fantasía! E poden facer que soñemos cos ollos abertos...



E aquí, Helena a falar dalgunhas das máis coñecidas espadas de bronce galegas, entre as que están as que se atoparon na desembocadura do río Ulla.



Helena ten na man unha reconstrución moderna dun machado da Idade de Bronce. Eloi, coidadiño!



E aquí está o molde a partir do que se construiu ese machado. A "arqueoloxía experimental" ocúpase, entre outras cousas, de reelaborar obxectos baseándose nos obxectos das épocas pasadas.



Por ese burato adentro verquíase o bronce fundido.



Dous galegos daquela época...



Esta punta de lança ten historia...



É a punta de lanza de Brandariz, a número 10.

Ollo, isto é importante e temos que avisar dun erro do que inmediatamente informaremos ao Museo de Pontevedra:



Esa punta de lanza foi achada en Brandariz, no Brandariz de Vila de Cruces, e foi doazón de Rosalindo Balo. Na ficha podemos ler que sinala Brandariz - Silleda mais ese Brandariz é o das Cruces.

Sobre esta punta de lanza xa temos escrito neste blogue, sobre a aventura que protagonizaron un intrépido grupo de rapaces do noso instituto que foron en moto falar coa familia de Rosalindo. Podedes velo aquí: A aventura da punta de lanza de Brandariz!


3. Outras cousas interesantes!




Coñecemos deuses e deusas galaicas. Aquí está Ana cun deles!



E que vos parece este trisquel?



Tres mozas e unha deusa.



Aí estamos, unha parte do grupo con Helena, onde os petróglifos.



Ollade eses torques de ouro. Pois que saibades que daquela os homes gostaban de levar xoias e os torques eran das súas preferidas.



Por certo, conseguides ver unha esvástica gravada nesta pedra? Pois si, Hitler e os nazis copiaron o seu símbolo das esvásticas orixinais da prehistória que, segundo se di, existían na India hai milleiros de anos. Por certo esta pedra é unha ara da Gallaecia romana na honra do deus Vestius Aloniecus.



Sabedes quen é esta muller?



Unha arqueóloga a traballar no laboratorio do Museo de Pontevedra.


Por certo, moitísimas grazas ás traballadoras e traballadores do Museo de Pontevedra, especialmente a Noa e Helena, as nosas guías, pola súa profesionalidade e atención.
Comentarios (14) - Categoría: Actualidade - Publicado o 13-02-2014 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
A lenda da espada de Brandomés, na rede


A lenda das espada de Brandomés vaise facer famosa!

Aquí podedes ler a noticia que redactou Blanca Paz para o Faro de Vigo: O tesouro que garda Brandomés

E aquí podedes ollar a entrada que o noso colaborador, Manuel Gago, escribiu no seu blogue Capitulo Cero:A maravillosa historia da espada de Brandomés

Á parte, a lenda da espada de Brandomés está a correr de teclado en teclado polas redes sociais. E a aventura continúa!

por certo, o deseño que ilustra estas palabras e a noticia do Faro de Vigo é de Julieta Penas.
Comentarios (15) - Categoría: Actualidade - Publicado o 13-02-2014 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Aparece unha lenda inédita: a lenda da espada de Brandomés, en Vila de Cruces
Nunha das actividades do IES Marco do Camballón para elaborar un Mapa dos Tesouros a partir da recollida de tradición oral entre as familias do alumnado, vén de aparecer unha lenda inédita sobre unha espada que descansa no río Ulla, no lugar de Brandomés.

Recolléronse dúas versions da lenda de boca de varias veciñas e veciños de Brandomés. Nunha delas, a espada, de ouro, guindouse ao río despois da morte dun guerreiro. A outra version di que no fondo do rio Ulla hai unha espada, no lugar coñecido como o Tesouro.

O río Ulla configúrase para a arqueoloxía como un lugar de grande interese, pois no seu cauce teñen aparecido espadas da Idade do Bronce que foron obxecto de estudo pola comunidade científica nas últimas décadas.

