Fai unha semana que voltei do
Cabo de Gata, e aínda non tivera tempo a poñerme a contar nada da viaxe. Pero é o que teñen as vacacións, que antes de saír hai que deixar todo ao día, e ao voltar fan falla uns días para voltar á normalidade...
Fomos ate aló en coche.
Makeijan foi cos amigos ao
FIB, e eu quedei con el en
Ocaña para despois baixar xuntos ate
San José. Despois dunha viaxe tan longa, o único que nos apetecía era darnos unha ducha... e saír a tomar unha cervexa ben fresquiña, a ser posíbel acompañada dun pincho, xa que os meus curmáns que estiveran por alá facía uns anos nos comentaran que nesta zona as tapas (como eles lles chaman) de cortesía son habituais.Despois dun paseo (breve, estabamos cansos) polo pobo, fixemos ilusionados a nosa primeira parada. Pedimos dúas cervexas, e puxéronnos con elas esas patatillas que tan pouco nos gustan. Cousa que nos cabreou sobremaneira toda vez que vimos que a outros clientes si lles poñían tapa. Cruz e raia!
Decepcionados, collemos cara o porto buscando onde cear, pero aínda así fixemos outro intento. Na Taberna del Puerto pedimos dúas cervexas
(Alhambra Reserva 1925), e aquí xa nos ofreceron a posibilidade de escoller unhas tapas para acompañalas. Prezo: 5,60 euros. Caro? Pode ser, pero tendo en conta que é un pobo turístico, que esta é unha cervexa de alta gama, e o que pagamos noutros locais, estaba dentro da media.
Puerto Deportivo. San José