Busco axuda nos doces xudeus da
Tafona de Herminia cos que acompaño unha cunca de té para tratar de resumir o que foi a xornada do sábado, oficialmente chamada
VI Xantanza pero que foi moito máis.
Foron
Magago e
Sole quen, recollendo a testemuña de César, propuxeron algo completamente diferente para esta ocasión; e como gañas de coñecer cousas novas non nos faltan, entusiastas como somos madrugamos para estar ás dez e cuarto da mañá diante do castelo de Ribadavia, onde ía comezar a nosa pequena ruta por tres conceptos moi distintos de adegas da D.O. Ribeiro. Pero antes, un técnico da Consellería de Medio Rural nos fixo unha pequena introdución sobre da viticultura do Ribeiro (para quen non o saiba, unha das D.O. máis antigas, que agora cumpre o seu 75 aniversario, e onde se poden atopar vestixios de adegas dende fai uns dez séculos).
Coto de Gomariz,
Valdavia e
Viña Costeira foron magníficos exemplos dos diferentes conceptos de entender o viño. Pero a adega moderna, a de colleiteiro, e a máis grande do Ribeiro teñen unha cousa en común: o entusiasmo e as ganas de facer cousas novas. Recuperación de variedades autóctonas de Coto de Gomariz, o relevo xeracional en Valdavia, ou a sorpresa dun escumoso de dezanove anos de Viña Costeira son só algunhas das cousas a destacar. Todas e cada unha delas foron as mellores anfitrioas posíbeis ao abrir as súas casas para nós.
Cando chegamos ao xantar, en
Casal de Armán, tivemos a primeira baixa, cando
o Viticólogo dos bagos nos deixou por mor das súas obrigas laborais. Pero para que non morra de envexa direille que nesta ocasión o xantar foi o máis frouxo da xornada, aínda que como nós chegamos unha hora máis tarde da prevista prefiro non dicir moito ao respecto. Uns aperitivos (empanada, croquetas e queixos), costela guisada ou solombo (os dous de porco) a escoller, e unhas sobremesas variadas foron o noso menú.
Moita mellor impresión me deixou a pequena visita posterior á adega, onde nos fixeron partícipes do seu novo proxecto: un viño doce elaborado con mosto conxelado a 25º baixo cero.
Xa de volta en Ribadavia,
Gourmet de Provincias,
Colineta, e
Borraleira e a súa dona que desta volta tamén quixo unirse a nós (espero que me perdoen por non me ter despedido deles...) acabaron nese momento a xornada. Os demais, demos un paseo polo barrio xudeu da
vila e, como non podía ser doutro xeito, fixemos una visita á Tafona da Herminia, que eu descoñecía e foi a maior sorpresa do día, a onde voltamos pola mañá para mercar eses doces que preparou despois de erguerse ás catro da madrugada.
Case a esa mesma hora, dabamos por finalizada a gin-sesion coa que rematou a xornada. Sole regalounos un fermoso conto antes de que ela,
Makeijan e máis eu foramos apagando unha por unha as lámpadas do fabuloso salón de
Viña Meín.
Delokos acompañáranos ate que a excursión coas súas fillas do día seguinte o obrigasen a voltar para a casa; non sen antes, e grazas aos adiantos da técnica, ver
primeira crónica da xornada. Isabel foi seguida do seu
Pantagruel pouco despois. César e Chus tomaron un gin-tonic máis antes de durmir. E Magago, esgotado, aínda aguantou unha última copa antes de deixar sós aos que nos resistiamos a poñer fin a unha conversa entre amigos.