Nos ríos galegos téñense atopado máis de 10 espadas da Idade do Bronce mais ata agora non se coñecía ningunha lenda de tradición oral vinculada ás espadas nos rios. ”Isto é o que fai importante a lenda da espada de Brandomés. As espadas da Idade de Bronce podem ficar no fondo do rio miles de anos e algum dia algumha pode ser encontrada fortuitamente... Mas a lenda da espada de Brandomés é umha história fabricada com palavras, palavras dumha língua criativa e com muita energia comunicativa. Agora, com esta história marabilhosa, estas palavras da nossa língua estám juntando a muita gente. A nossa língua tem esse imenso poder social: capacidade de coesiom", asegura Séchu Sende, coordenador do Clube da Lingua do IES Marco do Camballón.



Antonio Reigosa, especialista da tradición oral e dinamizador da web www.galiciaencantada.com, que está a colaborar como asesor do instituto cruceño a raíz deste descubrimento, conta que, dentro da tradición oral galega, non coñece ningunha lenda parecida á de Brandomés. "En Guitiriz fálase dun penedo con tres fendas da espada do cabaleiro Roldán"

O Instituto Marco do Camballón está a colaborar con dous arqueólogos expertos nas espadas aparecidas nas augas. Marcial Tenreiro sinala que “há poucas lendas deste tipo na Europa, e temos que ir-nos já a textos escritos e de época medieval para atopar histórias parecidas”.



Marcial Tenreiro sinala que, desde a arqueoloxía, existen varias hipóteses para explicar a aparición de espadas da Idade do Bronce nos ríos: rito funerario, ofrenda a deuses, ofrendas a feitos particulares como catástrofes, ou rituais de guerra e conquista en conflitos territoriais.
Marcial Tenreiro relaciona a lenda da espada no río Ulla con outras lendas que se popularizaron, como a do rei Artur e a espada Excalibur ou a do cabaleiro Roldan, lendas que proveñen da literatura medieval.



Beatriz Comendador, arqueóloga e decana da Faculdade de Historia de Ourense, tamén está a asesorar ao profesorado e alumnado do Ciclo de Soldadura do IES Marco do Camballón de cara á elaboración dunha espada inspirada na lenda de Brandomés. A maioría das espadas que apareceron nas últimas décadas nos rios galegos teñen arredor de 3000 anos e son espadas pistiliformes, pola súa forma de pistilo. A espada que se vai construír segue os modelos das espadas atopadas no río Ulla.

A decana asegura que "este tipo de iniciativas son ilusionantes, tamén para min, ao saber que con xente como este alumnado quedan posibilidades de que neste mundo as cousas aínda teñan sentido."

“Na primavera vamos ir de excursiom a Brandomés e guindar ao Ulha a espada que se vai construír no instituto . E faremos umha espécie de representaçom inspirada na lenda da espada de Brandomés”, asegura Séchu Sende, o coordenador do Clube da Lingua.



O divulgador Manuel Gago, que o ano pasado visitou o Marco do Camballón nunha actividade do proxecto Palabras de Pedra, e que se ten ocupado no seu blogue Capítulo 0 das espadas da Idade de Bronce aparecidas nos ríos galegos, asegura que “o proxecto do IES Marco do Camballón está a revelar o importante que é continuar con tarefas de pescuda etnográfica e antropolóxica e implicar aos rapaces nelas. Nun momento no que moita xente considera que o esencial da tradición oral galega está recollida, proxectos como este revelan que a investigación hiperlocal pode achegar datos importantes. Por outra banda, a identificación da lenda da espada tamén revela que é importante que haxa vínculos entre a investigación máis especializada e os institutos. A rapazada non aprende polo xeral nas clases de Historia elementos tan específicos -malia relevantes- da historia galega. O feito de que haxa iniciativas para presentarllos, como a que fixemos en 2013, facilitan que as poidan identificar no seu contorno inmediato e outorgarlle o valor que teñen. E iso é bo para eles, para a comunidade local, pero tamén para a comunidade científica."
Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 11-02-2014 16:56
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación do Proxecto Mámoas cos viciños e viciñas de Oirós





O pasado 26 de novembro ás 21.00 os viciños e viciñas de Oirós protagonizaron o lanzamento do libro de Ramón Taboada Mámoas de Oirós. Lendas possíveis e do Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra.











