De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Pontevedra Tapas

Esta é a última fin de semana do Pontevedra Tapas, que como é de supoñer é un certame de tapas no que participan algúns dos bares e cafeterías da cidade. Todas as tapas teñen o mesmo prezo (1,50 euros), e despois de probalas, pódese votar para elixir a mellor, pois aínda que hai un xurado profesional, hai tamén un premio do público para a mellor tapa.

E digo tapa, que non pincho, pois polo pouco que puidemos ver (somos pais dun neno pequeno que non queremos que se afume antes de tempo, e xa recurrimos dabondo aos avós), a maior parte dos locais presentan ao concurso unha pequena tapa, bastante maior que os pinchos de cortesía de sempre. Costume este, por certo, que espero non se perda, xa que non é incompatíbel ofrecer ao cliente un petisco de balde, con darlle tamén a posibilidade de degustar algún pequeno bocado, como os que se presentan a concurso.

Na foto, o sushi Maqui A de A Maquía. Por que este e non outros que tamén me gustaron moito? Pois porque está moi bo e o cociñeiro, Angelo, é amiguete. As cousas como son...
Comentarios (1) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 27-11-2010 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
San Antón

Viaxar cun neno dun ano limita moito a busca de pinchos. Ata tal xeito, que o único pincho de balde que atopamos na nosa recente visita á illa de Gran Canaria foi, o último día, e por casualidade, en Agüimes.

Ata aló nos fomos porque queriamos probar in situ algún dos viños da illa, e o que nos quedaba máis a man dende o noso hotel era o da zona de Agüimes; ademais, desta mesma zona, é o aceite de Temisas. Dúas boas razóns para non deixalo atrás, non si?

Nun dos postos de información do pobo nos contaron que a bodega (e almazara) estaba pechada, que só abría durante a vendima, e que para probar o viño e mercar o aceite a mellor opción era nalgún dos restaurantes ou bares da zona.

Un dos que nos falaron foi o San Antón, así que mercamos o aceite (que aínda non probamos, por certo), e pedimos uns viños. Cal non foi a nosa sorpresa cando nos trouxeron uns tomatiños de pincho, para non tomar o viño co bandullo baleiro, dos que demos boa conta. Por dous viños e un auga, pagamos 3,50 euros.


Plaza de San Antón. Agüimes.
Situación
Comentarios (0) - Categoría GC. Agüimes - Publicado o 14-11-2010 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
Casa Checho

Aínda que nós non puidemos achegarnos a Ons o 30 de outubro (cousas da mar), os seus manxares non quixeron que pasaramos sen coñecelos, así que Lola e a súa familia achegáronse ata Noalla para que puideramos probalos.

Dado que estamos en pleno outono, que mellor que un bo cocido con bolos do pote (con nébeda)? Del demos boa conta como prato principal, pero antes, probamos unha deliciosa empanada de millo de zamburiñas, un polbo á feira no seu punto de cocción (algo nada fácil de atopar) e... uns percebes espectaculares, unha das miñas debilidades culinarias (si, xa sei que teño unhas cantas...), e que chegaron á mesa da man de quen os pescara unhas horas antes. Que máis se pode pedir? Pois unhas sobremesas tamén caseiras, e non menos boas que o resto dos pratos: torta de queixo, empanada de mazá e bandullo.

Pero antes de todo este festín, tivemos a oportunidade de probar as baby leaves que cultivan en Finca de los Cuervos de man dun dos artífices deste proxecto; toda unha sorte, xa que os seus clientes son hosteleiros, e para simples afeccionados á cociña non é fácil chegar a este produto. O viño (Pedralonga) que Santiago trouxo para acompañar as súas verduras foi o que nos acompañou na primeira parte do xantar.

E cortesía do Gadis de Vilagarcía, foron as xenebras coas que fixemos dixestión de tan fabuloso banquete.

Gracias, Mónica, pola organización, que a un temporal aínda ninguén tivera que enfrontarse.

Coma sempre, xa o contaron outros antes ca min: Colineta, Capítulo O, Another Cow in the corn, La cocina de Lechuza, Laconada e La caja de los hilos. Pero aínda queda algún máis...
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 07-11-2010 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal