Esta é a última fin de semana do
Pontevedra Tapas, que como é de supoñer é un certame de tapas no que participan algúns dos bares e cafeterías da cidade. Todas as tapas teñen o mesmo prezo (1,50 euros), e despois de probalas, pódese votar para elixir a mellor, pois aínda que hai un xurado profesional, hai tamén un premio do público para a mellor tapa.
E digo tapa, que non pincho, pois polo pouco que puidemos ver (somos pais dun neno pequeno que non queremos que se afume antes de tempo, e xa recurrimos dabondo aos avós), a maior parte dos locais presentan ao concurso unha pequena tapa, bastante maior que os pinchos de cortesía de sempre. Costume este, por certo, que espero non se perda, xa que non é incompatíbel ofrecer ao cliente un petisco de balde, con darlle tamén a posibilidade de degustar algún pequeno bocado, como os que se presentan a concurso.
Na foto, o sushi Maqui A de A Maquía. Por que este e non outros que tamén me gustaron moito? Pois porque está moi bo e o cociñeiro, Angelo, é amiguete. As cousas como son...