De pinchos


Pequena axuda para decidir onde tomar o aperitivo, alí onde te atopes.

Este blog pretende ser unha pequena "guí­a" dos bares que máis me gustan para tomar o aperitivo; eso si, sempre acompañado dun bo pincho, e fuxindo das tan socorridas "patatillas" ou olivas de baixa calidade.

A miña intención é que o blog estea o máis actualizado posible, e por iso en lugar de recurrir á memoria, vou a ir engandindo locais pouco a pouco, segundo os vaia visitando.

Espero que vos guste; e tamén os vosos comentarios para que a información sexa o máis correcta posible.

Vémonos de pinchos...







Blogastrónomos Galegos

Promociona a túa páxina tamén
Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters







O meu perfil
moraiminhaarrobagmailpuntocom
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 LIGAZÓNS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS

Guimarães

Seguro que moitos de vós coñecedes Guimarães, unha das vilas máis fermosas de Portugal, e que se atopa aproximadamente a unha hora de Valença do Miño (por autoestrada), o que a convirte nunha moi boa opción para pasar o día, ou unha relaxante fin de semana, como fixemos Makeijan e máis eu fai uns días.

Despois de pasar a noite nunha Pousada, en pleno centro histórico, o domingo pola mañá subimos ao Monte Latito, onde visitamos o Palacio dos Braganza, a capela de San Miguel e o Castelo de San Mamede.

De baixada, deixámonos levar polas pequenas rúas sen rumbo fixo, e facendo tempo antes do bacallau que tiñamos pensado xantar, fómonos fixando na cantidade de locais de hostalaría, que, como non pode ser doutro xeito, hai na parte antiga da cidade. Moitos deles, pequenos pero cunha decoración moderna que invitan a entrar.

Así foi como atopamos unha fermosa viñoteca, na que decidimos probar os viños da zona... aínda que non conseguimos que nos explicaran gran cousa sobre eles, todo hai que dicilo! Pero cal non foi a nosa sorpresa cando, pensando se deberiamos pedir algún petisco para acompañar o viño nos trouxeron estes figos.

Penso que pagamos algo máis de catro euros, un pouco caro para o que son os prezos alí, pero que nós pagamos ben contentos tendo en conta o petiscto que nos puxeran.
Comentarios (0) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 19-12-2011 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
El Empalme

El Empalme non é un bar de pinchos. É un deses restaurantes de estrada no que un pode tomar un café ou unhas tapas na barra de paso que vai de viaxe, ou pode sentarse tranquilamente a degustar os deliciosos pratos que con cogomelos prepara Gloria Martín, a cociñeira. Iso si, sempre previa reserva.

Despois de varios intentos, xantamos alí fai uns meses. E fai un par de semanas volvemos a pasar por alí, esta vez a media mañá camiño de Madrid, Xa na visita anterior falaramos dos blogs; e de novo saíu o tema nesta ocasión, en canto os donos se deron conta de que lles soaban as nosas facianas.

En canto lle comentei a Gloria o tema do meu blog marchou cara a cociña; e cando nos demos conta, estábanos agasallando co delicioso pincho que podedes ver: un delicioso petisco de foie, con pasta de olivas e escamas de man de buda.

Todo un detalle pola súa parte, e unha grande sorte para nós!


Estrada Villacastín-Vigo, km 352 (Rionegro del Puente)
Situación
Comentarios (3) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 07-10-2008 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chipiona

Media de loncha', media de cachito' y do' media' de pan tosta'o.

Hai dúas curiosidades nestas poucas palabras, escoitadas nunha barra dun bar calquera de Chipiona. A primeira, que a únidade de medida é a media. A segunda, que este é un perfecto acompañamento para o cola-cao ou o café con leite; pois aínda que as medias de pan torrado poden parecer normais para o almorzo, non o son tanto se a manteiga coa que se adereza é colorá ou se fai con aceite. E menos habituais son, eses medios bocadillos de xamón, ben sexa cortado en lonchas ou en taquiños quentados na tixola.

Tamén nos chamou a atención, á hora de tomar un café, a alta proporción de gran torrefactado que utilizan nas misturas, o cal resulta nun caldo moi negro e cun cheiro a queimado pouco apetecíbel. O que unido á altísima temperatura á que sirven o café con leite, fai que un se plantexe que non é unha mala opción deixar a cafeína a un lado por un tempo.

