Non lembraría a película
"O cazador de soños", se non fose porque había unha lamprea xigante que ía por aí papando nos protagonistas. Polo menos, esa é a idea que teño do filme en cuestión. Así que cada vez que vexo
unha destas viva con esa boca tan chea de dentes que ten, dou grazas porque un cristal se interpoña entre nós. Porque sempre se di aquilo de "...que fame debía ter o primeiro que comeu unha centola". Pero, que decides da lamprea? E fea de raio!
Pero parece que un bo gastrónomo (e se é galego con máis razón) non é tal se non se enfronta de cando en vez a un animaliño destes. Os blogogastrónomos non podiamos ser menos, así que dando un xiro de 180º á nosa traxectoria anterior, esta V Xantanza decidimos celebrala arredor dunha lamprea. De feito, a data veu dada polo ingrediente principal da xantanza máis que polas nosas axendas; polo que foi unha pena que moitos dos nosos compañeiros non puidesen asistir. Pero coa lamprea, que só se come nos primeiros meses do ano, non se xoga!
O restaurante elixido foi un deses de toda a vida, Casa Emilio, en Catoira, ben coñecido na zona pola boa preparación que fan deste peixe, como puidemos comprobar. Pero antes, metémonos entre peito e costas un salpicón de marisco (do que eu tería prescindido dada a contundencia do prato principal, e porque foi o que menos me gustou do menú) e unhas cigalas á prancha (que estaban realmente boas). Sobremesa a elixir (eu tomei unhas fresas con zume de laranxa), viños Martín Códax e Pesquera, augas, cafés e algún que outro licor café completaron a cousa. Todo isto, por un prezo pactado que, ó descoñecer cal é o de carta do restaurante, prefiro non dar. Pero ben sabido é que nin unhas cigalas á prancha como as que tomamos, nin a lamprea, son precisamente baratos.
Esquecíame dicir que o prato estrela estaba moi (moi) bo. Avalan a miña opinión
Gourmet,
Sole,
Magago ou
Makeijan; aínda que estou esperando coñecer a opinión de
Pantagruel, que, por raro que poida parecer, nunca probara a lamprea (menos mal que lle puxemos remedio...)
Praza Dr. José R. Vázquez 1-Estación. Catoira