Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes. |
|
Este blog pretende ser unha pequena "guía" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.
A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.
Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.
Vémonos de pinchos...
|
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
De capóns, queixos e gintonics |
|

Onte comezou a conta atrás para o Nadal, coa feira do Capón de Vilalba, á que teremos que facer por ir algún día. Sobre todo, despois da xornada vivida o pasado 11 de decembro en terras chairegas, perfectamente organizada por Miguel Vila.
Chegados de diferentes puntos, reunímonos en Rábade, para despois dun quentiño café con churros, visitar Capones Aurora, onde coñecemos de primeira man todo o proceso que vai dende a chegada dos pitiños cun primeiro día, ata a súa saída para a Feira de Nadal.
Dalí xa saíran os capóns dos que poucas horas despois dariamos boa conta no restaurante Mesón do Campo, xa en Vilalba, deliciosamente preparado cun recheo de verduras no restaurante Mesón do Campo de Vilalba. Capóns, que foron precedidos dunha degustación de queixos de San Simón de tres curacións: 45, 90 e 180 días. E dun reserva de dous anos e medio, resultado do esquecemento e a casualidade. Por se fora pouco (vese que a nosa fama nos precede), tamén tomamos xamón afumado, boletus á prancha, e revolto de grelos e gambas.
Especial acompañento para os queixos e o xamón foron o pan de Martiñán, do mellor que lembro ter comido na miña vida. E aínda así, quedou sitio para a sobremesa: torta de améndoa de Vilalba.
Si, foi moito comer. Así que dalí saímos dereitiños de volta para Rábade, onde no Hotel Restaurante Coto Real nos esperaba Alejandro Gómez para facernos unha demostración-cata-degustación de gintonics, aproveitándonos da ocorrencia que alguén tivo ao dicir que este combinado é un bo dixestivo.
Por se alguén non o coñece, Alejandro é campión galego de preparación de gintonic orixinal, e foi subcampión de España. Polos nosos beizos pasaron (non levei a conta) unhas dez preparacións distintas, moi diferentes unhas de outras, polo que cada quen atopou a súa combinación ideal.
E dende alí, cada un ao seu acubillo, que a xornada rematou xa entrada a noite.
|
|
|
|
Pontevedra Tapas |
|

Esta é a última fin de semana do Pontevedra Tapas, que como é de supoñer é un certame de tapas no que participan algúns dos bares e cafeterías da cidade. Todas as tapas teñen o mesmo prezo (1,50 euros), e despois de probalas, pódese votar para elixir a mellor, pois aínda que hai un xurado profesional, hai tamén un premio do público para a mellor tapa.
E digo tapa, que non pincho, pois polo pouco que puidemos ver (somos pais dun neno pequeno que non queremos que se afume antes de tempo, e xa recurrimos dabondo aos avós), a maior parte dos locais presentan ao concurso unha pequena tapa, bastante maior que os pinchos de cortesía de sempre. Costume este, por certo, que espero non se perda, xa que non é incompatíbel ofrecer ao cliente un petisco de balde, con darlle tamén a posibilidade de degustar algún pequeno bocado, como os que se presentan a concurso.
Na foto, o sushi Maqui A de A Maquía. Por que este e non outros que tamén me gustaron moito? Pois porque está moi bo e o cociñeiro, Angelo, é amiguete. As cousas como son... |
|
|
|
San Antón |
|

Viaxar cun neno dun ano limita moito a busca de pinchos. Ata tal xeito, que o único pincho de balde que atopamos na nosa recente visita á illa de Gran Canaria foi, o último día, e por casualidade, en Agüimes.
Ata aló nos fomos porque queriamos probar in situ algún dos viños da illa, e o que nos quedaba máis a man dende o noso hotel era o da zona de Agüimes; ademais, desta mesma zona, é o aceite de Temisas. Dúas boas razóns para non deixalo atrás, non si?
Nun dos postos de información do pobo nos contaron que a bodega (e almazara) estaba pechada, que só abría durante a vendima, e que para probar o viño e mercar o aceite a mellor opción era nalgún dos restaurantes ou bares da zona.
Un dos que nos falaron foi o San Antón, así que mercamos o aceite (que aínda non probamos, por certo), e pedimos uns viños. Cal non foi a nosa sorpresa cando nos trouxeron uns tomatiños de pincho, para non tomar o viño co bandullo baleiro, dos que demos boa conta. Por dous viños e un auga, pagamos 3,50 euros.
Plaza de San Antón. Agüimes. |
|
|
|
Casa Checho |
|

Aínda que nós non puidemos achegarnos a Ons o 30 de outubro (cousas da mar), os seus manxares non quixeron que pasaramos sen coñecelos, así que Lola e a súa familia achegáronse ata Noalla para que puideramos probalos.
Dado que estamos en pleno outono, que mellor que un bo cocido con bolos do pote (con nébeda)? Del demos boa conta como prato principal, pero antes, probamos unha deliciosa empanada de millo de zamburiñas, un polbo á feira no seu punto de cocción (algo nada fácil de atopar) e... uns percebes espectaculares, unha das miñas debilidades culinarias (si, xa sei que teño unhas cantas...), e que chegaron á mesa da man de quen os pescara unhas horas antes. Que máis se pode pedir? Pois unhas sobremesas tamén caseiras, e non menos boas que o resto dos pratos: torta de queixo, empanada de mazá e bandullo.
Pero antes de todo este festín, tivemos a oportunidade de probar as baby leaves que cultivan en Finca de los Cuervos de man dun dos artífices deste proxecto; toda unha sorte, xa que os seus clientes son hosteleiros, e para simples afeccionados á cociña non é fácil chegar a este produto. O viño (Pedralonga) que Santiago trouxo para acompañar as súas verduras foi o que nos acompañou na primeira parte do xantar.
E cortesía do Gadis de Vilagarcía, foron as xenebras coas que fixemos dixestión de tan fabuloso banquete.
Gracias, Mónica, pola organización, que a un temporal aínda ninguén tivera que enfrontarse.
Coma sempre, xa o contaron outros antes ca min: Colineta, Capítulo O, Another Cow in the corn, La cocina de Lechuza, Laconada e La caja de los hilos. Pero aínda queda algún máis... |
|
|
|
Bar Alegre |
|

Todo estaba preparado para unha travesía polo Atlántico rumbo a Ons para celebrar alí a XIII Xantanza; pero unhas previsións meteorolóxicas que ían da alerta laranxa á vermella dependendo da hora do día fixeron que triunfase a sensatez e quedaramos en terra, que non sen gozar dunha grande xornada gastronómica.
A festa empezou en Noalla (e rematou en Dena con etapas previas na Lanzada e O Grove, pero esa é outra historia), onde nos fomos xuntando cun aperitivo no Bar Alegre, que alguén definiu como o templo da zorza e a cunca de barrantes máis grande da zona!
Aínda que eu me decidín por unha caña, que o viño en cuestión non é precisamente santo da miña devoción, si dei boa conta do meu pinchiño de zorza, que chegou quentiño á barra.
Caña, por certo, cortesía de Manolo. A seguinte tócame a min, compañeiro.
Major, Noalla. Sanxenxo |
|
|
|
|
|
|
|
|