De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Pulpería Camariñas

Esquecérame dicir que os nosos anfitrións en Ponferrada, e moi bos por certo, foron Marcos e Cristina, que non só nos fixeron de guías pola vila, senón que tamén nos acolleron na súa casa, e ós cales lles debemos, polo menos, unha cea na nosa.

Como nós viñamos de La Rioja, e o que se di moito peixe non comeramos os días anteriores, pensaron que podía ser boa idea achegarnos a tomar unha cervexa á Pulpería Camariñas, onde, segundo eles, case sempre invitaban a un pinchiño de polbo. Máis como vedes na fotografía, ese día non foi así, senón que nos puxeron un bocareu por barba (eramos seis) que a min polo menos me soubo moi ben. De feito, non sei nin canto tempo facía que non os comía, que este verán a miña nai (que os prepara realmente ben...) non os mercou.

Como dicía, o polbo do Camariñas non o puiden probar, así que non sei se é ou non unha boa opción para parar a tomar unhas tapas en Ponferrada. Alguén me contará; aínda que non son eu moito de buscar cociña galega fora da casa, senón que prefiro os pratos típicos da zona.


Rúa do Reloj nº9. Ponferrada
Situación
Comentarios (0) - Categoría LE.Ponferrada - Publicado o 25-12-2007 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
Viñoteca de Garcia

O noso cochiño e máis nós tivemos o outro día unha importante crise vindo de Porto, e como agora o gasóleo é máis caro en Portugal que na Galiza (non hai tantos anos que era ó revés...) apuramos a cruzar a fronteira para repostar.

Non sei cantos anos facía que non paraba en Tui, e iso que é unha vila que ben vale a pena unha visita a fondo. Un pequeno paseo foi suficiente como para que nos prometeramos voltar pronto por alí, e ver como quedou a catedral despois a última restauración, ou para ver como foi cambiando co tempo o nome das rúas da parte vella...

De que o cartel co nome das rúas poñía non só a denominación actual, senón tamén como se chamaron outrora, démonos conta á hora de buscar o nome da rúa onde se atopa a Viñoteca de Garcia, que curiosamente é a antiga Rúa das Adegas. Este foi, ademáis, o único local dos que vimos (non quero dicir que non haxa máis, que ninguén se anoxe conmigo...) no que poñían algo de aperitivo que non fosen as tan consabidas patatillas das que seguimos a fuxir.

Tiven a sensación que este é un local relativamente novo, onde se reúne a xente á que lle apetece probar algo diferente á hora de saír de viños; e tamén, claro está, mercar algunha que outra botelliña.

Algún dirá que o pincho non é dos que fan historia; pero como di o refrán... no país dos cegos, o torto é rei, ¿ou non?


Rúa Seijas (SXIV, Rúa das Adegas). Tui
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.Tui - Publicado o 14-12-2007 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Bambú

Aínda que ó Bambú teño ido nalgunha ocasión a tomar o café cun pincho pola mañá, este era para min un local dos das saídas da tarde, como unha das primeiras paradas antes de que se enchera máis de xente. Acabo de lembrar que incluso unha vez, mentres falaba cos meus compañeiros de que estaba buscando piso, se dirixiu a min unha parella que alugaba habitación, e onde durante algúns meses vivín cun par de rapazas niponas para as cales eu era un ser interesante en tanto en canto puidera preparar unha paella, pero ás que acabei deixando coa boca aberta o día que fixen arroz con leite.

¡Que lembranzas!

Pero ó que ía: a especialidade do Bambú é que, xunto cos de cociña, ofrece uns pinchos de brasa (si, si, de brasa) realmente apetecíbeis... Aínda que o magro ou o chourizo son dúas opcións, a miña primeira elección sempre era a panceta; quizais porque foi neste local (no que tamén se poden tomar unhas racións destas ou doutras cousas) onde a probei así por primeira vez, e porque me parece unha acompañante perfecta para a cervexa...

O prezo máis que razoábel: dúas cañas cos seus pinchos de rigor, 3,40 euros.



Rúa Prior nº4. Salamanca
Situación
Comentarios (0) - Categoría SA.Salamanca - Publicado o 09-12-2007 19:53
# Ligazón permanente a este artigo
Río Tormes

O outro día, por unha serie de circunstancias que non veñen ó caso, e grazas á xenerosidade de Juan e Esperanza que nos deron acubillo, fomos a tomar uns viños a Salamanca.

Facía moito que non ía, así que tiña un certo medo a que ese bo costume de ofertar unha grande variedade de pinchos coa bebida caira en desuso dende que eu non ía por alí, pero enseguida puiden comprobar que non, que alomenos en moitos dos bares, segue a conservarse esta magnífica tradición.

A nosa primeira parada foi nun clásico, o Río Tormes, a apenas uns metros da Plaza Mayor; e que aínda sendo un mesón, ten unha máis que interesante barra de pinchos de cociña... a escoller! Hei de confesar que este era un dos meus bares preferidos cando estudaba en Salamanca para o aperitivo de antes de xantar: quedaba moi perto da facultade, e estaba de camiño á miña casa, así que todos os astros se alineaban para que polo menos unha vez á semana fixera unha paradiña a tomar un bo pincho.

Neta ocasión, optamos polo de bacallau rebozado e un pastel de carne. Do prezo non podo dicir nada, pois foi Juan quen nos invitou, xa que alí foi onde quedamos para tomar algo con parte da súa familia.


Plaza del Corrillo nº20. Salamanca
Situación
Comentarios (0) - Categoría SA.Salamanca - Publicado o 05-12-2007 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal