A verdade é que non sei por onde empezar a contar o que foi a
II Blogoxantanza, pois ademáis de ser unha xornada impresionante gastronómicamente falando, a posibilidade que nos deu
Pepe Solla de coñecer as suas experiencias culinarias en Nova Iorque foi todo un luxo. Esa charla que mantivo con nós despois de xantar, mentras disfrutabamos do licor co que nos agasallou para finalizar a xornada, foi o colofón perfecto. Non sei que pensará el dun grupo tan variopinto como o que formamos os blogogastrónomos, pero para min el demostrou ser non só un gran profesional dentro da cociña, senón tamén fora, en todo momento pendente de que todo fose perfecto e de que nos atoparamos a gusto. E non só nós, senón tamén o resto dos clientes...
Empecei o día recollendo, xunto con
Makeijan, a
Laconada na estación de tren de Pontevedra. Fomos paseando ate a Praza da Leña, onde quedaramos para o aperitivo previo no
Rianxo. Por increíbel que pareza, este temporal que estamos a ter non nos impediu tomar unha cervexiña na terraza; alí se atopaban cando chegamos Chus e César, e ó momento se nos uniron
Colineta e O
Gourmet (o Gran Mestre da Loxia Blogogastronómica Galega), e
Pantagruel e a súa dona. Por alí pasaron tamén
Cocinalia,
Deakialli, e
Alamut.
Xa en Solla nos esperaban tomando un viño Xesús,
Sole e
Magago, que nos anunciaron a primerira sorpresa da xornada: a carta personalizada que Pepe Solla fixo imprimir para a xantanza. A segunda sorpresa foi ver entrar a
Karlos Arguiñano, con quen, cando el xa se ía, non puidemos resisitirnos a facer unhas fotiños. Tomamos o aperitivo no salonciño da entrada, mentras esperabamos a chegada de
Geiko e Leandro. E cando estivemos todos xuntos, pasamos ó comedor.
Unha vez máis, remítovos ás crónicas de blogogastrónomos máis cualificados ca min, que de seguro vos describirán con todo luxo de detalles cada un dos pratos que degustamos. De todos os xeitos, non podo deixar pasar a ocasión para destacar o que máis me gustou ou me chamou a atención; opinión que vai precedida da orixinal presentación que Pepe Solla lles fixo:
*
Prólogo. El aperitivo, lo que comemos justo antes de ir a comer. Empanada, berberechos ó minuto, chupitos de calabaza... e tamén manises e millo garrapiñados, e unhas espetadas de queixo, tomate cherri e guacamole. A empanada era, simplemente, espectacular; aínda que a gran sorpresa para min foi o chupito de calabaza. Eu persoalmente agradecín os berberechos, dun tamaño máis que xeneroso, exactamente no seu punto.
*
Capítulo I. ¿Cocinamos o no? Gambas ó alliño, setas aliñadas e ostra escabechada. Eu xuraría que as gambas non eran tal, senón unha deliciosa cigala co sabor máis delicado que lembro ter tomado. E que decir da ostra... especialmente tenra e suave en contraste coa acidez do vinagre do escabeche.
*
Capítulo II. De la tradición a la modernidad. Vieiras encebolabas; bogavante en si mesmo; o pan e o ovo. Aínda que os dous mariscos estaban fantásticos, o que máis me gustou deste bloque foi o pan con ovo. Tiña ouido falar moito de cómo Pepe Solla considera que a temperatura de cocción é fundamental para o resultado final dun prato, e este ovo, nunha rebanada de pan de centeo frito, e para comer coa man, é o mellor exemplo. Penso que o recordarei dun xeito especial.
*
Capítulo III. Vuelta a la normalidad, primero el pescado y después la carne. Pámpano con grelos e caldo de cocido; costela de porto ibérico confitada e dourada. Debo recoñecer que non tiña nin a menor idea de que existía tal peixe; a combinación co caldo de cocido, cos seus olliños de graxa de chourizo e todo, podía resultar en principio chocante, pero combinaba á perfección; os grelos estaban ben duriños, no punto de cocción que a min me gusta. Da costela... ¡que dicir! Non sei se realmente é o mellor prato de porco que teño tomado nunca, como dixo algún crítico de gran fama, pero o seu sabor e deses que non se esquecen.
*
Capítulo IV. Un paseo por lo dulce. Fresas con coco; como unha tarta de mazá; leite, cacao, avelás e azúcar... ¡E menudo paseo! O mellor de todos, o postre de mazán, sen dúbida. Aínda que o leite, cacao... etc. estaba do máis logrado; atopar escamas de sal no medio de tanto doce era toda unha festa.
*
Capítulo V. Ya no puedo más. Milfollas de merengue; craquelin, froitas, trufas, e toffe. Xa para compartir, as milfollas foron o derradeiro postre, cun merengue dunha suavidade digna de mención.
¿Pódese pedir algo máis? Pois si, que Pepe Solla se molestara un chisco máis, e elexira por nós os viños: Fefiñanes 05 para o aperitivo; As Sortes 04 para os primeiros; Lalama 03 para a costela; e
Brunheda 00 para os postres. Todos deliciosos,
pero eu quedeime coa gran sorpresa final que supuxo o Porto co que tomamos os postres. Unhs delicia.
Saímos de Solla case e ás sete e media da tarde. Chus e César achegáronnos de volta a Pontevedra, onde tomamos un gin-tonic para rematar a noite, antes de acompañar de volta a Laconada á estación de tren...