Levo varios días dándolle voltas a como celebrar este día tan importante: hoxe fai un ano que botou a andar Depinchos, cun artigo do que por aquel entonces era o meu bar de cabeceira para tomar o aperitivo, o finado
México (hoxe mesmo, por un comentario souben que tamén nos deixou o
Malawe).
Esto nunca tería sido posíbel sen
Makeijan. Como os meus coñecementos de informática son moi básicos, sen a súa axuda nunca tería sido capaz de facer todo isto. Axuda, non so para as cuestións técnicas, senón tamén no que a traballo de campo se refire; penso que case todos os bares que aquí apareceron os visitamos xuntos.
A cousa empezou case coma un xogo. Fai xa bastantes anos que empecei a escoller as miñas visitas ós bares en función do pincho que poñían. Como non podía ser doutro xeito, esta aficción miña empezou en
Santiago de Compostela. Esporádicas visitas a
Lugo ou
León, e uns aniños pasados en
Salamanca, fixeron o resto.
Pensei que me visitarían os meus amigos e coñecidos. A todos lles contei deste blog. Esperei (¡que inocente!) os seus cometarios como unha auga de maio que poucas veces chegou. A cambio, case non dou crédito cando vin que xente tan importante como
Colineta ou
Cocinalia se facían eco da existencia de Depinchos. ¡Non o podía crer! Empezaron a chegar as visitas, os comentarios, as referencias... e dalgún xeito, novos amigos.
A algúns deles, tiven a oportunidade de coñecelos físicamente cando
Gourmet de Provincias argallou as blogoxantanzas. ¡Que honra recibir a sua invitación! A outros, so os coñezo polos comentarios que foron deixando, que me levaron á súa vez a visitar os seus blogs... Dalgún xeito, un costume tan antigo como ir de visita ás tabernas me levou a adentrarme no interesante mundo que se agocha detrás da rede.
So podo, pois, darvos a todos as grazas: porque agora xa sei que estades aí (ás veces, sorpréndome pensando que tal ou cal bar lle había gustar a calquera de vos); por aturarme todo este tempo; e, como non, por todos os comentarios, recomendacións e críticas que fóstedes deixando.
O dito meus amigos. Grazas, e espero que nos sigamos vendo de pinchos.