De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Ave César
Los que van a beber te saludan, recibe ós clientes ó lado da porta do Ave César. Dentro, lembrando ós clientes a impronta que os romanos deixaron na cidade, un pequeno cartel conta algo da historia desa época.

Para "compensar" este punto cultural que sempre é de agradecer, a nosa entrada no bar ten como banda sonora unha peza cun toque moi "lolailo", nada que ver coa tradición musical de Lugo, eso seguro. Por sorte, a música é ecléctica.

Ofrécennos pincho de cociña: ensalada de pasta e raxo. Moi bos; pero un tanto alonxados, polo que vexo, da copa San Froilán coa que conseguiron un dos premios do II Concurso de Tapas e Pinchos de Lugo na categoría de pinchos creativos. Nova que cando fun a Lugo non lembraba ter lido en Galicia Gastronómica.


Rúa nova nº10-15. Lugo
Situación
Comentarios (0) - Categoría LU.Lugo - Publicado o 31-12-2006 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
Metbar
Este é un local que abriu fai pouco tempo na Ronda da Muralla, perto da Porta da Estación. Chama a atención a decoración moi moderna, en blanco e laranxa: e tamén que ofrece ós seus clientes a posibilidade de acceder, previo pago, á rede wi-fi do local, algo que polo que puiden comprobar é unha das súas bazas principais á hora de conseguir clientela, xa que eran varias as persoas que se atopaban alí cos seus portátiles.

Non sei se pertence a unha franquicia (sospeito que si), ou se só é o irmán pequeno doutro local do mesmo nome que hai en Madrid. Aínda que me estrañaría, a verdade, que alí ofrezceran ós clientes pincho, e moito menos de cociña. Nós escollemos (non lembro agora as outras opcións) ensalada de pasta e pincho moruno.

O Metbar é un local onde tamén se pode xantar (teñen menú do día por algo máis de 9 euros) ou cear, pois ten unha pequena parte adicada a restaurante. Un consello: non se vos ocurra pedir un cóctel, son un quero e non podo.


Ronda da Muralla nº54. Lugo
Situación
Comentarios (2) - Categoría LU.Lugo - Publicado o 28-12-2006 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
Espacio 6
Coido que algunha vez xa teño comentado o curiosos que me resultan os nomes de algúns bares, e o Espacio 6 é un deles. Como decía Makeijan, con ese nome parece que un esté entrando no mundo de Star Trek, ou algo así.

Pero non, o Espacio 6 é o que podíamos chamar un bar de barrio, onde a maior parte dos clientes se coñecen entre eles, e semellan ser tamén amigos do dono.

Os sábados, poñen callos de pincho ("os sábados, callos" case podería ser unha sección deste blog, agora que o penso), e están bastante bos. Así que o outro día, de paso que tiñamos que facer uns recados polo noso antigo barrio, achegámonos ate alí a recordar vellos tempos de rematar a mañán dos sábado cos callos, como non, e tamén de cando en vez con un bocadillo para non ter xa que facer o xantar ó chegar á casa.



Rúa Padre Amoedo nº6. Pontevedra
Situación
Comentarios (2) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 23-12-2006 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Taberna Daniel
Aínda que o subtítulo do bar é La casa de las tortillas a que nos ofreceron como pincho frío non era, nin moito menos, a mellor que probamos en Lugo. Pero os outros pinchos non estaban nada mal. Escollemos costela guisada e champiñóns, tamén guisados, que facían esquecer a tortilla segundo iamos dando conta delas.

Penso que é a tasca de Lugo onde máis pinchos de cociña nos ofreceron; tantos, que penso que ó final nos decidimos polos que lembrabamos e non polos que máis nos apetecían naquel momento. Evidentemente, esa variedade foi o mellor do bar, e algo moi de agradecer: está claro que queren agradar a todos os paladares.

A súa situación moi pertiño da Catedral tamén é algo moi a ter en conta. Aínda que a rúa é tan pequena que non atopei un mapa para poñer a situación no mapa. De todos os xeitos non ten perda: é perpendicular á Rúa da Cruz e á Rúa do Miño.

Mención aparte merece o parroquiano, fixo do bar, que cantaba versións en galego de cancións de Isabel Pantoja. A chuiva de fora non penso que tivera que ver nada con esas tonadas.


Rúa Bispo Basurto nº4. Lugo
Comentarios (4) - Categoría LU.Lugo - Publicado o 20-12-2006 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Taberna do España
Despois dunha tarde do máis relaxada (sesta e chocolate incluidos), quedamos pola noite con César para cear. Como aínda era cedo cando nos veu a recoller ó hotel, demos un paseo e tomamos un viño na Taberna do España (esquecín preguntar se teñen algo que ver co restaurante do mesmo nome, que se atopa cruzando a rúa i entrando na muralla), situado ó lado, por fora, da Porta da Estación.

Gustoume a decoración, coas paredes de pedra semellantes á muralla, tan presente, como non podía ser menos, en toda a cidade.

Seguindo esa tradición non escrita de Lugo, primeiro nos ofreceron un pincho frío, e despois un de cociña; optando, nesta ocasión, polo salpicón e as setas en salsa. Unha cousa está ben clara: ir de pinchos en Lugo é de todo menos monótono, en cada bar ofrecen algo distinto.


Rúa Castelao nº4. Lugo
Situación
Comentarios (1) - Categoría LU.Lugo - Publicado o 17-12-2006 23:36
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal