Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes. |
|
Este blog pretende ser unha pequena "guía" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.
A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.
Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.
Vémonos de pinchos...
|
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Deica outra! |
|
Desta volta, fun eu quen foi quedando atrás. Pouco a pouco deixei de ter tempo para ir tomar viños, para facer as fotos, para anotar cousiñas de cada pincho... e para contalo despois aquí.
E mirade que me prometín unha e outra vez que desa semana non pasaba, que tiña unha morea de sitios dos que falar, que en realidade non é tanto o tempo que leva... pero enganeime unha e outra vez. Como diría o outro, non teño credibilidade ;-)
Quero que saibades que o pasei moi ben, moi moi ben facendo isto. E que rin o meu cando, ao principio, moita xente pensaba que eu un rapaz que estaba a estudar en Santiago, cando os que me coñecedes xa sabedes que non son un home (os outros, enterádesvos agora), e que os meus anos de troula por Santiago remataron moito antes de que os xoves foran historia.
Pero como me gusta comer, e beber, e cociñar, e compartir todo iso cos demais, algo seguirei a facer, aínda que dun xeito máis sinxelo: múdome ao tumblr, e espero que vos pasedes por alí de cando en vez.
Gracias a todos os que algunha vez pasastes por aquí, vémonos nos bares! |
|
|
|
Sidrería Montañés |
|

Teño uns amigos cos que quedo para xantar o último venres dos meses impares dende fai xa uns cantos anos. En realidade, cando institucionalizamos a cousa coincidía que era era par, pero en canto chegamos a agosto acordamos en deixalo para o seguinte mes, e así chegamos a como estamos agora.
Somos dez, e non sempre podemos ir todos, pero quen máis quen menos fai por poder. Somos (esquecérame dicilo) compañeiros de profesión, e algúns tamén compañeiros de traballo. Iso quere dicir,como é fácil supoñer, que somos competencia uns dos outros. Pero aínda así, somos amigos e axudámonos sempre que podemos.
Como non podía ser doutro xeito, sempre que é posíbel quedamos para tomar o aperitivo antes de comer. Desta volta, o local elixido foi a Sidrería Montañés, situada detrás da igrexa da Peregrina, e que abriu a finais da primaveira pasada. Aínda que non me consta que sexa costume en Asturias acompañar cun pincho de balde, parece que se afixeron a poñelo, o cal é moi de agradecer.
O local é grande, no verán está máis ca cheo, e teñen unha terraza das que mete cobiza, así que adoitan poñer uns trebellos para que a sidra saia a presión. Pero cando non hai demasiada xente, e se un está ben situado, os camareiros escancian a sidra.
Por certo, canto fai que non vou a Asturies!
Rúa González de Zúñiga nº6. Pontevedra |
|
|
|
O Garfo |
|

Esta semana foi tan de tolos, que nin sequera tiven tempo a comentar nada da noite do sábado pasado, na que nos achegamos a Vigo para ver actuar (e xa ía sendo hora!) á nosa amiga Sole.
Así que aproveitamos a ocasión para chamar tamén a Xosé Manuel, e coa propia Sole e Manuel, tomamos unhas cañas e unhas tapas por Vigo.
Xose convocounos no restaurante O Garfo para tomar a primeira caña, na que nos invitaron a un pinchiño de queixo do país con pan. Non lembro o que nos cobraron polas cañas, e iso que fun eu quen pagou.
Pagou a pena achegarnos ate Vigo. Unha, porque sempre presta compartir tempo cos amigos e facer plans para o futuro. E, segundo, porque tiñamos moitas, pero moitas ganas de ver actuar a Sole, que nos fixo rir un bo anaco, pero tamén nos amosou a súa faceta de contadora de contos, a cal, persoalmente, máis me gustou a min.
Pero ela eso xa o sabe.
Rúa Eduardo Cabello 25, Bouzas. Vigo |
|
|
|
Casa Abel |
|

Cando voltemos por O Grove, habemos de facerlle outra visita a Casa Abel, que nos pareceu un dos locais máis populares da Rúa Platería.
E así debe ser, pois uns clientes que entraron despois de nós no bar anterior, chegaron tamén a este pouco antes de que nós foramos saír, e tivemos a sensación de que non era casualidade, senón que coñecían moi ben a zona e sabían a onde había que ir.
De pincho, ovo fritido... ao que só lle faltou que viñera con pan de millo en vez de con pantrigo para ser perfecto.
Non sei se foi a casualidade ou sempre e así, pero aínda que alí non o pedimos, no Lagar de Platería tamén había ovos fritidos de pincho. Será o ovo, e non ningunha caste de marisco, o prato típico de O Grove?
Rúa Platería nº63. O Grove |
|
|
|
O lagar de Platería |
|

Non lembraba eu unha ponte de decembro con tan bo tempo coma o que tivemos este ano, así que aproveitando que estabamos pasando un par de días na illa da Toxa, un día á hora de xantar decidimos ir dando un paseo ate O Grove.
Seguindo os consellos do amigo Avelino, achegámonos ate a rúa Platería para tomar uns viños e picar algo, e a verdade é que foi unha sorte ter preguntado, pois penso que sós non teriamos chegado ate alí, aínda que O Grove non sexa demasiado grande.
O primeiro local que visitamos foi O Lagar da Platería, viñoteca e tapería. Sentamos na barra e pedimos uns viños, que as mesas parecían máis ben preparadas para os clientes que ían xantar. Coa consumición, ofrecéronnos para escoller entre tres pinchos diferentes, e non lembro agora se nos puxeron tamén uns manises ou unhas olivas primeiro; tedes que perdoar, pero fai tanto tempo que non escribía aquí, que ate perdera o costume de ir anotando as cousas.
Como o que nos cobraron, que tampouco lembro certo, pero teño a idea de que era pouco máis de dous euros por viño (Mencía e Rías Baixas).
Rúa Platería nº4. O Grove |
|
|
|
|
|
|
|
|