Polo seu pincho é, sen dúbida, o local do ano en Pontevedra. E iso, que houbo quen non lle augurou moi boa fortuna, dada a súa situación na céntrica, comercial e peonil Rúa da Oliva de Pontevedra. Pero eses que pensaban que esta non era unha boa ubicación para unha viñoteca enganáronse, á vista do difícil que ás veces resulta tomarse algo alí.
Como dicía, para min o valor fundamental deste local é o pincho que ofrecen: un pequeno petisco de pan con embutido, e un pincho de cociña a elixir. O día que tomei a foto, puidemos escoller entre callos, crema de verduras, salpicón de rape ou as fabas da imaxe. Para todos os gustos.
Ese día tomamos dúas claras e pagamos 3,40 euros. Máis que razoábel, ao meu parecer. Iso si, no interior do local; non sei canto incrementan os prezos en terraza, que tamén a ten, aínda que non estiven nela pois non é das que máis me gustan. Cada un ten as súas manías.
A casa da Oliva é tamén restaurante, na planta superior.
Makeijan e eu estivemos ceando alí fai xa un para de meses, pero aínda que todo foi correcto (local, servizo, comida), tampouco houbo nada que nos chamara en especial a atención. Cuestión de gustos, simplemente.
Rúa da Oliva nº13. Pontevedra