De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

O almacén do avó

Buscando un sitio para xantar en O Grove, non sei porqué me chamou a atención o cartel que indicaba onde se atopaba este restaurante, díxeno en voz alta, Makeijan lembrou que alguén lle comentara (sen saber se era aquí ou noutra poboación da zona) que era un local moi chulo e que se comía bastante ben, e aló nos fomos...

E a verdade é que deseguida nos demos conta de que iamos ter sorte pois, só con achegarnos á entrada, o cheiro a carne á brasa que nos chegaba era realmente apetecíbel.

De todos os xeitos, como somos moi sacrificados e non podemos deixar a oportunidade de localizar un pincho xeitoso, antes de nada achegámonos á barra para ver se había sorte. Pedimos dúas cañas (ó pagar vimos que nos cobraran un euro cincuenta por cada unha, xusto a metade que en A Toxa), e aínda que xa dixeramos que iamos quedar a xantar, pouco despois apareceron cuns pinchos de polo con salsa que, ademais de ser de balde, estaba moi bo.

Todo un descubrimento, este Almacén do Avó.


Rúa Castelao nº149 interior. O Grove
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.O Grove - Publicado o 23-03-2008 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
El acueducto

Un dos agasallos que nos fixeron os Reises, previa intervención dos nosos pais, foi unha fin de semana no hotel Hesperia Isla de La Toja, balneario incluído.

Chegamos a A Toxa xusto á hora do aperitivo, así que mentres pensabamos a onde iamos xantar (aínda que calquera que coñeza a ila sabe que alí non hai moitas opcións, por non dicir ningunha...) tomamos unha cervexa nunha das cafeterías-bares do hotel, La Fuente, que aínda que está no mesmo edificio, ten a entrada dende fora.

Sentámonos na barra, algo que pareceu sorprender ós camareiros, e pedimos un par de cañas (dunha cervexa nacional, dato importante), e puxéronnos unhas améndoas para acompañalas... Nótase que este é un bar de categoría, que senón teríannos posto manises, pensamos co casino ás nosas costas... Pero un pouco despois, e nunha das cazoliñas que vimos ó lado das billas da cervexa cando entramos, puxéronnos tamén unhas patacas bravas (tapadas, eh, para que non enfriaran).

Os ricos tamén toman pinchos!, dixemos non sen certa sorpresa.

Pero a sorpresa de verdade quedou para o final: nunca pagara por dúas cañas de Estrella Galicia os SEIS EUROS que nos cobraron... Caro ate para un sitio que pretende ser tan elitista coma este; sobre todo, se o comparamos cos catro euros que pagamos ó día seguinte no casino por un gin-tonic preparado como mandan os cánones. Isto, a dicir de Makeijan, que eu mentres andaba intentando descubrir os segredos da ruleta...

Pero esa é outra historia, e non ten nada que ver cos pinchos.


Illa de A Toxa s/n. O Grove
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.O Grove - Publicado o 20-03-2008 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
Azahar

Falaba o outro día Borralleira de como en calquera momento se pode inaugurar unha tradición, e lembreime diso o pasado 9 de marzo, cando Makeijan e máis eu fomos a votar.

Dende que nos empadroamos en Pontevedra, tan só houbo dúas eleccións, máis foron suficientes para que xurdira xa a nosa propia tradición electoral: saímos da casa a iso da unha dando un pequenísimo paseo, exercemos o noso dereito como cidadáns, e saímos cara o bar máis próximo ó colexio electoral a tomar o aperitivo e botarlle un ollo ó xornal.

Por sorte para nós (e tamén para outros veciños do barrio, como puidemos comprobar ó coincidir cuns coñecidos) o Azahar está a poucos menos do noso colexio, e poñen un pincho máis que decente. Non sei se os callos son costume os domingos, ou os días de votacións, xa que só estiven neste local en días nos que se daban as dúas variábeis, así que terei que facerlle algunha que outra visita, para comprobalo.

Esquecíame do prezo: clara e botellín de cervexa, dous euros cincuenta.


