De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

A Coruña: Restaurante Alborada

Debo de quedar só eu por comentar a que foi a IX Xantanza dos Blo(go)gastrónomos, que celebramos fai xa algo máis dun mes, aló polo 4 de xullo. Pero, quen sabe?, igual unha certa distancia me fai falar cun pouco máis de obxectividade do xantar en si. Porque se unha cousa está clara é que cando un se reúne a xantar con amigos (penso que fai xa tempo que deixamos de ser só blogueiros que se reúnen de cando en vez ao redor dunha mesa), xa vai co ánimo ben predisposto.

Pero ao que ía...

Hei de destacar, en primeiro lugar, a profesionalidade do persoal que nos atendeu no Alborada. Servir un menú degustación de trece pratos (dazaoito, se contamos un por un os snacks) a trece persoas non é tarefa fácil (sobre todo, cando hai que sortear os obstáculos que uns nenos da mesa do lado se esforzaban en poñer aos camareiros). Estar atento a cada dúbida ou cuestión dunha mesa con tantos comensais para aclarala deseguido é unha das cousas que axuda a identificar a un bo xefe de sala. E que o cociñeiro se achegue a saudar ao finalizar o seu traballo para comprobar por si mesmo a impresión dos que alí comeron é algo que, aínda que cada vez máis frecuente, non por iso deixa de ser de agradecer.

Enfrontarse a...
Snacks
Carpaccio de cigala y erizo con helado de lichis
Tosta de Salpicón Alborada
Parrillada de verduras en papel fata
Sardina desespinada con queso y foie
Alcachofas de temporada con pulpo, jamón y aceite de morcilla.
Puntillas de la Ría con arroz negro y alioli
Huevos rotos con cigalas, patatas y aceite de trufa
Bonito de temporada con soja y caramelo de pimientos
Cochinillo con polvo de pistacho iraní, orejones y sal negra
Mojito
Primavera
Torrija templada con helado de torrijas

Regado con...
Antonio Montero de Autor Cs 2008 (DO Ribeiro)
Refugallo Cs 2008 (DO Ribeira Sacra)
Vino dulce María Castaña


... non é tarefa fácil! De feito, algún houbo que pediu papas ao final, e non puido rematar as sobremesas, ben boas por certo.

Escoller entre estes pratos o que máis me gustou... tampouco é doado. Igual pola miña condición cuasi abstemia dos últimos meses (e os que me quedan!) lembre especialmente a frescura do Mojito co que empezamos as sobremesas.

Máis iso non quere dicir que o resto dos pratos non estiveran á altura, como xa se encargaron de contarnos Melvin (que coa súa dona foron os nosos invitados nesta ocasión), Pantagruel (anfitrión coa Sra. Foucellas de todos nós), Borralleira, Gourmet de Provincias, Laconada, Capítulo 0, ou Another Cow in the Corn.

Ainda seguimos sen coñecer que lles pareceu a xornada a La Caja de los Hilos ou Nueva Cocina de Aldea... (mira por onde, faltaba algún máis por comentar a xantanza!)
Comentarios (0) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 06-08-2009 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
La competencia

Por se alguén se preguntou se me cansara disto, xa que dende febreiro non volvera a pasar por aquí... pois a vedade é que non, que non me esquecín do blog, pero os Reises Magos (onde quedan xa, verdade?) chegaron cun agasallo a longo prazo, pero para o cal hai que ir preparándose con tempo: en setembro nacerá o meu primeiro fillo.

Así que hai cousas que están pasando a un segundo plano, aínda que non as esqueza, e para que vos vou a enganar... ir de pinchos a augas non é o meu.

Nin de augas... nin de tónicas. Na imaxe podedes ver os gin-tonics que Pantagruel e a súa dona e Makeijan se tomaron mentres eu me enganaba cunha tónica nun bar do centro de Avilés, onde coincidimos para pasar a noite despois de desprazarnos ate Prendes para xantar en Casa Gerardo con eles e outros amigos. Despois de facer fronte a un menú degustación de vinte pratos (fabada e arroz con leite incluídos), os meus acompañantes decidiron que un paseo e un gin-tonic serían os mellores dixestivos.

A pesares de que era a hora de cear, e que nós xa estabamos coas copas, non deixaron de poñernos pincho: esa pizza coa que tamén agasallan nos locais que esta cadea de restaurantes ten en León, e nalgún outro sitio máis que agora non lembro.

As copas, foron cortesía do Sr. Foucellas.


Rúa La Fruta nº20. Avilés
Situación
Comentarios (0) - Categoría AS.Avilés - Publicado o 24-05-2009 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
O secreto do viño

Non sei canto tempo hai que tiñamos marcada en vermello a data de onte para unha cita gastronómica única: probar o menú degustación de lamprea do Chef Rivera. Makeijan e máis eu quedamos en Padrón co Gourmet de Provincias, os Sres. de Foucellas e con Magago, co que a xornada prometía: unha reunión de amigos arredor dunha boa mesa é, para min, desas cousas difíciles de superar.

Pero antes de xantar, como non podía ser doutro xeito, tomamos o aperitivo nun dos locais próximos ao restaurante, por iso de non ser impuntuais á nosa cita con Dona Lamprea, a grande protagonista do día.

O local escollido foi O secreto do viño, onde empezamos a xornada cun sempre acertado pincho de pan con tomate e xamón ao que penso que non hai quen se resista, Aperitivo, por certo, cortesía de Foucellas, de cumpreanos o día anterior.


Rúa Calvo Sotelo 25. Padrón
Situación
Comentarios (1) - Categoría AC.Padrón - Publicado o 08-02-2009 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
... en Madrid?
Se o temporal e os pilotos desa compañía aérea que todos estades pensando o permiten, esta vindeira fin de semana estaremos en Madrid. Temos previsto saír mañá venres a última hora da tarde e estar de volta o domingo pola noite.

E si, xa sei que non pido axuda con moita antelación (con ningunha, en realidade), pero é que entre unhas cousas e outras, practicamente ata onte non soubemos seguro que ao final poderíamos viaxar.

Por experiencias anteriores, previas ao nacemento do blog, sei que en Madrid non abundan as tapas de balde; pero como xa me fixeron chegar algunha recomendación da que espero dar conta, pensei que, ao mellor, alguén sabe de locais nos que, en contra da tendencia xeneralizada, pensen que non hai nada mellor para ter aos seus clientes que darlles un pinchiño.

Certo é que estaremos en Madrid apenas 48 horas, así que non teremos tempo para moito. Pero, por se acaso, calquera recomendación será benvida.

Vémonos de pinchos!

Comentarios (7) - Categoría - Alguén me di onde ir...? - Publicado o 29-01-2009 13:37
# Ligazón permanente a este artigo
Borona

O primeiro pincho do ano 2009 foi no Borona. A verdade é que non tiña pensado ir a ningures, pero acabei quedando coa miña amiga Vicki para tomar algo rapidiño e quedamos alí porque queda máis ou menos a medio camiño ás dúas.

Hei de recoñecer que non é o meu sitio preferido: hai sempre moita xente, e o aire está demasiado cargado polo fume do tabaco. Pero ao seu favor, o Borona ten a súa situación, ao final da Rúa Real e ao principio da Praza de Curros Enríquez, e que sempre (ou case, que se está demasiado cheo, igual a algún só lle tocan olivas) poñen un pincho xeitoso, que moitas veces é quente como a min me gusta. Hoxe, á miña amiga, que chegou un chisco antes, puxéronlle guiso de fideos con carne e a min tocoume un montadiño de raxo. Clara e cervexa (terzo), 3,20 euros.

Non, os pinchos non son os da foto. Como dicía, non tiña pensado ir a tomar nada e deixei a cámara na casa. Así que aproveito os callos que nos puxeron a Makeijan e a min fai un tempo, e que andaban por aí esperando a súa oportunidade de saír á luz.



Travesía do Comercio nº3. Ponteveda
Situación
Comentarios (2) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 03-01-2009 00:41
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [43]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0