Abriu o acto Ramón Taboada, veciño de Oirós, presentando un texto sobre Pedras e Palabras, cunha grande capacidade transformadora.

Falaron despois o profesor do IES Marco do Camballón Séchu Sende, que presentou o Clube da Lingua e explicou os obxectivos do Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra cun eixo metodolóxico capital:

O proceso debe ser participativo e para iso é fundamental a participación da viciñanza de Oirós.

E comentou as diferentes actividades que se desenvolveron e se teñen previsto desenvolver desde o IES Marco do Camballón, destacando dúas nas que seria de especial importancia a participación da viciñanza de Oirós:

- Unha intervención de LAND-ART relacionada coa arqueoloxía da paisaxe: cubrir as mámoas con teas brancas para destacar os seus valores visuais, xeoespaciais e de orientación.

- Unha posíbel celebración / festa a fin de curso, no solstício de verán, con actividades diversas arredor dos valores culturais do campo de mámoas.













Vítor García, activista da Asociación NOvo Cruceiro Rock e estudante de Historia na USC, explicou algúns dos valores das mámoas e, sobre todo, destacou a importancia de que este sexa un proceso comunitario de posta en valor do patrimonio. Se a construción das mámoas hai 3500 anos foi o fruto do traballo colectivo dun povo, dunha comunidade unida, este proceso no século XXI debería construírse partindo do impulso colectivo dos veciños e veciñas de Oirós.










No debate posterior houbo unha participación moi activa e falouse de diferentes propostas, posibeis problemas, experiencias pasadas, dúbidas ou interrogantes sobre o camiño que temos por diante.

Un camiño a construír entre moita xente!
Comentarios (13) - Categoría: Actualidade - Publicado o 11-02-2014 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Salvador Bará: "Falarmos galego é a nosa forma de estar no mundo"



Por que se decidiu polo campo da física e da astronomía?

Gustei moito delas dende que era un rapaz. É difícil dicir exactamente cales son os motivos. O feito de que o meu pai sexa un científico seguramente algo axudou, porque na casa -eramos seis irmáns e irmás- sempre andabamos argallando experimentos divertidos. Cando cumprín doce anos a miña nai e máis el regaláronme un pequeno telescopio e un libro sobre as estrelas. E daquela fiquei engaiolado pola fermosura do ceo.


-Que foi o que máis lle chamou a atención no ámbito da ciencia?

Hai unha cousa que me chama moito a atención, e é que na ciencia temos un método para saber -con bastante seguridade- que cousas non son certas. Iso fai que coñecer a realidade física que nos rodea sexa un xogo moi excitante. Podemos poñer en marcha a nosa creatividade e inventar novas teorías sobre o mundo. Logo preparamos experimentos e facemos observacións para preguntarlle á natureza se esas teorías son correctas, e a natureza moitas veces nos di que estamos equivocados. Entón temos que elaborar novas ideas. Por cada pregunta que respondemos aparecen dez preguntas novas. E dese xeito, aos poucos, imos sabendo mellor cal é o noso lugar no Universo, o que somos hoxe. O que sexamos mañá dependerá de todas e todos nós.


-Cantos anos leva estudando astronomía? Que é o que lle gusta máis?

:) Comecei aos doce anos a ler cousas sobre astronomía e xa pasaron máis de corenta... O que me gusta máis? Pois a verdade é que gozo con todo o relacionado coas cousas que se poden ver no ceo.


-Que nos pode dicir sobre o seu traballo como profesor en relación ás linguas que utiliza?

