De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

La Rioja

Veño de pasar uns días en La Rioja, entendida non como provincia ou comunidade autónoma, senón como zona vitivinícola, de aí que visitara localidades non só de La Rioja, senón tamén algunha de Araba.

De feito, o noso primeiro contacto cos pinchos foi en Labastida, un fermoso pobo de Euskadi situado a poucos kilómetros de Haro, en La Rioja. Alí, despois de subir ó alto do pobo e disfrutar das vistas, fomos baixando e descubrindo algún dos bares da localidade; moitos de eles pechados, non sei se por ser luns ó mediodía, ou porque estabamos en plena época de vendima. Os pinchos que tomamos foron todos de pago, como xa supoñiamos: nin unha triste oliva nos puxeron de balde. Chamounos a atención a cantidade de cousas rebozadas, xa fosen alcachofas, pementos recheos ou orella de porco.

Esa mesma noite, estivemos en Logroño, na arquicoñecida C/ del Laurel. Alí disfrutamos de tostas de boletus, champiñóns á prancha con gamba, ou uns pequenos bocatas de "rotos" (ovos rotos + patacas fritas + calquera outra cousa) que estaban realmente bos.

Pero non só na cidade hai bos pinchos: tamén disfrutamos dunha interesante tarde en Nájera, fermosa localidade da que non se pode saír sen visitar Santa María La Real, toda unha descuberta nestas vacacións: peixe rebozado, bacallau en aceite, montadiños... e non sei cantas cousas máis. E iso, que tamén atopamos moitos locais pechados, igual polas datas nas que estabamos, ou porque ate a fin de semana non hai movemento de xente nun pobo coma este.

Mágoa que ningún destes pequenos pratos fora de balde... Pero habendo xente que paga por eles, ¿para que van a agasallar ós clientes con pinchos? Disfrutei moito dos pinchos desta zona, aínda que non atopei (igual non dei cos sitios axeitados) esas tapas elaboradas que teño visto en reportaxes ou revistas.

Pero ir de pinchos por La Rioja non é barato. Dúas consumicións (dous cortos de cervexa na maioría dos casos) e dous pinchos poden custar entre 3.80 e 5,40 euros. Perfecto como aperitivo, por exemplo, pero algo caro ó meu entender se se pretende facer así unha comida.

De todos os xeitos, é unha experiencia a repetir.
Comentarios (0) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 23-10-2007 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
Lanzarote

Aínda non sei moi ben como conseguimos facernos cuns días libres para irnos de vacacións a Lanzarote. Ó ter que deixar o traballo ó día (e algunha que outra cousa máis polo que puidera pasar...) antes de ir, e recuperar o tempo perdido ó voltar, deixei isto un tanto abandonado. Pero, a cambio, parte das vacacións as adiquei a buscar algún de bar de pinchos na illa, cousa que lamentabelmente non conseguín.

E conste, que non foi porque non fixeramos traballo de campo de abondo; porque, descartadas as zonas de praia (aínda que nun bar de Puerto del Carmen nos puxeron uns manises cunhas cañas de Estrella Galicia que nos pareceu todo un detalle) a única posibilidade de ter éxito era facer incursións nos pobos do interior da illa. Pero tampouco houbo sorte. O máis parecido a un pincho que atopamos foi o que vedes na fotografía.

Tratase da degustación dos viños que probamos en El Grifo, unha das máis antigas adegas de Lanzarote, nas que visitamos un Museo do Viño que nos sorprendeu agradabelmente. Por cinco euros por persoa, a entrada ó Museo incluía a posibilidade de degustar cinco dos viños da bodega (tamén hai unha entrada máis económica a tres euros e unha degustación) que nos pareceu unha boa opción. E a nosa sorpresa foi cando ó lado dos viños nos serviron nun prato de madeira cun queixo fresco de cabuxa do país e un chisco de pan torrado.

