Palabras de Pedra


O blogue, cultural e divertido de Palabras de Pedra / Proxecto Mámoas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces Este proxecto foi recoñecido cun Premio á Innovación no Fomento da Lingua

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Jorge Mira e os niveis de desprotección do galego


Aquí podedes ollar a crónica da visita de Jorge Mira, no blogue da nosa biblioteca: Abre os ollos

Mais nós queriamos falar un pouco sobre o que Mira nos contou sobre a lingua galega. Podedes velo no vídeo a partir do minuto 15.07

Ei, isto é moi interesante!

Jorge Mira apuntou que vén de traballar nunha investigación que demostra, desde o punto de vista científico, a desigualdade existente entre o galego e castelán e o nivel de desproteción da nosa lingua.

Dixo, como se pode ollar no vídeo: "Agora ben, a día de hoxe o estatus do castelán é maior que o do galego, por se alguén o dubidaba, a importancia do castelán e o poderío do castelán socialmente, que tamén lle dei o traballo ao Secretario Xeral de Política Lingüística. Agora mesmo está máis en perigo o galego que o castelán. Isto é evidente."

Despois da palestra, Jorge Mira contounos que proximamente se fará público este estudo que visibiliza os niveis de desprotección da nosa lingua. De momento non podemos contar máis sobre este informe que Jorge Mira elaborou en colaboración cunha importante entidade sociolingüística do país e que xa lle foi enviado ao Secretario Xeral de Política Lingüística.

Ademais, Jorge Mira explicounos que vivimos nunha sociedade con dúas linguas, que aquí existe un conflito lingüístico e que, por riba doutros factores, a nosa identidade como grupo ten moitísimo que ver coa lingua..

Esta situación é habitual no planeta: en sociedades con dúas linguas iso produce conflitos. Isto, por exemplo, sucedeu entre o español e o quechua en América, fruto do imperialismo a partir do século XVI, e ese proceso provocou que moitas linguas propias desaparecesen. Sobre isto fala no vídeo a partir do minuto 9.45.


Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 06-05-2014 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
Unha alianza con espadas, palabras, aturuxos e música!


Aquí podedes ollar o acto de Irmandade no Castro de Borneiro entre o IES Marco do Camballón e o IES Maximino Romero de Lemao pasado 28 de abril.

Non podían faltar uns vivas pola nosa cultura, a nosa lingua e por nós!

Bravo por ese acordeonista!

Com Manolo Gago e Manolo Maseda e as espadas de Brandomés!

Ei! E non podía faltar o aturuxo colectivo, un grande berro seco entre xente amiga!

Comentarios (18) - Categoría: Actualidade - Publicado o 06-05-2014 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
Alianza entre o Festival Cruceiro Rock e o Festival da Carballeira de Zas


Dentro das actividades do proxecto Palabras de Pedra, o pasado 28 de abril unha expedición de alumnado e profesorado do IES Marco do Camballón visitamos o Instituto de Baio, Maximino Romero onde, entre moooooooitas outras cousas, fixemos unha alianza entre dous dos festivais de música máis importantes do país. Vítor García, da Asociación Cultural Cruceiro Rock, acompañounos e representou o activismo polo rock en galego de Vila de Cruces. O día en que Xurxo Souto e o alumnado do IES de Baio homenaxeaban a Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín, nós quixemos facer o noso pacto de amizade cunha partida de matraquinho.

Viva a música en galego e viva a xente que traballa porque a nosa música estea con nós nas nosas vilas e cidades!

Viva a xente que impulsa, proxecta, programa a música no noso idioma!
Comentarios (20) - Categoría: Actualidade - Publicado o 06-05-2014 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
E ti... como podes cambiar as cousas? Guille Cid compartiu con nós algunhas claves sobre como mudar o mundo


Lingua e liberdade, lingua e dereitos sociais, e moitas outras cousas!

Pois sobre isto falou Guillermo Cid no noso instituto, nun encontro co alumnado de 2º da ESO.

Que é o movemento antiglobalización?
Que significa ser activista social? Quen defende o "sistema"? Quen son, ou somos, antisistema?
Que ten que ver a nosa lingua con todo iso?
E a ecoloxía, e os dereitos humanos, e os bancos...?

Os medios de comunicación... por que emiten as mesmas mensaxes incansabelmente? Que é a infotoxicación?

