De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Santiago (é)tapas

Das tapas que, como xurado, tiven a oportunidade de probar no concurso que ven de celebrarse en Santiago de Compostela en días pasados, esta foi a miña favorita. Por sinxela, por enxebre... e por saborosa. Os berberechos con patacas panadeira e cebola do Mesón de Lázaro foron toda unha sorpresa, e aínda que non foi a gañadora absoluta do certame, fíxose co galardón ao mellor maridaxe con cervexa.

Non puiden probar a tapa gañadora: a sardiña de San Xoán con pementos de Padrón do Acio foi, ao entender do xurado, a mellor tapa do concurso. Non tiven a ocasión de catala como xurado; pero como me falaran (e moi ben) dela, un dos días que me acheguei a Santiago a exercer de xurado, unha vez rematada a tarefa que me levou ate alí, fun con outros dous membros do xurado a propósito a probala (baixo a choiva, sen paraugas...), pero non puido ser porque xa rematara a hora de servizo das tapas do concurso. Unha mágoa...

Ao non vivir en Santiago, non puiden comprobar o calado que no público tivo este certame; máis todo parece indicar que foi todo un éxito. E non só pola participación dos hostaleiros da cidade (45 locais e 113 tapas), senón tamén pola acollida da xente (seica se pediron unhas 20.000 tapas nas dúas semanas que durou o concurso), que parece que gozou moito deste evento.

Así que non podo senón felicitar aos organizadores do concurso, aos locais de Santiago por entrar ao xogo, aos clientes (composteláns e non) por prestarse a moverse por toda a cidade a probar tapas novas e non tan novas... e a quen pensou en min como parte do xurado.

Só unha cousiña máis: non me gustaría que, pese ao éxito deste concurso, os locais de Compostela que teñen ese bo costume de agasallar aos seus clientes con pinchos de cortesía se esquezan de facelo. Pinchos de balde e tapas de pago non son incompatíbeis, nen moitísimo menos!
Comentarios (1) - Categoría AC.Santiago de Compostela - Publicado o 20-07-2008 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
El deleite

Levo tanto tempo sen contar nada que non sei por onde empezar. E fai moito que quería falar dun local que abriu fai uns meses rn Pontevedra, na mesma situación na que antes estaba o Veterum e dalgún xeito herdeiro do mesmo, xa que a nova dirección non trouxo moitos cambios ao local. Segue a ser unha boa opción para tomar un viño de cando en vez acompañado por ese pincho de cortesía do que tanto disfruto.

Que o pincho sexa diferente para cada cliente é, quizais, o máis salientábel de El Deleite. Algo que está moi ben cando vas con alguén de confianza que che deixa probar do seu, pero que pode ser complicado cando con quen estás escolle precisamente ese que che apetecía a ti... Algo bo de arranxar se se pide unha segunda consumición, na que os pinchos serán diferentes.

Non soen faltar as patacas que vedes na foto (pincho para tres), queixo, ensaladilla.... máis o polo con guacamole penso que non o poñen tan a miúdo, e iso que está ben bo!

O prezo da consumición varía segundo o viño que se pida, máis non se sae da media dos locais de Pontevedra. Aínda que a maior ventaxa do local, para min, é que non queda lonxe da nosa casa. Así que sempre é unha boa opción para unha primeira ou última etapa.


Rúa Virxe do Camiño nº28. Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 14-07-2008 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
O Chiorta

Se algúns dos nomes dos bares de Cuntis destacan pola súa tendencia globalizadora (por chamarlle dalgún xeito), hai outros, como O Chiorta, que o que perseguen é que non se perdan as tradicións da zona.

A Anllada, localidade onde se atopa este local, foi e é terra de canteiros; canteiros que desenrolaron unha linguaxe propia practicamente inintelixíbel para quen non fose do gremio, e que neste local lembran na maior parte das pequenas lousas onde tapas e refráns conviven ante o estupor dos descoñecedores deste idioma tan particular.

Curiosamente, este entronque coa tradición convive á perfección cun público de xente bastante nova, e iso que o local, esquecíame comentalo, atópase ás aforas de Cuntis, e non no centro do pobo.

Como esta era a nosa derradeira etapa, despois dunha primeira consumición (coa que nos deron un pinchiño de empanada de bonito que estaba moi boa) acordamos en pedir un par de racións, e ir xa xantados para a casa. Pagamos todo xunto, pero non lembro que fose caro.


Anllada.Cuntis
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Cuntis - Publicado o 17-06-2008 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
Cafetín

Facía anos que non entraba no cafetín da Alameda, pero fai uns días, un xantar de traballo levoume ata alí, antes de sentarnos á mesa pedín un viño na barra, e de pincho puxéronme camaróns! Pequeniños, pero camaróns... e eu sen cámara!

Falando co encargado, do que agora non son quen de acordarme do seu nome, explicoume que no Mesón do Cafetín (que está baixando as escaleiras) se poden atopar máis de duascentas cincuenta referencias de viños, e que a maior parte deles se poden tomar por copa. Só abren de luns a xoves á hora de xantar, pero aínda así teñen unha clientela fiel coidada a base de bos viños, e, como non de agasallala de seguido con pinchos de balde.

Con estes antecedentes, non me custou moito convencer a Makeijan para achegarnos ate alí o sábado pasado. Unha rolda de Abadía de Gomariz, e un Prima do que nos tomamos dúas copas cada un saíron por quince euros. Durante todo o tempo que estivemos alí, fóronnos poñendo distintos pinchos (queixo, mexillón con pan de millo, paté de ourizo, polo con patacas...), moitos dos cales quedaron sen fotografar. Non se pode estar a todo!


Rúa Alameda Arquitecto Sesmeros s/n. Pontevedra
Situación
Comentarios (0) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 10-06-2008 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
O Ribeiro

Busco axuda nos doces xudeus da Tafona de Herminia cos que acompaño unha cunca de té para tratar de resumir o que foi a xornada do sábado, oficialmente chamada VI Xantanza pero que foi moito máis.

Foron Magago e Sole quen, recollendo a testemuña de César, propuxeron algo completamente diferente para esta ocasión; e como gañas de coñecer cousas novas non nos faltan, entusiastas como somos madrugamos para estar ás dez e cuarto da mañá diante do castelo de Ribadavia, onde ía comezar a nosa pequena ruta por tres conceptos moi distintos de adegas da D.O. Ribeiro. Pero antes, un técnico da Consellería de Medio Rural nos fixo unha pequena introdución sobre da viticultura do Ribeiro (para quen non o saiba, unha das D.O. máis antigas, que agora cumpre o seu 75 aniversario, e onde se poden atopar vestixios de adegas dende fai uns dez séculos).

Coto de Gomariz, Valdavia e Viña Costeira foron magníficos exemplos dos diferentes conceptos de entender o viño. Pero a adega moderna, a de colleiteiro, e a máis grande do Ribeiro teñen unha cousa en común: o entusiasmo e as ganas de facer cousas novas. Recuperación de variedades autóctonas de Coto de Gomariz, o relevo xeracional en Valdavia, ou a sorpresa dun escumoso de dezanove anos de Viña Costeira son só algunhas das cousas a destacar. Todas e cada unha delas foron as mellores anfitrioas posíbeis ao abrir as súas casas para nós.

Cando chegamos ao xantar, en Casal de Armán, tivemos a primeira baixa, cando o Viticólogo dos bagos nos deixou por mor das súas obrigas laborais. Pero para que non morra de envexa direille que nesta ocasión o xantar foi o máis frouxo da xornada, aínda que como nós chegamos unha hora máis tarde da prevista prefiro non dicir moito ao respecto. Uns aperitivos (empanada, croquetas e queixos), costela guisada ou solombo (os dous de porco) a escoller, e unhas sobremesas variadas foron o noso menú.

Moita mellor impresión me deixou a pequena visita posterior á adega, onde nos fixeron partícipes do seu novo proxecto: un viño doce elaborado con mosto conxelado a 25º baixo cero.

Xa de volta en Ribadavia, Gourmet de Provincias, Colineta, e Borraleira e a súa dona que desta volta tamén quixo unirse a nós (espero que me perdoen por non me ter despedido deles...) acabaron nese momento a xornada. Os demais, demos un paseo polo barrio xudeu da vila e, como non podía ser doutro xeito, fixemos una visita á Tafona da Herminia, que eu descoñecía e foi a maior sorpresa do día, a onde voltamos pola mañá para mercar eses doces que preparou despois de erguerse ás catro da madrugada.

Case a esa mesma hora, dabamos por finalizada a gin-sesion coa que rematou a xornada. Sole regalounos un fermoso conto antes de que ela, Makeijan e máis eu foramos apagando unha por unha as lámpadas do fabuloso salón de Viña Meín.

Delokos acompañáranos ate que a excursión coas súas fillas do día seguinte o obrigasen a voltar para a casa; non sen antes, e grazas aos adiantos da técnica, ver primeira crónica da xornada. Isabel foi seguida do seu Pantagruel pouco despois. César e Chus tomaron un gin-tonic máis antes de durmir. E Magago, esgotado, aínda aguantou unha última copa antes de deixar sós aos que nos resistiamos a poñer fin a unha conversa entre amigos.
Comentarios (2) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 02-06-2008 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0