Como podedes supoñer, nesta visita a Chipiona non atopamos ningún pincho de balde; se non fose por algún que outro sitio onde si nos puxeron unhas olivas realmente boas, e polas que de seguro, aquí pagaría ben de cartos por elas, dado o difícil que é facerse con elas fora das súas zonas de orixe.
Comentarios (0) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 11-05-2008 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Praga II

Quen me ía dicir a min que, coa de sitios que me quedan por coñecer, andaría ás voltas por Praga tan pronto outra vez! Pero as cousas son como son, e iste é un destino para o inverno, se un se esquece do frío que che fai quedar sen tento ó tratar de tirar unha foto, ou o xeo no chan que che fai parecer un pato ó intentar andar por riba del.

Praga é unha cidade fermosa, na que che pasan as horas indo pola rúa sen rumbo fixo, e na que en calquera curruncho podes atopar unha boa taberna onde entrar a tomar unha cervexa a un prezo máis que razoábel. Non é o mesmo, claro está, tomar algo nun dos bares dos arredores do Karluv Most, que no barrio de Stodulky, por exemplo, antigo pobo anexionado á cidade non hai tantos anos, nas aforas da cidade, e no que viven os nosos amigos Sassa e Óscar.

En Stodulky pódense atopar locais como o que demos en chamar 24 horas; que en realidade se chama algo así como Fantasie, e que, como é fácil supoñer, ten horario continuado. Así que é a mellor opción para comer ou beber algo a calquera hora do día ou da noite, xogar uns dardos ou un futbolín, ou calquera outra cousa que non faga necesaria unha certa intensidade de luz, pois é tan íntimo que nalgunhas mesas ate resulta un tanto complicado estudar a carta... sobre todo, para dous galegos que non teñen nin idea de checo, e que utilizan a intuición máis que os coñecementos idiomáticos para tratar de pedir unha salchicha con mostaza, por exemplo.

O primeiro de ano, despois de disfrutar do último día das casetas de Nadal na Staroměstské náměstí ou na Václavské náměstí, e de ver os fogos artificiais do día da República dende a fermosa (e carísima) rúa Paří?ská, paramos a tomar unha cervexa e unha sopiña neste bar. Pedimos unha sopa de allo (Česnečká) e outra de gulash (gulá?ová polévka), e aínda que non foron as mellores da nosa vida, fixeron o seu efecto de quentarnos o corpo, e a un prezo máis que razoábel: Gambrinus de barril (medio litro) e cunca de sopa, corenta coroas (menos de dous euros).

Unha curiosidade: non sei se alguén o vira antes, pero á saída do Fantasie hai un pequeno cartel con fotos dos clientes que marcharon (ou intentaron, o meu checo non da para tanto...) marchar sen pagar.
Comentarios (2) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 15-01-2008 20:37
# Ligazón permanente a este artigo
Zamora

Non sei ben cantos anos había que non me coincidía a parar o tempo suficiente en Zamora como para dar unha volta e tomar uns viños. Así que agradecemos moi moito a invitación de Carlos e Patri e paramos na súa casa de volta de La Rioja.

Como supoñía, os pinchos en Zamora seguen a ser de pago. Algúns dos bares clásicos que recordaba doutras visitas continúan abertos; aínda que non lembraba que moitos deles fosen reconvertibeis en locais de copas segundo avanza a noite.

Como non podía ser doutro xeito, pasamos pola coñecida como zona dos Lobos; varios bares (se non me engano, son tres) que teñen como referencia o pincho moruno, con ou sen picante, a gusto do consumidor. Pero tamén puidemos probar montadiños, mexillóns en salsa e algunha que outra boa tapa de cociña máis; todas elas boas opcións de tapeo en Zamora.

Máis levei a sorpresa de que, xunto coas tapas máis tradicionais, están abrindo locais onde intentan innovar neste ámbito, con preparacións máis elaboradas e sorprendentes. Non podo deixar de citar a modo de exemplo (aínda que hai outros, como un no que topamos unha boísima espetada de langostinos rebozados con froitos secos, e do cal non lembro o nome) Los Caprichos de Meneses.


Entramos neste local case ás tres da tarde, e aínda que era xa un pouco tarde para os costumes da cidade, o camareiro enganchounos por completo. Déixamonos recomendar un viño de Toro (Finca Yerro), e, como non, uns pinchos que resultaron ser espectaculares: unha cadeira de bacallau e un blinis de foie foron as primeiras recomendacións que Lázaro nos fixo... e despois dun principio tan espectacular, ¿cómo negarse a seguir probando cousas? De feito, contounos que no Concurso de Pinchos celebrado en Valladolid o pasado mes de outubro a cadeira de bacallau foi un dos finalistas. O pincho en cuestión faise cun pan seco elaborado no local sobre o cal se coloca o bacallau marinado en laranxa, mousse de iogur, piñóns glaseados e mel de azahar.

Evidentemente, pinchos desta categoría non poden ser de balde. Mágoa...
Comentarios (1) - Categoría - Polo mundo adiante - Publicado o 10-11-2007 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0