É certo que o que sempre foi así ten que seguir sendo así? Que podes facer ti para mudar as cousas que non che gustan?



É verdade iso de que "Por moito que faga non vale para nada?" Ou, pola contra, está demostrado que cando a xente, ti, por exemplo, fai algo iso sempre ten consecuencias para mudar as cousas? Como inflúe o que ti fas nas persoas que te rodean?



A quen lle interesa que a saúde social da nosa lingua non mellore? Por que o tema da normalización da nosa lingua non sae nos medios de comunicación como unha preocupación social?

Podemos participar para cambiar o mundo ou o noso entorno? É certo que existe un movemento mundial para transformar, no sentido da xustiza social, moitas das cousas das que non gostamos? Quen está a participar?

É a nosa lingua pouco útil, menos válida ou menos importante que outras, como algunha xente pensa...? Ou estamos diante de prexuízos sociais que podemos combater con intelixencia e cultura?

Até que punto nós somos responsábeis do que sucede?



Guille foi profe de lingua galega no noso instituto hai uns anos. Ten colaborado con Amnistía Internacional, unha organización en defensa dos dereitos humanos, e actualmente é un activista social que participa no movemento vigués, na Plataforma ECOAR para a construción e coordinación de alternativas e resposta social . Ten publicado en xornais como Diagonal ou Rebelión.

Un abrazo, amigo, e moitas grazas por todo.

Comentarios (26) - Categoría: Actualidade - Publicado o 05-05-2014 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Julio Cacheda


Fixémoslle unha entrevista a Julio Cacheda, veciño de Oirós que traballou nas excavacións arqueolóxicas das mámoas do Camballón cando era un rapaz cuns quince ou dezaseis anos.


Estimado Julio Cacheda :

Somos Alba e Ana, unhas rapazas do IES Marco do Camballón, e gustaríanos facerche unhas preguntas xa que nos interesa moito a túa experiencia vivida nas excavacións arqueolóxicas de Oirós cando eras mozo.


Esperamos non ser unha molestía e que nolas poida responder.

Grazas.

Julio Cacheda: De nada, perdón polo retraso.

Palabras de Pedra: Como foi a túa experiencia cos arqueólogos?

J.C.: Eu era un rapaz da vosa idade. A experiencia foi boa, xa me coñecian de anos anteriores, das visitas que lles facía.

PdP: Tiveches algún soldo ou simplemente axudabas por diversión?

J.C.: Si, algo si que nos pagaban, non recordo pero era un xornal normaliño.

PdP: Cantos anos tiñas cando viviches esa experiencia?

J.C.: Creo que 16/17

PdP: Os arqueólogos atoparon algo mentres os axudabas? Lembras algunha cousa en especial?

J.C.: Si, deron cun machado de pedra e creo que un coitelo de silex.

PdP: Parecíache interesante o seu método de traballo?

J.C.: Si, marcaban as liñas de corte sobre o terreo e logo moi eran coidadosos e peneiraban toda a terra extraída.

PdP: En que consistía o teu traballo?

J.C.: Basicamente en ir sacando a terra con carretillos e peneirala, limpar a maleza antes do comenzo,etc.

PdP: Como era o día a día?

J.C.: Pois desde as 8 da mañá ás tres da tarde, xornada continua e media hora para o bocadillo.

PdP: Que supuxo todo isto en Oirós?

J.C.: Salvo a xente que traballou alí, o resto do lugar non moito, dado que non están tan próximas ao núcleo de pobación.

PdP: Pódesnos contar algunha anécdota?

J.C.: Lembro o día que toparón o machado, como saltaban coa alegría os estudantes que o toparon.

PdP: Aprendeches algo durante ese tempo?

J.C.: Sobre todo, a ser coidadoso e respectuoso coas antigüidades de todo tipo.

PdP: Por que despois de axudar, non te decantaches por estudar arqueoloxía?

J.C.: Supoño porque son de moverme máis que de estudar, aínda que ao longo da vida non deixei de estudar en todo o que vou precisando.

PdP: Na túa aldea dáselle valor ás mamoas?

J.C.: Creo que menos do que se debería, o feito de quedar todo tan parado tantos anos abocáronnas un pouco ao olvido.

PdP: Que pensas sobre as mámoas de Oirós?

J.C.: Penso que o feito de ter miles de anos como teñen e como están concebidas nos demostra que xa por entonces existía unha civilización ordenada e con gran respecto polos seus integrantes.

Moitas grazas.
Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 05-05-2014 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras de Pedra: Irmandade Zas / Vila de Cruces,
Saímos de Vila de Cruces ás nove da mañá, despois dunha longa viaxe chegamos a Baio, no concello de Zas, ao instituto Maximino Romero de Lema. Alí estábannos esperando.

Entramos no ximnasio e un locutor dos 40 Principales deu o pregón que iniciaba a Semana Cultural. Este locutor convidou con diversos lanzamentos de lapis.

A primeira en subir foi Julieta I. Penas Noce, que lle axudou a presentar unha canción que foi adicada ao noso profesor Séchu Sende.

Julieta estivo espilida:

- Que música che gusta máis? A música en inglés ou a música española?

- A galega.

Menudo locutor...

A continuación subiu o alumno Marcos Barcala, que aínda que se trabucou, conseguíuno.

A continuación recibimos unha grande charla de Felipe Senén, un arqueólogo dos máis importantes de toda Galicia.

Tíñannos unha sorpresa preparada, un grupo de música "A Magnifique bande dos homes sen medo".

Deseguido déronnos unha gran comida: churrasco. Ao rematar a comida dirixímonos cara ao Castro de Borneiro onde Manuel Gago nos explicou o que alí acontecera fai miles de anos.

Ao final fomos a ao dolmen de Dombate, que está orientado cara ao solpor no solsticio de inverno, onde tamén nos dera explicación interesantísima. Despois disto, vimos moi cansos para a casa .

Grazas, amigas e amigos de Zas!





Aquí estamos no polideportivo do IES Maximino Romero de Baio / Zas, esperando o pregom do DJ Destroyer, un locutor de 40 Principales, un dos introdutores do galego como lingua de uso normalizada nos 40 Principais da Costa da Morte.



Julieta, de 3º, saiu durante o pregón do pregoeiro radiofónico e estivo espilida:

- Que música che gusta máis? A música en inglés ou a música española?
- A galega.

Menudo locutor...



E Marcos Barcala tamén colleu o micrófono!



Aquí está Manolo Maseda, o director do IES de Baio e colaborador co noso proxecto Palabras de Pedra. Un crac! Grazas, Manolo!




Séchu, Manolo Maseda e... Felipe Senén, un arqueólogo moi especial! Falounos da viaxe desde o paleotíco á vitrocerámica e da cultura que nos impoñen.

Falou sobre o consumismo actual, a globalización e a coca-colalización. Da pouca orixinalidade (palabra que destacou durante toda a charla) que temos ao copiar e non modernizar a nosa propia cultura.

A cultura, dixo, "está formada pola tradición, a creación e a innovación e as relacións con outras culturas e entre as persoas". Tres puntos que explicou con gran elocuencia e que a todas nos fixo reflexionar.



Tamén falou, como non podía ser menos, das mámoas e dos castros que por alí perto hai, e os petroglifos que aquí está ilustrando.





Xurxo Souto, grande entre grandes, admiradísimo, mestre, facendo de mestre de cerimonias!


E quen son estes fantásticos músicos? A Magnifique Bande dos Homes Sen Medo



Olá!



O saxo, impresionante!



Unha banda atómica!



O bombo arrasou. Contaxiounos a súa paixón!











Ai, que ben comemos! O churrasco une moito! Grazas ao alumnado, o profesorado e ás nais e pais do instituto de Baio! Neste instituto a ANPA implícase moito nas actividade e iso nótase moitííííísimo!






Aqui están Xulián e Vítor. Vítor veu con nós representando á Asociación Cruceiro Rock. Xulián estuda historia na Universidade de Compostela e está interesado no noso proxecto. Ten grandes ideas e moita paixón para facer algo parecido, con outra xente, en Rianxo!



Vítor, coa camisola e a saia do Festival Cruceiro Rock!



E aquí está o momento do Irmandamento entre o Festival Cruceiro Rock de Vila de Cruces e o Festival da Carballeira de Zas! Unha partida de futbolín foi o noso acto protocolario! Viva a música en galego!



Manolo Gago, no autobús, explicándonos grandes cousas camiño do Castro de Borneiro!



E aquí están as espadas de Brandomés, co acordeón de Zas! En Borneiro fixemos um acto de amizade e erguemos as espadas e soou a música pola nosa cultura, a nosa lingua e por nós!



Aquí está Gago falándonos da sauna de Borneiro










As nosas espadas de Brandomés, unha inspirada nas espadas da Idade de Bronce e a outra, na Idade de Ferro.









No Museo do Dolmen de Dombate, dentro do dolmen de mentira.




Un gaiteiro sinalando un dolmenciño




E aquí, unha imaxe de como era un dolmen da época. Lembrade que se recubrían de terra e seixo. Podedes imaxinar os do Camballón?











Viva nós e vivan as amigas e amigos de Zas, pola acollida!
Comentarios (20) - Categoría: Historia - Publicado o 29-04-2014 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
Palavras de Pedra na Facultade de História de Ourense


Aqui temos o vídeo!

Tania Plaza, Vítor Garcia Pinheiro e Séchu Sende, do IES Marco do Cambalhom de Vila de Cruzes, explicam nas Jornadas "A História no Médio" este projeto de participaçom social da equipa de normalizaçom da língua / Clube da Língua. Março 2014.

Um vídeo gravado por Tania Ríos!
Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 08-04-2014 09:16
# Ligazón permanente a este artigo
Redescobremos a Mámoa nº 1 con Xosé Carlos Sierra



Hoxe foi un día moi emocionante para nós!
Un dos grandes días do Proxecto Mámoas - Palabras de Pedra.

Xosé Carlos Sierra, o arqueólogo que dirixiu as excavacións no campo de mámoas do Camballón a fins dos anos 70 do século pasado, achegouse ao noso instituto e acompañounos a coñecer as mámoas através da súa experiencia de hai máis de trinta anos!

Víctor, ex-alumno do noso IES, activista cultural do Cruceiro Rock e estudante de historia na USC, Marifé, presidenta da Asociación de Veciñas e Veciños de Oirós, e mais o profesor Séchu Sende acompañaron a Sierra neste seu reencontro coas tumbas megalíticas.

Como sabedes, hai unhas 17 mámoas e naqueles anos 70 foran excavadas tres e media, segundo nos contou o profesor Sierra, que hoxe dirixe o Museo Etnográfico de Ribadavia.

Sierra contounos que apenas contaron daquela cunha pequena axuda do Ministerio de Cultura do estado español, unha cantidade ridícula para o que foi unha das primeiras e mais importantes excavacións da arqueoloxía galega moderna.

Sierra comentou que moitos día se comía de bocata e que había uns poucos cartos para pagarlles aos dous ou tres operarios que axudaban nas tarefas. O resto... saía do peto dos arqueólogos e estudantes e voluntarios.

Sierra lembrou especialmente a Nicolás Alvarellos, unha persoa do lugar -era párroco de Oirós daquela- que foi fundamental na historia da excavación.

Sierra coñeceu a Nicolás Alvarellos através de seu pai, que traballaba como técnico agrícola, e foi grazas a Nicolás Alvarellos como Xosé Carlos Sierra coñeceu as mámoas de Oirós e un tempo despois se decidía comezar unha excavación arqueolóxica no lugar.

Sierra contounos varias historias sobre diferentes persoas de Oirós que acompañaron a excavación, desde Julio Cacheda, que traballou como operario cando era un mozo de 16 ou 17 anos, até aquel vello xordo-mudo de pelo rúbio, elegante como un lord inglés, que sabía moito sobre as pirámides de Exipto e doutros temas científicos, con grande erudición.

Ai! O momento máis emocionante foi cando nos achegamos á Mámoa nº 1 e... Que é iso?, como? oh! É a mámoa número 1, berrou Sierra, e de súbito descobremos que o que até hai pouco tempo era un monte de toxos, fieitos e silvas agora ten un corredor desbrozado -quen sería?, un mouro? una moura? un encanto?- que conduce directamente á xoia das mámoas de Oirós, un dolmen extraordinario que agora, por fin!!!, despois de máis de trinta anos baixo a maleza e o abandono, pódese ollar!

O proxecto continúa coa forza das bolas de neve a baixar pola montaña. Xa estamos a comezar a preparar a Festa das Mámoas, para o 20 de xuño... Aseguramos cultura e... moita diversión!!!