Sempre dei as clases en galego. As miñas materias están relacionadas coas Novas Tecnoloxías Optoelectrónicas, coas Ciencias da Visión, cos Láseres... Nese tipo de materias máis da metade do profesorado da miña Universidade dá as aulas en galego. Nos últimos anos comecei tamén a usar o inglés de cando en vez, xa que é a lingua que usamos os científicos para comunicarnos a nivel mundial e é moi positivo que os nosos estudantes tamén saiban manexarse nela.

-Ten alguna anécdota de alguna clase arredor da lingua galega?

Lembro unha de cando presentei a miña tese de doutoramento. Era sobre Física, claro, e estaba escrita en galego, o mesmo idioma no que fixen a exposición oral. O tribunal preguntoume se me custara moito traballo traducila do castelán. Tiven que explicarlles que non a traducira, que o galego era o idioma orixinal! Pareceulles moi ben, incluso aos membros do tribunal que non eran galegos. Foi hai ben tempo, quero pensar que hoxe ninguén faría xa esa pregunta.




Tenme pasado máis dunha vez ter na clase un estudante doutro país, por exemplo de Alemaña ou de Catalunya, falándome con toda normalidade en galego mentres que unha parte dos estudantes nacidos por aquí falaban comigo (con toda normalidade?) en español. Por que coñecían a nosa lingua eses estudantes doutros paises? Polo que me contaron, antes de viren a Compostela sabían que en Galicia temos unha lingua propia e aprenderon pola súa conta algo de galego. Pareceulles a cousa máis lóxica do mundo... E a verdade é que é a cousa máis lóxica do mundo. Eu fixen o mesmo cando fun investigar a unha universidade inglesa: estudar algo de inglés.

-Dalle clase por internet a moitas persoas de lugares diferentes e que falan diferentes idiomas? Que papel ten o galego nese ámbito?

Este ano dou clase por internet -usando cámaras web- a un grupo de persoas de Galicia, Valencia, Castela, Madrid, México, Albania e Xordania. As linguas que uso son o galego e o inglés. O galego é a lingua que uso preferentemente. Ao mellor alguén se sorprende ao sabelo, pero as persoas de países de fala castelá ou catalá entenden axiña o galego e seguen as clases sen dificultade. É unha equivocación pensar que se falas en galego non te van entender.


Ao incorporarse ao curso estudantes de países con idiomas moi diferentes comecei a usar tamén o inglés. Para min é moi enriquecedor poder utilizar varios idiomas. Usar o inglés no noso ámbito é moi normal, porque como dicía antes, é a lingua que usamos para comunicarnos as científicas e científicos de todo o mundo. Ser bilingüe en galego e inglés abre as portas de Galicia e do mundo.


Dicía alguén que a clase deste ano parece as Nacións Unidas: podes escoitar galego e inglés, mais tamén castelán, catalán, árabe e albanés. En pouco tempo todos aprendemos algunhas palabras nas linguas de todos. E iso é moi fermoso. Decátaste de que o galego é un idioma máis: un idioma á altura de calquera dos que se falan no mundo. Un idioma para a ciencia (e para moito máis). Cunha importantísima característica adicional: é o idioma propio do noso país.


-Como ve a situación actual da nosa lingua? Que pode facer a xente nova en relación ao galego?

Gustaríame que falar galego fose moito máis habitual do que é hoxe.

A xente nova debe ir descubrindo por ela mesma o que pode facer. Soamente me atrevo a suxerir que teña presentes dúas cousas: que o galego é unha lingua importantísima, como o son todas, e que é un tesouro que nos toca cuidar a nós. O galego é unha das nosas mellores contribucións á riqueza da humanidade. Falarmos galego é a nosa forma de estar no mundo.
Comentarios (14) - Categoría: Actualidade - Publicado o 13-01-2014 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Gamy




Gamy é un alumno do IES Marco do Camballón que cursa primeiro de bacharelato.

Fai uns anos interésase polo rap.

Canta en galego, castelán e Inglés.

