O domingo 17 pola mañá as miñas obrigas impedíronme achegarme ó Fórum, pero as catro da tarde xa estaba de novo en Santiago para ver outra morea de cousas.
Ás catro da tarde, dirixinme á Cata de Bombóns e chocolate dirixida por
Ariel Mendizábal, que resultou ser, sen lugar a dúbidas, o mellor do día para min.
Hei de confesar que descoñecía totalmente a existencia deste Mestre Pasteleiro (e digo isto pois foi merecedor dese título en España en 2005) tan cerca de nós, pois Ariel fai o seu traballo na pastelería
Doriel de Culleredo, á que dende logo teño que facer unha visita ben pronto.
Logo dunha pequena charla sobre os tipos de cacao e o proceso que sigue antes de poder ser elaborado, procedemos á cata de diferentes tipos de chocolate (branco, con leite, e puro), onde nos deron unhas pequenas pautas para intentar diferenciar un bo chocolate dun sucedáneo. E onde soubemos, tamén, que un bombón non debe pesar máis de sete gramos.
A apoteose chegou cando apareceron os bombóns máis fermosos que vira na miña vida (a fotografía non lles fai xustiza). Tanto que, como alguén dicía por alí, ate daba pena comelos, porque ademais de coidar o que é o seu sabor, Ariel Mendizábal trata de que os seus bombóns sexan espectaculares dende o punto de vista visual; ata tal punto, que se os xiramos 360º non atopamos unha imaxe igual á outra.
O que máis me gustou foi o que aparece na foto á dereita: de chocolate branco (o que menos me gusta, quen mo ía a dicir!) e cuns toques de laranxa deliciosos.