Rúa Pintor Manuel Colmeiro nº2. Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 12-03-2008 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico 08: Ferrán Adriá

Grazas ó pase de prensa que a organización do Fórum nos deu, puiden entrar á rolda de prensa que Ferrán Adriá deu na mañá do luns, despois de terse paseado pola feira e deixarse ver e fotografar por todos os asistentes.

Sorpendeume atopar, sobre todo, a un home sensato, que, recén chegado da Berlinale, dicía que un cociñeiro non é unha estrela, xa que na alfombra roxa só lle fixeran dúas fotografías fronte ós centos de flashes sobre Penélope Cruz. Que en poucos anos, pasamos da cociña da subsistencia á cociña como cultura (da fame á obesidade), e que para entender o fenómeno da cociña moderna (tan importante para encher as escolas de hostalería) era imprescindíbel non perder isto de vista.

Ás diferentes preguntas que lle foron facendo, salientou a calidade dos produtos do mar galego, o mellor mar do mundo (mellor, incluso, que o xaponés), e que no seu restaurante cociña peixes e algas dos nosos mares. Tamén, que, pese a iso, non todo é exportábel: habería que centrarse en ofrecer ó exterior eses produtos diferentes que hai en cantidades vendíbeis (cantos quilos de percebes hai? preguntaba); fomentando que sexan os interesados en coñecer a comida galega os que se despracen a Galiza para coñecelos, logrando así, ademais, que ese consumo poida ser feito nas mellores condicións posíbeis.

Deixou claro, tamén, que a cociña galega se atopa hoxe en día na vangarda.

Sobre se outro fenómeno como o de El Bulli sería posíbel hoxe en día, dixo que non; que a sociedade da información na que estamos inmersos faría que crítica e prensa seguisen a traxectoria de ese restaurante tan de cerca, que lles resultaría imposíbel cociñar e innovar ó ritmo imposto pola necesidade de noticias. De feito, confesou que estivera catorce anos sen gañar diñeiro no seu negocio, e que hoxe en día, só pode seguir onde está grazas a un equipo dunhas noventa persoas (dixo ocuparse persoalmente da comida do persoal de El Bulli, por certo) que lle axuda a pasar seis meses ó ano viaxando e investigando para abrir ó público os outros seis meses. Tempo este, dixo, no que intentaba pasar todo o tempo posíbel no seu restaurante.
Comentarios (2) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 09-03-2008 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
Loxe Mareiro

Antes de nada, dar grazas a Sole por deixarme meter a man na súa caixa para coller prestada esta foto. A que tiña en principio quedárame fatal, pero é que non me resistía a deixar unha imaxe do local no que puxemos a guinda á V Xantanza.

Unha vez se foron os que querían chegar ó baño e conto de boas noites dos seus raparigos, parecía que os demais non estabamos pola labor de dar por finalizado o día, así que, mentres nos dirixiamos moi paseniño cara onde tiñamos os coches, comprobamos, para ledicia de César e Chus, que o Loxe Mareiro xa abrira as súas portas. Aproveitándonos da súa influenza, e aínda que estabamos a mediados de febreiro, pedimos que nos puxeran unha mesa na terraza (si, á noitiña e en pleno inverno) e gozamos da última copa do día: gin-tonic para os máis afortunados, tónica soa para os que tiñamos que conducir...

A verdade é que era a situación ideal para manter unha desas conversas longas para as que semella que nunca temos tempo, baixo a protección da ría de Arousa. Afeitos como estamos a comunicarnos por medio do correo electrónico, e a saber das nosas cousas polos nosos blogs, resultou realmente agradábel a diferencia de ter tempo para manter unha longa charla na que puidemos comprobar, por sorte, que é algo máis que a nosa afección pola gastronomía a que fai que quedemos de cando en vez.

Así que se a todo iso engadimos a marabillosa tapa de lingua de vaca que nos puxeron, a cousa non puido saír mellor.


Rúa Aduana nº56. Carril
Situación
Comentarios (2) - Categoría PO.Vilagarcía de Arousa - Publicado o 05-03-2008 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal