De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Manix

Axexando a onde se dirixiu un dos clientes da Cafetería Mar, demos co Manix, que nos pareceu certamente un local curioso.

Así, e cando serían aproximadamente as dúas da tarde, había xente (coma nós) tomando o aperitivo. Pero tamén clientes tomando xa o café e xogando a partida de despois de xantar; outros que entraban a selar quinielas e loterías varias. Pero tamén xente que só entraba a por algo moi concreto: empanadillas.

Si, clientes que viñan a mercar para levar desas empanadillas como a que aparece na foto. Ou sexa, que tivemos sorte (cousa que non sempre pasa, todo hai que decilo...) ó elexir de entre os pinchos que nos ofreceron (calamares en tinta, callos e a empanadilla) a especialidade da casa.

O dono do local, ó ver cómo lle facía fotos ás súas empanadillas, comentou non sen certa sorna algo así como ..."de saber que era para unha foto, tería traído unha máis bonita". Pero non facía falta: esta era ben lucida... e estaba moi boa, que foi o mellor.


Rúa Xoan XXIII nº20. Chantada
Situación
Comentarios (3) - Categoría LU.Chantada - Publicado o 26-05-2007 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Cafetería Mar

Aínda que non son moito de coller o coche para coñecer mundo, de cando en vez si me gusta facer unha pequena viaxe dese tipo: un sitio onde durmir (para facelo no coche xa ando un tanto maior), ó mellor unha intuición de onde xantar, un pouco de improvisación, e un mapa por se acaso.

Recomendo a zona da Ulloa para unha viaxe dese tipo: a cantidade de pazos, torres, balnearios e paraxes fermosas que ides a tomar paga realmente a pena. E no medio do que para min foi toda unha descuberta, atopei un cartel sinalando dirección Chantada, e como non tiñamos unha idea mellor, alá nos fomos.

A verdade é que ó primeiro, a experiencia foi un tanto desalentadora: unha, porque aínda que para nós era a hora do aperitivo máis parecía á hora de café; outra,porque nos empeñamos en buscar un bar do que tiñamos moi boas referencias... pero que se atopaba en Sarria. Ante o desánimo, acordamos directamente en preguntar a un veciño do pobo, que foi quen nos dirixiu cara á cafetería Mar.

Alí, despois de esperar un chisco cos nosos viños do país (o tinto mellor que o branco), o camareiro ofreceunos un pinchiño de empanada de palitos de cangrejo, que aínda que nos pareceu un tanto exótico, non dubidamos en aceptar. Aínda que despois vimos que a outros clientes lles puxeron tortilla...

Avenida de Monforte nº11. Chantada
Situación
Comentarios (0) - Categoría LU.Chantada - Publicado o 24-05-2007 21:52
# Ligazón permanente a este artigo
Barbol

Non penso que haxa dúbida se digo que é o local de moda en Pontevedra. Co título de "Cervecería", e no mesmo local no que ata fai non tanto tempo se atopaba un deses bazares tradicionais da Rúa Real, fai aproximadamente un par de meses que abriu o Barbol.

O que polo seu nome se podía pensar acubillo dos seguidores de O Señor dos Aneis, é un local que aposta forte por ofrecer un bo pincho ós seus clientes. Así se desprende non só da lousa que cada día anuncia os pinchos de cociña e doutra que vin unha das primeiras veces que estiven no local deixando claro que hai pinchos ate as dez da noite; senón tamén dunha especie de declaración de intencións pubricada no seu día en La Voz de Galicia.

Seguindo un bo costume non moi frecuente nesta vila (penso que só en La Roca o fan), é o propio cliente o que pode escoller o seu pincho dos tres diferentes que ofrecen cada día; pincho, ademais, o suficientemente variado como para compracer a todos os padales: orella, ensaladilla, callos, chistorra, lentellas, polo frito, bacaladilla rebozada... e sempre, un pequeno pinchiño de tortilla, co que entreterse mentres non chega o de cociña.

Tamén hai a posibilidade de tomar tapas e racións, que aínda non tiven a oportunidade de catar.

Ah, unha última cousa: á segunda consumición, ó contrario que nalgún que outro bar, tamén lle corresponde o seu pinchiño.


Rúa Isabel II- esquina Rúa Real
Situacion
Comentarios (5) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 17-05-2007 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
A tasca

É este un bar que lembro dende as miñas primeiras incursións polos viños de Lugo, van xa aló uns ...tantos anos. Así que fago por voltar sempre que podo, e na miña última visita, fai xa uns meses, atopeime coa grata sorpresa (xa me chegaron críticas por iso, pero síntoo: eu non fumo) de que se trata dun bar de non fumadores. Penso que xa comentei aquí que, en comparación con outras cidades ou pobos, en Lugo atopámonos con bastantes bares de non fumadores.

Ou sexa, que agora teño unha razón máis para ir por A Tasca nas miñas vindeiras visitas a Lugo. E digo unha máis, porque os seus pinchiños morunos sempre foron do meu agrado. E conste que con iso non quero dicir que os demais pinchos (fríos e de cociña) non estean bos, pero un é animal de costumes...

E como sempre atopo cousas curiosas neste bar, pois como que me fai gracia seguir indo. Refírome, por exemplo, ó costume da xente de tirar servilletas e palillos ó chan, ou ese outro de deixar os paraugas fora do paraugueiro.

Certo que tamén é un chisco máis caro ca outros, pero paga a pena.


Rúa da Cruz nº3. Lugo
Situación
Comentarios (3) - Categoría LU.Lugo - Publicado o 11-05-2007 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Verruga

O Verruga é un dos restaurantes de sempre máis coñecidos de Lugo; ó que axuda, supoño, a súa magnífica situación en pleno centro da zona de viños. Hei de confesar que eu teño un certo aprecio a este sitio, e non só pola súa cociña, igual de tradicional que de boa (a calidade do producto é fundamental), senón tamén pola boa atención ó cliente. E todo, dende que un día, fai xa uns cinco anos, entramos pola porta pasadas as catro coa esperanza de poder picar calquera cousa xa, e nos invitaron a pasar ó comedor coa mesma tranquilidade que se foran as dúas da tarde. Ate postre, tomamos.

Para tomar os viños, o Verruga é un pouco máis caro que os bares da zona, e iso nótase na idade e nos ropaxes dos clientes (moita dona con abrigo de pelexo no inverno, por exemplo), pero paga a pena.

Os pinchos son os clásicos fríos e de cociña. O camareiro non nos entendeu ben, e trouxónos mexillón en vez do chipirón que lle pediramos, pero en lugar de cambialo, o que fixo foi traernos o outro pincho tamén.

E todo esto, mentras nos entretiñamos coa evolución duns camaróns na cetárea. Unha festa.


Rúa da Cruz nº12. Lugo
Situación
Comentarios (3) - Categoría LU.Lugo - Publicado o 08-05-2007 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal