Se no que vai de ano o tema dos pinchos estivo algo parado, de agora en diante a cousa non vai mellorar moito. O 19 de setembro naceu o noso fillo, así que a nosa vida social estase a ver moi seriamente modificada. E non porque ao neno non lle guste o paseo, que lle encanta saír a dar unha voltiña todos os días, senón porque sendo tan pequeno, non nos apetece nada levalo a locais cheos de fume... E as cousas como son: bares, viñotecas, cafeterías ou tabernas de non fumadores case non hai.
Aínda así, RM xa andivo por aí de pinchos cos seus pais, faltaría máis! A súa primeira saída, ao día seguinte de vir á casa do hospital, foi para pasar por alí de novo para controlar a súa
icteria. E como todo estaba ben, facía sol, e atopamos unha terraza camiño da casa, aos tres días de nacer xa levamos a RM a tomar o aperitivo.
Nótase que o 12 Cafetería é un bar de barrio (concretamente, do Gorgullón). O local é pequeneiro, pero ten unha boa terraza, na que nos conectamos á internet coa súa rede wifi, e pagamos uns razoábeis 3,10 euros por unha tónica e unha 1906.