O
Grupo Nove e
PistaCatro foron os encargados de poñer fin para min ás actividades do primeiro día do Fórum. A verdade é que organización non deixou nin un minuto para que os asistentes se puidesen cansar ou aburrir. A voráxine na que nos atopabamos era tal, que apenas falei con Chus e César,
Sole,
Magago,
Gourmet,
Colineta ou o mesmo
Makeijan en todo o día, así que a crónica das cousas que eu non puiden ver atoparédelas nos seus blogs. Ou nos de
Delokos e
Garbancita, ós que por fin lles puiden poñer cara e cos que espero ter ocasión de falar máis o luns 18, día dos bloggers no Fórum.
Pero ó que ía... Os cociñeiros do Grupo Nove, seguro que para sorpresa de moitos, foron capaces de rirse da nova cociña, e das críticas máis habituais que reciben por parte dos descoñecedores da mesma. Iso, coa axuda inestimábel de parte dos membros de Pista Catro, que fixeron que o desfile de cociñeiros e pratos non resultase longo nin aburrido para o público que abarrotaba o auditorio.
Cada un dos cociñeiros escolleu un producto estrela para facer ou mostrar ou seus pratos: Xosé Cannas (Pepe Vieira) escolleu a pataca, que mostrou rechea de cocido; Antonio Botana (Pandemonium) o seu famoso polbo cocido o valeiro con xelea da súa cocción; Yayo Daporta (do restaurante do mesmo nome) os espectaculares mexillóns en tempura que tiven a oportunidade de probar fai algún tempo; Marcelo Tejedor (Casa Marcelo) o cafeto caldo e a empanada feita con pan líquido; Juan Crujeiras (A Estación) reivindicou a importancia dun bo pan para acompañar o xantar; Bea Sotelo (tamén de A Estación, e única muller integrante do grupo) tamén quixo lembar un produto autóctono como é o millo corvo; Manuel García (O retiro da Costiña) quixo lembrar cunhas ameixas que en Galiza tamén hai limoeiros; Javier "Taky" lembrou os chicharróns; Pepe Solla (Solla) púxolle a perla a unha ostra á que lle teño que poñer data deseguida; Pablo Romero (Allo e Aceite) ensalzou, como non podía ser doutro xeito, utilizou a cigala de Marín; Gonzalo Rey (El Mercadito) non se quixo esquecer dun prato que a todos nos gusta, os ovos con patacas fritidas; Rafael Centeno (Maruja Limón) utilizou unhas molexas de tenreira; Miguel Campos (A Gabeira) fixo uns bombóns de pataca que quero probar xa; Manuel Chaves amosou unha merluza do Celeiro que invitaba a levala para a casa; e rematou Héctor López (España) cunha espuma de grelos acompañada de cacheira prensada.
Como dicía, toda esta sucesión de cociñeiros e pratos non se fixo longa e aburrida, como pode parecer, senón que foi do máis entretida que vos poidades imaxinar. Foi un espectáculo moi áxil e divertido, que se nos pasou (penso) voando a todos. Notábase que xogaban na casa, e que disfrutan co que fan; tanto, que acabaron todos bailando e dando palmas no escenario.