Aquí deixamos as fotos deste día inolvidábel. A aventura continúa! Compártea con nós! Cada día somos máis!






























Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 03-04-2014 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Gallaecia in Armis no Camballón





Denis e Iago, da asociación Gallaecia in Armis, actualización da Sala Compostelá de Esgrima Antiga, achegáronse ao noso instituto para compartir con nós a súa paixón: a esgrima antiga!




Neste libro, que hoxe se presentaba publicamente, recóllense centos de deseños que ilustran un dos manuais máis importantes de esgrima antiga.
















O máis interesante non é a demostración de habilidade de Iago e Denis... O máis impactante é a cara da profe de historia, Susana. ;-)




Aquí podemos ollar unha boa colección de espadas e sabres, incluídas as dúas espadas da lenda de Brandomés, en primeiro plano.








Estas son as espadas de madeira coas que máis tarde faríamos as nosas primeiras prácticas de esgrima antiga.








Clinc, clonc!




Este momento foi ben adrenalínico!




As espadas que trouxeron Denis e Iago son espadas do século XIV en diante. Fixeron unha mostra das diferentes espadas e sabres, explicaron múltiples técnicas de loita e, como vemos nesta foto, fixeron unha adaptación -suposta- dos principios da esgrima ás dúas espadas que realizou o alumnado e profesorado do Ciclo de Soldadura apartir da lenda da espada de Brandomés. Os nosos modelos son réplicas da Idade do Bronce e do Ferro.




As explicacións históricas, sociolóxicas, sociolingüísticas dos nosos amigos foron moi interesantes. Sabiades que na Idade Media só a nobreza tiña dereito a levar espada? Sabiades que a nosa lingua permite que teñamos múltiples relacións cos países lusófonos e que "exportemos" adestradores e adestradoras de esgrima antiga?





Entre a xente que practica esgrima histórica na Galiza hai homes e mulleres de 20 a máis de 60 anos. Ademais de ver este deporte como unha arte marcial, tamén é xente con moita curiosidade pola historia do noso país e, en xeral, da Europa. Como puidemos ver hoxe, Iago e Denis mesmo coñecen, grazas a esta afección, culturas ben afastadas como a xaponesa, sobre a que falaron, arredor das katanas, mesmo de metalurxia e literatura!





E logo pasamos á acción!




Primeiro atendemos...




... e despois probamos!




Así, así!




Menos mal que as espadas son de madeira!




E botamos unhas gargalladas!









Foi un día diferente, onde puidemos descobrer que detrás dun deporte aparentemente violento como a esgrima antiga latexa o corazón da cultura e a erudición máis interesante.

Para nós foi importante chegar a ver en acción a espada da lenda de Brandomés, esa historia que saiu da imaxinación de alguén, e que hoxe nos permitiu imaxinar como se podían ter utilizado as espadas na Idade do Bronce na Galiza.

...

Aquí podemos ler unha entrevista a Denis dun xornal que -censurando a nosa lingua- traduce as palabras do entrevistado ao español: entrevista a
Denis Cabrera
Comentarios (17) - Categoría: Actualidade - Publicado o 03-04-2014 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras de Pedra na Universidade de Ourense
Fomos a Ourense á Universidade, á Facultade de Historia. Fomos en dous coches e explicamos o noso proxecto de normalización lingüística.

Falaron Séchu, sobre sociolingüística, Víctor, como vicepresidente da Asociación Cruceiro Rock, e Tania, sobre a lenda da espada de Brandomés, pero como vedes todas e todos saímos nas fotos. ;)

Deunos tempo para sacarnos unha foto co Carrabouxo e dar un paseiño por Ourense.

As dúas espadas de Brandomés causaron sensación!

Gustounos moito a explicación do proxecto Ourensegrafías, algo moi interesante e que vos recomendamos, cheo de neuronas.

Raúl Pinheiro tamén nos recomendou estes dous proxectos, atómicos: bicomun e niquelarte
Estamos moi agradecidos á xente que organizou estas xornadas e especialmente a Beatriz Comendador, que nos apoiou e apoia tanto e que, ademais, é moi simpática!

Aquí podedes ver as fotos.































Comentarios (19) - Categoría: Actualidade - Publicado o 27-03-2014 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
contador grátis