Fai hoxe unha semana da VII Xantanza, e aínda nin tivera tempo para falar dela. Como non quere a cousa, pasaron xa dous anos daquela
primeira reunión, á que todos (ou case todos) nos achegamos con máis curiosidade que outra cousa a unha cita a cegas culinaria de grupo.
Así que estabamos, coma quen di, de aniversario. E para celebralo, unha vez mái optamos por un xantar temático: a caza.
Que mellor lugar que
As Nogais, no medio do souto máis grande de Europa, para tomar non só as perdices da imaxe (o meu prato favorito do xantar), senón tamén corzo con setas e xabarín con castañas. Antes deramos conta dunha ensalada de froitas (o máis convencional de todo o que probamos), de queixo de cabuxa con cebola confitada, empanada de troitas e tortilla guisada. As sobremesas tampouco quedaron atrás: piña gratinada, queixo con marmelo, tarta de requeixo con mermelada e unha deliciosa tarta de castañas. Regado todo con
Pétalos Bierzo 2007.
Pero antes de xantar, un fermosísimo día de sol nos levou ate a
queixeiría Xan Busto, unha das dúas integrantes da D.O.
Queixo do Cebreiro, e onde case temos que rogar de xoenllos a Verónica que nos deixase probar un dos catro mil queixos que elabora ao ano co leite das súas oito vacas. Como esta vez non houbo aperitivo previo, decidimos compartilo antes de xantar, mentras uns e outros nos iamos acomodando en
A Lareira.
Geiko, recén mamá, foi a primeira en marchar. Tanto, que non está na
foto oficial que fixemos cando xa anoitecía.
Borralleira e a súa dona, acompañados do invitado de honra
Craig Patterson, os señores de
Pantagruel, o
Gourmet de Provincias e o
Viticólogo dos Bagos foron os seguintes en voltar. O amigo
Delokos, que se ía para Lugo, acompañounos na tertulia que, provistos da bebida oficial dos blogastrónomos (gin-tonic) disfrutamos ao lado da lareira os que quedabamos a durmir alí.
Cea lixeira que Edita decidiu por nós con gran acerto: caldo, lacón frío, ensalada de tomate, troitas e os mellores figos que probei na miña vida.
Xa pola mañán, e despois dunhas deliciosas torradas no almorzo, tiven que renunciar por unha inoportuna lumbalxia ao paseo ate a
torre de Doncos que os demáis fixeron. Pero non á
torre de Torés, última actividade común do día. Dende alí, os Adaro fóronse para casa;
Sole e
Magago dirixíronse a Corgo, e nós collemos camiño da casa con
Laconada, facendo plans para a seguinte xantanza.