En galego as súas cancións máis destacadas son Porque me sae do galego e Palabras de pedra.
Comentarios (14) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-12-2013 12:04
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Guadalupe Día González
Guadalupe é unha profesora de Lingua Castelá e exprofesora do noso centro (I.E.S. Marco do Camballón). Decidimos facerlle unha entrevista preguntándolle as seguintes cuestións relacionadas co galego.


1.Ti como profesora de Lingua Castelá, fora do teu horario laboral, en que lingua falas?

Adáptome ao falante e á situación comunicativa. Se o interlocutor se manefesta en castelán, eu fágoo do mesmo xeito. Se se dirixen a min en galego, correspondo na mesma lingua. No caso de ser eu a iniciadora da conversa, guíome inconscientemente pola situación comunicativa e alterno cunha ou outra lingua dependendo das circunstancias.

2.En todos os lugares aos que fuches impartir clase de Lingua castelá, dentro da aula que che falaban en galego ou en castelán?

Con maior ou menor dificultade, intentan adaptarse á lingua que se imparte na materia.

3.Agora que estás embarazada, que lingua lle vas enseñar ao teu fillo?

Intentarei ensinarlle todas as que poida. Sen lugar a dúbidas, a lingua galega formará parte da súa propia esencia, polo tanto, paréceme imprescindible para desenvolver de modo adecuado a súa identidade. Se es capaz de asimilar diversas estruturas lingüísticas, tamén es capaz de comprender diferentes maneiras de pensar e de ver o mundo, polo tanto, tes máis posibilidades de converterte nun ser tolerante e capaz de valorar a diversidade en tódalas súas vertentes. Se es máis tolerante, quizais sexas más xusto.

4.Moléstache que os teus alumnos/alumnas che falen en galego cando estás dando Lingua Castelá?

De ningunha maneira. Son moi flexible con respecto a iso. Sempre lles deixo claro que non quero que se sintan violentos ou forzados a expresarse nunha lingua que non entenden como súa. Non me parece que sexa unha boa táctica, que consideren unha obriga aprender algo. Cantas máis linguas dominemos mellor, pero a esa conclusión ten que chegar cada un dun xeito independente. No caso de tratarse de xente nova, penso que hai que proporcionar información, desligar a aprendizaxe de calqueira lingua de cuestións políticas,sociais ou económicas. É importante que sexa capaz de valorar o xeito de aprender como vía para enriquecerse intelectualmente e como persoa, como xeito de liberarse dos xugos que nos impón o sistema.


5.Nalgúns dos teus viaxes atopaches algún falante galego?

Atopei moitísimos, en Bélxica, Berlín, Ámsterdam, Viena, Suiza... ata en Croacia ou Pompeia. Hai galegos por todo o mundo. Un día, disfrutando das ruinas de Pompeia baixo un sol abafante, escoitei unha voz que dicía: "Aquí vai máis calor que onde crucificaron a cristo, me cajo no perexil e no carallo. Eu non vexo máis ca pedras..."

6.Tiveches algunha anécdota na túa clase relacionada co galego(o galego na actualidade- normalizaciòn lingüística)?

Fai uns meses, un alumno de segundo de Bacherelato do centro de Vigo, díxome, intentando ser amable, que lle parecía ben que se ensinase galego para que puidese conservarse nos pergamiños para as vindeiras xeracións... Xa lle dixen se saíra algunha vez da casa. Realmente díxenlle moito máis, pero dun xeito irónico e disimulando o meu cabreo. Non é máis que falta de información. Fai anos, na escola de idiomas, unha alumna coreana chegou a clase toda satisfeita, dicindo que levaba dous días apuntando nunha libretiña todo o que escoitaba polas rúas composteláns e non entendía, tal como eu lle suxerira. Sen poder aguantar máis a emoción, pediume permiso para conxugar un verbo que, segundo ela, empregábase a cotío polos viandantes da cidade: " yo carallo, tú carallas, él caralla..." Pensei que morría da risa.
Comentarios (15) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-12-2013 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [11]
© by Abertal
contador grátis