Como dicía, o máis parecido a un pincho que atopamos.
Comentarios (1) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 02-07-2007 15:43
# Ligazón permanente a este artigo
Aniversario

Levo varios días dándolle voltas a como celebrar este día tan importante: hoxe fai un ano que botou a andar Depinchos, cun artigo do que por aquel entonces era o meu bar de cabeceira para tomar o aperitivo, o finado México (hoxe mesmo, por un comentario souben que tamén nos deixou o Malawe).

Esto nunca tería sido posíbel sen Makeijan. Como os meus coñecementos de informática son moi básicos, sen a súa axuda nunca tería sido capaz de facer todo isto. Axuda, non so para as cuestións técnicas, senón tamén no que a traballo de campo se refire; penso que case todos os bares que aquí apareceron os visitamos xuntos.

A cousa empezou case coma un xogo. Fai xa bastantes anos que empecei a escoller as miñas visitas ós bares en función do pincho que poñían. Como non podía ser doutro xeito, esta aficción miña empezou en Santiago de Compostela. Esporádicas visitas a Lugo ou León, e uns aniños pasados en Salamanca, fixeron o resto.

Pensei que me visitarían os meus amigos e coñecidos. A todos lles contei deste blog. Esperei (¡que inocente!) os seus cometarios como unha auga de maio que poucas veces chegou. A cambio, case non dou crédito cando vin que xente tan importante como Colineta ou Cocinalia se facían eco da existencia de Depinchos. ¡Non o podía crer! Empezaron a chegar as visitas, os comentarios, as referencias... e dalgún xeito, novos amigos.

A algúns deles, tiven a oportunidade de coñecelos físicamente cando Gourmet de Provincias argallou as blogoxantanzas. ¡Que honra recibir a sua invitación! A outros, so os coñezo polos comentarios que foron deixando, que me levaron á súa vez a visitar os seus blogs... Dalgún xeito, un costume tan antigo como ir de visita ás tabernas me levou a adentrarme no interesante mundo que se agocha detrás da rede.

So podo, pois, darvos a todos as grazas: porque agora xa sei que estades aí (ás veces, sorpréndome pensando que tal ou cal bar lle había gustar a calquera de vos); por aturarme todo este tempo; e, como non, por todos os comentarios, recomendacións e críticas que fóstedes deixando.

O dito meus amigos. Grazas, e espero que nos sigamos vendo de pinchos.
Comentarios (6) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 27-04-2007 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
Praga
Praga foi o meu principal destino nestas derradeiras vacacións, nas que fomos a visitar a uns amigos que viven alí: mil grazas unha vez máis, Sasa e Óscar, por acollernos na vosa casa e facernos de "cicerones" non só pola cidade, senón tamén polos seus arredores (inesquecíbel a visita ó campo de concentración de Terezín, por exemplo). Moitos de vós xa teredes visitado esa fermosa cidade, na que, se bota de máis ós turistas (vale, xa sei que eu tamén o son, pero cando se coincide con tantos é case imposíbel disfrutar das cousas, ¿ou non?) e de menos os pinchos. Porque bares e tabernas hai dabondo, e a cervexa é ben boa.

Nada nos sentaba mellor que unha cervexa ben fresquiña despois dun día de paseo polas rúas de Praga (ou de Plzen ou Olomouc, por exemplo, cidades que tamén visitamos), ainda que lle faltase ó lado un bo pincho. De feito, eles mesmos "saben" que, para poder beber a gusto, é necesario acompañar a cervexa con algo, de ahí que en todas as tabernas teñen na súa carta o famoso "queixo de cervexa" (con un sabor moi forte para min, que non gosto especialemente dos queixos), ou unhas salchicas frías chamadas algo así como "utopenec" (Sasa me correxirá, seguro), que serven con cebola e vinagre, todo acompañado dun pan de centeo moi bo. Mágoa que sexan de pago...

