Esquecérame dicir que os nosos anfitrións en
Ponferrada, e moi bos por certo, foron Marcos e Cristina, que non só nos fixeron de guías pola vila, senón que tamén nos acolleron na súa casa, e ós cales lles debemos, polo menos, unha cea na nosa.
Como nós viñamos de
La Rioja, e o que se di moito peixe non comeramos os días anteriores, pensaron que podía ser boa idea achegarnos a tomar unha cervexa á Pulpería Camariñas, onde, segundo eles, case sempre invitaban a un pinchiño de polbo. Máis como vedes na fotografía, ese día non foi así, senón que nos puxeron un bocareu por barba (eramos seis) que a min polo menos me soubo moi ben. De feito, non sei nin canto tempo facía que non os comía, que este verán a miña nai (que os prepara realmente ben...) non os mercou.
Como dicía, o polbo do Camariñas non o puiden probar, así que non sei se é ou non unha boa opción para parar a tomar unhas tapas en Ponferrada. Alguén me contará; aínda que non son eu moito de buscar cociña galega fora da casa, senón que prefiro os pratos típicos da zona.
Rúa do Reloj nº9. Ponferrada