De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Bar O pino

Por unha serie de cuestións que agora non veñen ó caso, estou facendo un Curso de Dirección e Xestión de Bodegas que me ocupa os venres pola tarde, sábados pola mañá, e algún que outro mércores dende finais de febreiro e ate o... 5 de xullo!

Aínda que organizado pola CEP, o curso en cuestión ten lugar nun lugar nin máis nin menos que no Pazo de Mugartegui, na sede da D.O. Rías Baixas.

Dende o primeiro día, demos en tomar o café da media tarde ou media mañá todos xuntos (somos quince, e case sempre se nos une o relator de quenda), e facémolo no único bar que hai na praza: O Pino.

A verdade é que non teño ido moito por este lugar, e iso, que en canto empeza o bo tempo, a súa terraza é das máis agradábeis e tranquilas da cidade. Os donos do bar, en idade de xubilarse, queren traspasalo, e non é xa a primeira vez que algún dos compañeiros de curso propón que o collamos entre todos...

Aínda que por razóns totalmente egoístas, espero que ese traspaso non sexa antes do verán, porque nos tratan moi ben. Moitos tomamos café (un euro), pero moitos outros non. Así que ademais dos máis tradicionais churros (ou galletas maría, segundo o día), tamén nos poñen empanada ou tortilla para picar. Algo que persoalmente me gusta, xa que un dos meus vicios (sempre que é posíbel) é o de acompañar o café con leite con pincho salgado, costume este ó que me afixen nos meus tempos de estudante en Salamanca.


Rúa Padre Isla nº10.Pontevedra
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.Pontevedra - Publicado o 19-04-2008 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Bar Suso

O plan para o xoves santo era o seguinte: chegar a Cuntis ó redor da hora de xantar, dar unha volta polo pobo para atopar eses bos pinchos dos que todo o mundo fala, e pasar a tarde nas Termas. Esta última parte non a puidemos cumprir, xa que cando nos achegamos a preguntar como ía a cousa dixéronnos que, se queriamos entrar, era mellor que a iso das tres e media nos puxeramos á cola ate a hora de apertura... as catro! E como xa temos unha idade, e poucas gañas de pelexar coa xente por un chorro de auga medicinal nas costas, decidimos aparcar isto para outro día.

Pero como xa estabamos alí, e non tiñamos previsión algunha para xantar na casa, non renunciamos á primeira parte do plan. Que empezou, case por casualidade, no Bar Suso, local en aparencia pouco interesante e sen ningún cliente a esa hora, pero do que saía un cheiro bastante apetecíbel que nos empuxou a entrar.

Pedimos uns botellíns de cervexa (un euro cada un) e esperamos impacientes botándolle un ollo ó xornal e outro ó canal de viaxes que estaba sintonizado na tele, cando chegou un pincho de zorza recén fritida! Non sei se é costume da casa, ou que nos viron cara de agradecidos, pero aínda estabamos a dar conta dela cando chegou un segundo pincho, esta vez, de polo da casa guisado. Un luxo, vamos...


Rúa Rosalía de Catro nº13. Cuntis
Situación
Comentarios (3) - Categoría PO.Cuntis - Publicado o 13-04-2008 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Fórum Gastronómico 08: Manuel Gago
A tarde do luns do Fórum foi, quizais, a menos gastronómica para min. Os organizadores quixeron achegarse ó relación entre as novas tecnoloxías e a gastronomía no que deu en chamarse eFÓRUM.

Foi Manuel Gago o encargado de abrir lume coa sua exposición, que está a disposición de todos os interesados no que alí se falou no seu blog.

Destacar, tan só, que os que falan de gastronomía son unha ínfima parte da blogosfera; e dentro destes, os que se adican ó que se da en chamar "crítica" unha porcentaxa moi insignificábel dentro destes... Algo que ninguén debería esquecer: nin os que ven na existencia dos blogs enogastronómicos un perigo; nin os que se creen o embigo do mundo por ter un...

En calquera caso, foi unha boa oportunidade para poñerlle cara, por fin, a algunha xente máis: O viticólogo dos bagos, Turismo de Pontevedra, ou La cocina de lechuza (cónxuxe incluído) foron algúns cos que coincidín á saída desta charla.

Por certo... que me refiro a eles polos seus blogs porque non son quen de lembrar os seus nomes(cando falo así non son capaz de esquecer os concursos de mises, onde ningunha moza ten nome de persoa senon de provincia). Espero que me saiban disculpar a miña pouca cabeza.
Comentarios (2) - Categoría - Entre pincho e pincho... - Publicado o 08-04-2008 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
O almacén do avó

Buscando un sitio para xantar en O Grove, non sei porqué me chamou a atención o cartel que indicaba onde se atopaba este restaurante, díxeno en voz alta, Makeijan lembrou que alguén lle comentara (sen saber se era aquí ou noutra poboación da zona) que era un local moi chulo e que se comía bastante ben, e aló nos fomos...

E a verdade é que deseguida nos demos conta de que iamos ter sorte pois, só con achegarnos á entrada, o cheiro a carne á brasa que nos chegaba era realmente apetecíbel.

De todos os xeitos, como somos moi sacrificados e non podemos deixar a oportunidade de localizar un pincho xeitoso, antes de nada achegámonos á barra para ver se había sorte. Pedimos dúas cañas (ó pagar vimos que nos cobraran un euro cincuenta por cada unha, xusto a metade que en A Toxa), e aínda que xa dixeramos que iamos quedar a xantar, pouco despois apareceron cuns pinchos de polo con salsa que, ademais de ser de balde, estaba moi bo.

Todo un descubrimento, este Almacén do Avó.


Rúa Castelao nº149 interior. O Grove
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.O Grove - Publicado o 23-03-2008 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
El acueducto

Un dos agasallos que nos fixeron os Reises, previa intervención dos nosos pais, foi unha fin de semana no hotel Hesperia Isla de La Toja, balneario incluído.

Chegamos a A Toxa xusto á hora do aperitivo, así que mentres pensabamos a onde iamos xantar (aínda que calquera que coñeza a ila sabe que alí non hai moitas opcións, por non dicir ningunha...) tomamos unha cervexa nunha das cafeterías-bares do hotel, La Fuente, que aínda que está no mesmo edificio, ten a entrada dende fora.

Sentámonos na barra, algo que pareceu sorprender ós camareiros, e pedimos un par de cañas (dunha cervexa nacional, dato importante), e puxéronnos unhas améndoas para acompañalas... Nótase que este é un bar de categoría, que senón teríannos posto manises, pensamos co casino ás nosas costas... Pero un pouco despois, e nunha das cazoliñas que vimos ó lado das billas da cervexa cando entramos, puxéronnos tamén unhas patacas bravas (tapadas, eh, para que non enfriaran).

Os ricos tamén toman pinchos!, dixemos non sen certa sorpresa.

Pero a sorpresa de verdade quedou para o final: nunca pagara por dúas cañas de Estrella Galicia os SEIS EUROS que nos cobraron... Caro ate para un sitio que pretende ser tan elitista coma este; sobre todo, se o comparamos cos catro euros que pagamos ó día seguinte no casino por un gin-tonic preparado como mandan os cánones. Isto, a dicir de Makeijan, que eu mentres andaba intentando descubrir os segredos da ruleta...

Pero esa é outra historia, e non ten nada que ver cos pinchos.


Illa de A Toxa s/n. O Grove
Situación
Comentarios (1) - Categoría PO.O Grove - Publicado o 20-03-2008 10:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0