Ía decir que, se acompañasen a cervexa cun pinchiño, a xente bebería máis, pero non sei se iso é realmente posíbel. O normal, é pedir a cervexa en xerras de medio litro, ainda que tamén a sirvan en vasos de 33 cl., escollida segundo o seu grao de azúcar (nós sempre pediamos a de máis graduación, sabiamos mellor), e sentarse cos amigos a falar e beber sen pensar no reloxio. De feito, a ainda que agora xa case non se fai, seica o habitual era sentarse nunha taberna, pedir cervexa, e que o camareiro fose poñendo xerras e xerras ate que o cliente as tapase cos pousavasos, indicando así que xa non quería máis. ¡Qué medo!

Unha curiosidade: nalgúns locais (eso si, previa petición), serven o que alí coñecen como "xirafas": tubos de cervexa de catro litros, cunha pequena billa para que sexan os propios clientes os que se vaian servindo. ¡Menudo perigo! Ahí si que se fai necesario pedir algo para acompañar a bebida; do contrario, corre un o risco de coller o tranvía en dirección contraria, e chegar a quen sabe onde.

E todo a bo prezo. Eu non me parei a comprobar se é certo eso que din de que na República Checa a cervexa é máis barata que a auga, pero si que é máis barata que un café. Ou sexa, que para que todo sexa perfecto, só faltan os pinchos.

Quen sabe se algún día...
Comentarios (3) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 04-11-2006 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Berlín
Antes de nada, teño que dar unha explicación por non poñer novos artigos no blog durante tanto tempo, e como blogueiro que son (que diría Pepe Isbert en "Bienvenido Mr. Marshall", vóuvola a dar. O motivo da miña ausencia durante este tempo é ben sinxelo, e moi gratificante para min ademáis: estiven de vacacións.

De ahí que uns días antes da saída tivera que traballar arreo para deixar todo en orden; e á volta... pois non quedou máis remedio que recuperar o tempo perdido. Co cal, as miñas aficións tiveron que pasar a un segundo plano, moi ó meu pesar.

Na viaxe pasamos unha tarde-noite en Berlín, cidade que vos recomendo visitar se non a coñecedes xa. Como vos digo, estivemos moi pouco tempo, así que non puidemos coñecer ben esta cidade, algo que queda pendente para outra ocasión. Nembargantes, e correndo coma tolos dun sitio a outro, deunos tempo a ver, como non, o tan tristemente famoso muro (ainda que queda só unha pequena parte, esterrece pensar o que foi iso); a dar un paseo pola Illa dos Museos (eso sí, sen entrar en ningún por falta de tempo e onde me quedou moita pena de non ver o busto de Nefertiti), a catedral (tamén por fora, custaba cinco euros a entrada e non daba o tempo para amortizala); o monumento ó holocausto (sobrecolledor, supoño en parte porque era unha tarde gris), a porta de Brandenburgo, o Bundestag, a espectacular Postdamer Platz, e a non menos impresionante estación central de tren... e algunha cousa máis que de seguro esquezo.

Como é lóxico, non tiven moito tempo a averiguar se nalgunha das moitas cervexerías da cidade poñen pinchos, ainda que teño a sensación de que non. Unha curiosidade: as tapas están de moda.Vimos varios restaurantes e bares de tapas, pero nin nos atrevemos a entrar en ningún por medo ó que podíamos atopar. Tomamos unhas cervexas na Postdamer Platz (unha xerra de 0'50 l. tres euros cincuenta), e non nos puxeron nada para acompañala, pero ainda así pagaba a pena estar alí.

Pola noite, cansos como estabamos, demos unha volta polos arredores do hotel para buscar onde cear. Ó final, decidímonos por algo moi pouco alemán: un xaponés. A súa especialidade era o "kushi": unha variante da tempura, composta por pequenas espetadas de gamba, raíz de loto, cebola, carne, calamar, peixe, etc. que se friten e se acompañan por diversas salsas: dende unha mostaza xaponesa á tan famosa salsa de soia. Estaba realmente bo, ainda que nos pareceu un pouco escaso... e caro.

Pareceunos unha boa opción para un primeiro plato; ou, por qué non, para poñer de pincho cunha Sapporo, a cervexa nipona que tivemos a oportunidade de probar.
Comentarios (0) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 29-10-2006 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal