
Se na noite do sábado andiveramos pola zona vella da cidade, o domingo pola mañá demos unha volta pola parte nova de Ponferrada. A procura dun determinado xornal, e aproveitar o sol dunha mañá de outubro foron as escusas que nos levaron ate a nosa primeira parada en La Bodeguilla.
O pincho foi ben xeitoso: pan con tomate e xamón cunha pinguiña de aceite e o seu toque de allo. Máis non era este o único que servían, xa que vimos como a outros clientes lles poñían unha tapiña de arroz servido en taza de café, ou queixo máis olivas. Como estabamos un pouco afastados da barra, e non é un local pequeno, non cheguei a saber se servían os pinchos en función da bebida (como xa teño visto algunha vez), ou dun xeito totalmente aleatorio.
Prezo? Non o lembro, eramos seis e non era eu quen levaba o bote, así que non podo dicilo; aínda que non lembro ningún comentario relativo ó desorbitado do mesmo.
O local estaba cheo: non sei se pola relación calidade-prezo, polo pincho, ou porque se atopa nunha rúa peonil chea de bares coas súas respectivas terrazas.
Praza Fernando Miranda nº5. Ponferrada |